“Somos familias acolledoras que nos organizamos, apoiamos e traballamos por e para o acollemento”
Desde hai máis de 30 anos funciona en Galicia o acollemento en familia allea, unha medida que permite que nenas, nenos e adolescentes que non poden estar coa súa familia biolóxica teñan os recursos materiais e afectivos propios dun fogar mantendo, sempre que sexa posible, a relación e os lazos afectivos cos seus. As últimas cifras da Consellería de Política Social indican que hai en Galicia unhas 250 familias acolledoras que, desde hai uns meses, teñen voz propia a través de Acougo, a asociación que preside Carmen Dourado.
Que é Acougo e a quen representa?
É unha asociación sen ánimo de lucro que intenta facer visible a situación de nenas, nenos e adolescentes que, por determinados motivos, non poden estar coas súas nais ou pais e pasan a convivir con outra familia. O acollemento é unha das medidas do sistema de protección de menores e está pensado para darlles a posibilidade de estar na mellor situación posible ata que a problemática que os levou a esta medida mellore e poidan retornar á súa familia biolóxica. Nese tempo mantense no posible o contacto coas súas raíces, e esta é, precisamente, a principal diferencia coa adopción. Cómpre ter en conta que o acollemento pode ser residencial –en centros de menores– ou familiar. Este último é o que nos afecta e o que defendemos como a medida de protección máis importante e efectiva para o desenvolvemento integral destas crianzas. Representamos ás familias acolledoras e somos familias acolledoras que nos organizamos, apoiamos e traballamos por e para o acollemento familiar.
Cales son os obxectivos da asociación?
Tal como recollen os nosos estatutos, o principal é a protección á infancia e o fomento do acollemento familiar en Galicia. Tamén representar e axudar as familias acolledoras –tanto familia extensa como familia allea–, e aos menores acollidos no proceso e xestións derivadas do acollemento e xerar espazos de encontro e de compartir experiencias. E, por suposto, sensibilizar á poboación en materia de medidas de protección de menores.
O programa de acollida ten xa unha longa traxectoria. Por que xorde agora esta iniciativa?
Porque era necesaria. Como dis, pese ao tempo transcorrido hai moitos problemas que afectan tanto ás familias acolledoras como aos menores acollidos, así que decidimos organizarnos e tentar colaborar na resolución desas cuestións.
Xa mantivestes reunións coas institucións implicadas no acollemento, como está a ser esa relación?
Nós chegamos aquí para axudar, nunca para criticar ou reivindicar nada, e así llo transmitimos á Administración e á entidade mediadora deste programa público. Temos un posicionamento de máxima colaboración e implicación co único obxectivo de conseguir que, entre todos, o acollemento familiar funcione o mellor posible e haxa suficientes familias acolledoras para atender a demanda existente. Sabemos que o número de menores que están no sistema de protección aumenta vertixinosamente, que os centros teñen unha sobreocupación manifesta e que hai menores en alto risco na súa contorna porque non hai capacidade para intervir. O acollemento familiar, con décadas de experiencia, demostrou ser o mellor recurso para estas crianzas.
As administracións están compostas por persoas, e as persoas que coñecen esta realidade están, na inmensa maioría, de acordo con nós. E aínda que é complicado ir mudando a engrenaxe dun sistema un pouco anticuado, hai un alto grado de consenso nesta afirmación. Agora, o ideal é que todos os axentes implicados camiñemos xuntos cara ese cambio de paradigma que vaia dando respostas actuais e eficaces ás situacións de centos de nenas, nenos e adolescentes que, ademais, son o futuro da nosa sociedade.
En 2015 a Xunta crea a Consellería de Política Social. Supuxo algún cambio na xestión do acollemento?
Hai un maior convencemento, por parte dos equipos técnicos, da importancia do acollemento familiar, pero o número de menores en residencias é enorme –actualmente supera os 1.200 en Galicia–, así que queda moito por facer. O acollemento familiar é a opción máis beneficiosa para todas as partes, tamén para a Administración porque é máis económica e sostible. É verdade que é máis complexa de xestionar, que require persoal moi competente, formado, implicado e, sobre todo, suficiente, fan falta máis recursos humanos, isto é unha realidade. O que supuxo un cambio importante foi a lei do 2015, que recolle que hai que primar o acollemento familiar fronte o residencial e indica explicitamente que isto é “de obrigado cumprimento nos menores de tres anos, e dun xeito moi preferente para os de tres a seis anos”. Cremos que apostar por isto en todos os casos sería un éxito sen precedentes e un orgullo para Galicia. Seríamos un referente!
