Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Galicia Calidade cumpre 25 anos certificando os mellores produtos e servizos



REDACCIÓN · PUBLICADO O 11 DE MAIO DE 2021 · (0)




Unha campaña publicitaria de grande éxito feita a principios da década dos 90 sería o xermolo de Galicia Calidade, unha sociedade pública que, 25 anos despois, tense convertido na mellor garantía da calidade dos produtos e servizos que ofrece esta terra. Na actualidade conta con 143 empresas e máis de 400 produtos dos sectores económicos máis relevantes en Galicia.

O spot publicitario emitido en toda España e en diversos países de Europa a principios dos noventa do pasado século rompía tópicos sobre a nosa comunidade, situándonos como un territorio avanzado en tecnoloxía e destacando en sectores como a moda, a automoción, os recursos naturais ou a alimentación. Fuxir da idea dunha Galicia fundamentalmente rural e sen tecnoloxía ou innovación era o obxectivo desa campaña que resultou un grande éxito e cuxo recordo permanece 30 anos despois. Pero foi tamén o xerme da sociedade pública Galicia Calidade, creada en 1996 para certificar os produtos e servizos de Galicia.

Empresas tan importantes como Jealsa, Coren ou Estrella Galicia, que continúan da man do selo de garantía, solicitaban xa nese primeiro momento acompañar os seus produtos do distintivo autonómico. Seguiríanlle uns meses despois Aguas de Cabreiroá e Mondariz, emblemas dun recurso tan importante como a auga. A día de hoxe 143 empresas e máis de 400 produtos de todos os sectores produtivos galegos, do sector turístico ou de ámbitos como a xoiaría, a enerxía xeotérmica ou da planta ornamental.

Turismo e sector agroalimentario

Un dos sectores nos que Galicia Calidade ten máis presenza é o turístico, certificando casas rurais, hoteis, restaurantes e tamén clubs náuticos, con chefs de recoñecido prestixio como Iñaki Bretal, Lucía Freitas, Yayo Daporta, Héctor López, María Varela ou Xoan Crujeiras, entre outros. 

O sector agroalimentario e da pesca tamén ten gran importancia na marca de garantía, chegando á gran maioría das indicacións xeográficas e denominacións de orixe existentes. Viños de todas as D.O.; queixos, patacas, grelos, fabas… son algúns dos produtos certificados na actualidade por Galicia Calidade, que non certifica ningún produto que non conte cos distintivos de calidade de cada un dos seus ámbitos de actuación, xa que estes son a referencia á hora da certificación por parte do selo de garantía.

Obrigas e garantías de contar con selo Galicia Calidade

Os produtos e servizos amparados por Galicia Calidade pasan uns controis que acreditan as características de calidade establecidas e non só garanten unha orixe común. O selo de garantía de calidade certificada só se outorga a aqueles produtos ou servizos que destacan polos atributos de calidade, respecto a outros do seu mesmo xénero. 

Tanto o selo como o nome e logotipo de Galicia Calidade son recoñecidos e moi valorados polos consumidores de toda España, mesmo nas redes sociais, onde adoita acompañarse o lema “Galicia Calidade” en calquera actividade positiva relacionada coa nosa comunidade.

A sociedade destaca o investimento constante na promoción do selo e dos produtos amparados por el, o que contribúe a que o consumidor o coñeza e o recoñeza, o que beneficia directa e indirectamente a todos os produtos e servizos adheridos a el. Tamén destacan as accións promocionais e os acordos no punto de venda, “unha grande oportunidade para que todas as empresas, independentemente do seu tamaño, dispoñan dunha promoción extra nestes canais”.

Así mesmo, a presenza en feiras agroalimentarias e doutros sectores supón unha ocasión excelente para que as empresas dean a coñecer os seus produtos e servizos, no segmento profesional nacional e no estranxeiro.

Compromiso, innovación, sostibilidade e competitividade

Como selo de garantía, Galicia Calidade é un compromiso cos clientes e usuarios que lles asegura que estes produtos e servizos contan cos requisitos prometidos e poden consumirse con total confianza. Como sociedade pública, Galicia Calidade S.A.U., esixe ás empresas que apliquen os máis estritos controis de calidade homologados para garantir a calidade dos seus produtos e servizos e certifica o seu cumprimento mediante auditorías propias periódicas. Galicia Calidade supón tamén a aposta da Administración galega pola innovación, a sostibilidade e a competitividade nos mercados internacionais máis esixentes, xa que contribúe a xerar valores intanxibles para as empresas e produtos certificados con este selo.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)