Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Os orzamentos do Estado para 2021 son moi optimistas”



PUBLICADO O 01 DE DECEMBRO DE 2020 · (0)




Nun 2020 excepcional e ante un 2021 que é improbable que sexa normal de todo, os empresarios din que incrementar os tipos impositivos a rendas de máis de 300.000 euros é unha medida populistas que de pouco ou nada sieve para alimentar o peto común. A presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, Patricia García pide que a chegada de recursos ás empresas sexa “rápida e efectiva” e que cos préstamos “se teña en conta a evolución da crise á hora de reclamar a súa devolución”.

Como valorades a xestión sanitaria? Porque hai mais opcións, como demostra Suecia.

Suecia ou Portugal, tamén podería citar. Pero non hai variñas máxicas. O caso de Suecia foi moi aplaudido ata que en maio se agravou a situación e incrementou notablemente a taxa de mortalidade; agora veñen de anunciar medidas máis drásticas, como tamén está a suceder en Portugal. Non obstante, se hai algo que envexar a eses dous países é a concienciación cidadá, ese grao de compromiso e confianza entre goberno e cidadanía, e a colaboración entre partidos políticos. Niso, coido que temos una materia pendente.

Tedes feito un estudo da perda de empresas e tecido empresarial que se espera en Galicia a fin de ano ou do que levamos perdido?

Mantemos contacto con algúns dos sectores máis afectados, pero non co obxectivo de cuantificar esas perdas, senón de captar e transmitir as súas inquedanzas.

Serán irrecuperables determinados sectores, como moitos negocios hostaleiros?

A recuperación previsiblemente vai ser máis longa do esperado e vai depender da axilidade administrativa á hora de achegar os recursos necesarios para a súa resistencia… e supervivencia. Non, eu non creo que o sector hostaleiro sexa irrecuperable, pero é certo que se lle está a pedir un esforzo case sobrehumano e cómpre atender axiña as súas urxencias. […]

Hai empresas que aumentaron facturación ao redirixir o negocio cara produtos ou servizos anti-covid pero supoño que non compensa as que perden.

Somos un país de micropemes, pemes e autónomos, que son os que concentran a meirande parte do emprego. Algúns puideron redirixir a súa actividade tamén no sector hostaleiro, outros mesmo atoparon unha oportunidade nesta crise, como o relacionado coas telecomunicacións, as plataformas tecnolóxicas ou… ocórreseme tamén a desinfección, por exemplo, por non falar das empresas biotecnolóxicas. Outros, como moitos vinculados á cultura, darán o ano por perdido. E hai que pensar tamén que a retracción da demanda en sectores estratéxicos para a economía galega, como o téxtil ou a automoción, ten unha repercusión directa no balance das empresas.

Pedides definir que é o importante e que é o urxente, incrementar o erario público ou dar osíxeno ás empresas. Entendo que como pregunta retórica, sen riqueza xerada no sector privado non hai nada.

Claro. É evidente que as arcas públicas se enchen coas achegas de todos, e son as empresas as que sosteñen a meirande parte do emprego en España. Sen empresas desaparece ese emprego. Aquí non se trata de teorías económicas. Trátase dunha pandemia que obrigou a protexer a nosa saúde e, xa que logo, a parar boa parte da actividade, a retomala despois a ralentí, a non poder cumprir obxectivos… Unha situación que detivo en seco o proceso de recuperación tras a dura crise económica anterior.

Os ingresos tributarios de 2020 caerán un 24 % na recadación do imposto de Sociedades, un 11 % na do IVE e un 9 % en impostos especiais. Iso coida o Goberno. Vós apuntades a que será máis.

Tamén o apuntaba despois o Banco de España. É lóxico. Á marxe de que os PGE-21 xa son moi optimistas en si mesmos, semella que no momento da elaboración non se tivo en conta o agravamento da pandemia este outono.

Que pedides exactamente? 

De entrada que a chegada de recursos ás empresas sexa rápida e efectiva e que, no caso dos préstamos, se teña en conta a evolución da crise sanitaria á hora de reclamar a súa devolución. Do mesmo xeito, parécenos de xustiza que as cargas fiscais se reduzan na mesma proporción que a actividade, supeditada a limitacións e restricións impostas polos sucesivos decretos. E, doutra banda, non nos parece este o mellor momento para anunciar novas figuras impositivas.

Contades con ser escoitados estando na coalición de goberno un partido como Unidas Podemos?

Cal é a parte que poden rexeitar e con que xustificación? Queda moi ben iso de anunciar ‘impostos aos máis ricos’ e aos ‘grandes aforros’ pero, cal é a rendibilidade real desas medidas? Chegarán ao menos para cubrir o incremento dos salarios públicos? Teño as miñas dúbidas. Pero fóra desa crítica en realidade non estamos falando dun partido político, senón dun goberno de coalición, e a cousa muda. Algunha ministra está dando mostras de comprendelo, outros progresan axeitadamente e a outros estálles custando algo máis.

Algo positivo que poidamos sacar do que estamos a vivir?

Sempre hai cousas que aprender. Estabamos abocados a unha transformación tecnolóxica que ía levar non menos de cinco ou dez anos. Malia que quedan buratos e fendas que haberá que corrixir aforramos boa parte dese tempo. Ata os que estaban tan cómodos no seu mundo analóxico, saben que nada vai ser igual.

(Extracto da entrevista publicada no número 354 – novembro 2020)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)