Moito máis que cinema

Tiveron a valentía –para moitos a temeridade– de pór en marcha un proxecto cultural privado á marxe de circuítos comerciais e en plena crise económica. Confiaron no modelo de cooperativa co fin de traballar baixo unhas condicións laborais dignas e, meses despois de abrir as súas portas, “a sensación é moi boa”. Así o asegura Xosé Carlos Hidalgo, un dos seis socios xunto a Antonio Doñate, Ramiro Ledo, Pablo Cayuela, Irma Amado e Margarita Ledo. Esta última é a única que non traballa en NUMAX, pero o seu apoio desde o primeiro momento foi esencial para a confianza do resto no proxecto.
A idea comezou a xerarse realmente hai dous anos, en agosto do 2013, pero durante meses estiveron afondando na viabilidade do proxecto, tanto no eido empresarial como no cultural, estudando o funcionamento de diversas salas para atopar o modelo que buscaban. Nese tempo o centro de Santiago quedou sen salas, ao pechar as últimas que aguantaban, as dos cines Valle Inclán, polo que a idea inicial tomaba máis sentido ca nunca.
Malia que NUMAX non é un cine convencional, nin moito menos, si é unha sala que ofrece cinema a diario no centro dunha cidade que este ano celebrará a 29 edición dun dos festivais de cine máis asentados e con maior éxito de público: Cineuropa. “Son modelos que conviven, pero moi diferentes”, explica Carlos Hidalgo, quen explica as dificultades que unha sala como a súa ten “para acceder a determinados títulos que si pode ofrecer un festival”. Malia iso, Cineuropa confirmaba que en Santiago “hai público para un cinema alternativo, aínda que as nosas expectativas foron moito máis alá, xa que recibimos público que non vai a Cineuropa porque non lle gusta o modelo de exhibición e si vén aquí”.
“Cando realizamos o plan de empresa a estimación de abonados que podía haber para este proxecto nunha cidade como Santiago era de entre 250 e 300. Agora mesmo temos 500 abonados”, explican os socios para xustificar a demanda de produción independente de calidade. “Temos moi boa acollida nos ciclos de 'estrea' e no de 'clásicos', pero tamén no de 'Ollos verdes', destinado a producións de maior risco e con menor apoio de distribución; é o máis similar a un cineclub e, en principio, é a programación que podería ter peor saída, pero a sorpresa é que a resposta é igual de boa que no resto”, destaca Antonio Doñate, responsable da área gráfica xunto con Carlos.
Aínda que os postos de traballo son rotatorios, cada socio encárgase dun área. Irma Amado leva a libraría e a sala de cine está a cargo de Ramiro Ledo, axudado na programación por Pablo Cayuela, o responsable de vídeo.
Texto e fotos: Teresa Rocamonde
(Extracto da reportaxe que se poderá ler no número de agosto de eco)
Comentarios (0)