Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Turismo seguro: o miradoiro da Muralla



POR TERESA ROCAMONDE · PUBLICADO O 04 DE XUñO DE 2021 · (0)




Chega o bo tempo, cos días máis grandes e unha meteoroloxía máis benévola. É momento de mirar a eses espazos privilexiados da nosa xeografía nos que é posible gozar do turismo e do inmenso patrimonio natural e cultural con total seguridade. Un deles, inaugurado hai uns meses, é o espectacular miradoiro da Muralla, en Rianxo.

Inaugurado o pasado mes de febreiro, o miradoiro do monte Muralla eríxese como un novo enclave de referencia en Arousa. Está situado a 670 metros de altitude entre os concellos de Lousame e Rianxo, o que permite ver, nos días claros, unha paisaxe espectacular de toda a ría de Arousa pero tamén do val que regan os ríos Sar e Ulla ata Santiago de Compostela e mesmo Noia, o monte Louro ou, máis ao lonxe, as rías de Pontevedra e Vigo. Con sorte, ata se poden albiscar as magníficas illas Cíes. Aínda que a visión realmente espléndida é a que ofrece a ría de Arousa, co arquipélago de Cortegada xusto en fronte e a espectacular Illa de Arousa erixindo impoñente das súas augas salpicadas de bateas nos seus 26 quilómetros ata chegar ao inmenso océano Atlántico.

acceso ata o miradoiro pódese facer en coche (seguindo as indicacións de google maps non ten perda) aínda que o último tramo é a través dunha pista forestal con bastantes fochancas e moi empinada, polo que é aconsellable deixar os vehículos onde remata a estrada asfaltada e facer o último tramo andando. É algo máis dun quilómetro que, na parte final, pode percorrerse a través dun piñeiral realmente fermoso. A propia camiñada paga a pena case tanto como a chegada á meta.

E xa no pico, unha pequena pasarela de madeira dá acceso ao espazo do propio miradoiro, que semella voar sobre a ría. Ao redor, os muíños dun parque eólico que recordan que a zona está alta e venteada, o que, en ocasións, suma vertixe á experiencia.

A zona xa era usada habitualmente por ciclistas e tamén por persoas que saían camiñar e aproveitaban os camiños rurais ata as instalacións do parque eólico. A construción do miradoiro foi posible grazas aos fondos aportados polo proxecto Senlleiro de desenvolvemento rural.

(Extracto da reportaxe publicada no número 360 – maio 2021)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)