O acollemento é unha medida aínda moi descoñecida na sociedade, mesmo no sistema educativo, sanitario… Por que ?
Penso que hai moitos factores que inflúen. Tradicionalmente ocultábase esta realidade social, as situacións problemáticas eran tabú. Por fortuna isto está cambiando e creo que cada vez hai máis sensibilidade social e fálase máis do acollemento. Tamén inflúe a cantidade de persoas, xa adultas, que pasaron polo sistema de protección e que poden falar del en primeira persoa.
Pero tamén é certo que a sensación de vertixe e ata de medo que provoca un tema tan delicado –e moitas veces tan grave– como este fai máis sinxelo non afondar e non querer saber. Supoño que é unha cuestións de autoprotección, non queremos ver sufrimentos que nos fagan sufrir a nós. E isto é aplicable ás persoas e á sociedade.
Temos que cambiar o paradigma e pensar que está nas nosas mans acabar ou paliar ese sufrimento e esas situacións que non nos gustan. O acollemento é unha solución máis que boa para os menores pero tamén para as persoas ou familias que acollen, e así se ten demostrado nestes anos. Hai que cambiar ese imaxinario social que nos quere ter un pouco anestesiados ante esta realidade e tomar as rendas. Comezar a xerar unha cultura de acollemento.
Unha das primeiras accións da asociación é traballar no ámbito municipal para atallar ese descoñecemento. En que consiste esta iniciativa?
Parte un pouco deste lema que comentaba: “Xerando cultura de acollemento”. Somos un pobo solidario, pero temos moi arraigado o concepto de propiedade e creo que iso inflúe negativamente no acollemento. As familias acolledoras escoitamos constantemente frases como “Sodes dunha pasta especial, eu non podería; E cando cho quiten?; Por que non leva os teus apelidos?…”. Son preguntas que mostran moito descoñecemento pero tamén esa vertixe e ese sentido da propiedade dos que falaba antes. Temos que mudar esa idea de que alguén poida ser dono doutra persoa, nin sequera das fillas ou fillos biolóxicos. Temos que coidalos, acompañalos, darlles todos os recursos para que poidan converterse en persoas autónomas e felices… pero independentes, únicas e libres, preparadas para, cando o precisen, saír ao mundo coa súa mochila repleta de ferramentas. Esa é a función que temos como sociedade e é vital implantar esta percepción. En fin, que estamos visitando Concellos para animalos a traballar estes aspectos coa veciñanza, disipar eses medos e ir mudando esta percepción por un concepto de axuda xenerosa e implicada que poida atraer novas familias acolledoras, ou simplemente sirva para dar a coñecer a medida.
Falabas ao principio de problemas que teñen as familias acolledoras. Cales son as principais dificultades?
Partimos de que cada familia, e cada caso, é un mundo. Non hai dúas situacións iguais, pero si hai dificultades comúns en varios eidos: xestións burocráticas –ás veces moi complexas– derivadas do acollemento ou da situación familiar previa; necesidades a nivel loxístico ou de conciliación, e cuestións relacionadas coa inexperiencia ou complicacións derivadas dunha falta de apoio mutuo das propias familias. En moitas delas, aínda que as administracións estean presentes, precísase unha axuda “extra” e aí é onde creo que nós, como familias, debemos estar máis presentes para acompañar a quen o precisa, para resolver dúbidas sinxelas, para aconsellar con profesionalidade pero tamén coa experiencia… E, por suposto, para promover políticas públicas que faciliten as xestións e a vida das familias acolledoras e das persoas acollidas.
Unha acolledora cun neno enfermo de cancro falaba estes días nos medios das dificultades engadidas que supón enfrontar unha enfermidade grave dependendo da administración para todo, porque as familias non son titoras nin poden tomar moitas decisións. Isto, en certos casos… parece incomprensible.
Certamente pero, como responsable última destas criaturas, a Administración debe ter todo ben atado e exercer certo “control”. A cuestión é como compatibilizar iso con situacións tan excepcionais como a que mencionas e como establecer vías que, en lugar de complicar, nos faciliten a vida diaria. Moitos problemas derivan da falta de persoal e da carga de traballo que teñen os equipos técnicos e outros da relación entre Administración, mediadores –neste caso Cruz Vermella– e familias. No que nos afecta a nós, xa puxemos a primeira pedra: esta asociación, coa que queremos ter unha relación, en igualdade de condicións, cos outros axentes implicados no acollemento, tanto residencial, como familiar en familia extensa ou allea.
