NoBA, a proposta de banda larga de R para empresas
R lanza a súa 'Nova oferta de Banda Larga’ (NoBA) para o segmento empresarial coa que quere revolucionar a gama actual de produtos. NoBA é máis rápida, máis segura, ofrece soporte experto 24x7 e actualiza todos os servizos de acceso a internet que ata agora tiñan as súas empresas clientes.

As restricións e medidas sanitarias impostas pola pandemia de covid-19 impuxeron a adopción de medios tecnolóxicos dixitais. Boa mostra dos cambios nos comportamentos sociais son a extensión da práctica do teletraballo e as videoconferencias ou o incremento do consumo en liña. Asemade, as administracións públicas aseguran que a transformación dixital das empresas é un dos eixes esenciais da recuperación económica, e isto esixe servizos de acceso á rede cada vez máis rápidos e seguros para xestionar e procesar inxentes cantidades de información, pero tamén un acompañamento experto as 24 horas do día.
Para lles dar resposta a ambas necesidades, o operador galego R vén de presentar NoBA, unha proposta de valor que vai máis aló dun incremento da velocidade de acceso a internet, xa que renova por completo a súa atención á empresa, ao incluír un servizo exclusivo de ciberseguridade e unha garantía de mantemento nun curto espazo de tempo.
Dende o pasado mes de maio, todas as empresas clientes de R renovaron os seus accesos de banda larga cunha potente conexión á rede, e contan co valor engadido de dotarse dunha maior seguridade e protección para os seus datos mediante o novo servizo de ciberseguridade. A compañía asegura “un soporte tecnolóxico integral para protexer a información e os dispositivos da empresa fronte a ciberataques, con servizos como o apoio experto en ciberseguridade, a análise de vulnerabilidade en rede e web e a protección e configuración de equipos”.
Solucións ás empresas galegas
A compañía explica que NoBA xurdiu grazas ao labor de escoita que realiza a súa área de Empresas co fin de ofrecer solucións específicas ás necesidades detectadas nas empresas galegas. E unha das prioridades actuais é a ciberseguridade. As compañías galegas son conscientes de que “un ciberataque pode supor grandes perdas de información, de recursos e mesmo de reputación, de aí a importancia de dispor dun acceso a internet dotado de solucións de ciberseguridade avanzada que farán máis seguros os dispositivos e a información sensible e fundamental da empresa”, indica R.
A proposta de NoBA Empresa mellora tamén as condicións de mantemento e resolución de incidencias, non só do acceso a internet, tamén atende calquera incidencia relativa aos dispositivos e aplicacións da empresa cliente, independentemente do router instalado. Para reforzar aínda máis a súa aposta polo servizo, NoBA mellora os tempos de atención e resposta ás empresas que dispoñan deste servizo. Neste senso, NoBA Empresa conta co soporte dun experto dixital e co novo servizo ciberseguridade pemes R para protexer a rede e os datos do cliente e os dispositivos fronte a ataques de virus e malware. Ademais, permite realizar copias de seguridade e encriptar na nube a información empresarial, de forma que os datos estean accesibles e se poidan recuperar en todo momento, e analiza vulnerabilidades da rede e da web corporativas, revisándoas para identificar se son susceptibles de sufriren algún ataque ou roubo de información, asegurando, deste xeito, que a canle de venda é segura. É dicir, trátase dun servizo de Asesoría Tecnolóxica Integral.
(Extracto da reportaxe publicada no número 361 – xuño 2021)
Comentarios (0)