Cal é a situación da acollida en familia allea arestora en Galicia?
É difícil ter acceso ás cifras, supoño que por esa falta de “posición” da que falaba agora. O que sabemos é que, en decembro de 2019, había en Galicia 248 familias acolledoras e 322 nenas, nenos e adolescentes en acollemento, mentres que o número de menores institucionalizados era de 1.173 e había 835 prazas en 60 centros. Sabemos que a crise socio-sanitaria pola que estamos atravesando incrementou as necesidades, pero non sabemos canto. E tamén nos preocupan os datos provinciais, porque indican unha desigualdade moi grande entre territorios no relativo a acollementos e cremos que hai unha falta de criterios comúns que levan a unha discriminación dentro da propia comunidade autónoma.
Coñeces a situación doutras comunidades autónomas neste tema?
Si, en 2019 estivemos en distintas comunidades e participamos en encontros e congresos de acollemento, para facernos unha idea da situación da protección de menores no territorio español. Foi moi revelador porque fomos coa idea de que “en Galicia as cousas non están moi ben” e volvemos pensando “pois tampouco estamos tan mal...”. Deunos unha visión máis comprensiva e construtiva, o que non implica que haxa moito por mellorar e cousas que podemos coller, por exemplo, de País Vasco, Cataluña, e incluso dalgunhas provincias de Castela León ou de Andalucía. As nosas expectativas están postas en ser un referente español a catro ou cinco anos vista. E non creo que sexa utopía, de verdade que non.
Se me permites entrar no ámbito máis persoal… Como chegas ti, unha muller traballadora e nai de cinco fillos biolóxicos, á acollida?
A miña traxectoria persoal non foi doada e iso fixo de min unha muller resiliente e moi empática. A miña profesión tamén me leva a coñecer vidas e situacións difíciles e sempre quixen aportar, na medida das miñas posibilidades… O primeiro contacto co acollemento foi a través dunha muller que veu a pedir asesoramento para dar o seu neno en adopción. Impactoume moitísimo e intereseime por saber que ía ser dese neno. Cando o compartín na casa empezamos a reflexionar e decidimos, de común acordo –excepto o máis pequenos que tiña entón 2 anos– facernos Familia Acolledora. E ata agora. Fixemos algúns acollementos temporais e de urxencia e agora temos dous irmáns en acollida permanente que teñen cinco irmáns 'de acollida' cos que viven e están en contacto continuo coas súas catro irmás biolóxicas e tamén cos seus pais que, estando nunha situación de extrema dificultade, teñen unha actitude que facilita moito as cousas. A verdade é que, pese a gran complexidade, non houbo un só problema nos anos que levamos, nin coa administración, nin con Cruz Vermella, nin coa familia biolóxica, nin entre as familias acolledoras. E os pequenos levan a situación con absoluta normalidade e sen prexuízo algún. Deberiamos aprender as persoas adultas da capacidade de adaptación e comprensión que demostran.
Moitos pensarán que fai falla unha situación económica privilexiada…
A nosa dista moito de ser privilexiada, pero sempre fomos quen de saír adiante. Somos unha familia moi resolutiva e optimizamos os recursos a nivel experto! Fora bromas, tal e como entendemos a vida, temos cuberto o necesario e non precisamos grandes luxos. Eu creo que para ser familia acolledora o máis importante é ter capacidade de adaptación aos cambios e unha mentalidade aberta e empática.
Que lle dirías a unha familia ou a unha persoa que valora facerse acolledora?
Que hai nenas, nenos e adolescentes que precisan dunha familia… ou de dúas, a súa e mais a acolledora! É un dereito deles, non das persoas adultas, iso ten que estar moi claro. E, a partir de aí, informarse ben e ir analizando pros e contras. Niso atoparán moita axuda tanto en Cruz Vermella como agora na nosa asociación así que non deben ter medo a informarse e pensalo con calma.
E se queren contactar con Acougo, como poden facelo?
Temos unha páxina web acougo.gal e dende aí poden acceder aos nosos contactos: mail, teléfono, dirección da sede, redes sociais. E se queren chamar xa, poden facelo ao 616136605.
(Entrevista publicada no número 356 – xaneiro 2020)
Comentarios (0)