Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Apoio 'real' para Santiago e o Camiño



REDACCIÓN · PUBLICADO O 26 DE XULLO DE 2021 · (0)




Este 25 de xullo reuníase por primeira vez en 18 anos o Real Padroado da Cidade de Santiago presidido polo rei Felipe VI e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez. Na xuntanza acordouse unha proposta estratéxica ata o ano 2032 cun investimento previsto de case 282 millóns de euros. Previamente, a Familia Real presidira a Ofrenda ao Apóstolo na catedral compostelá.

A Familia Real participou na Ofrenda ao Apóstolo, unha cerimonia instituída en 1643 por Felipe IV e que se mantivo ao longo dos séculos. Cada 25 de xullo reis, xefes de Estado ou personalidades coas máis altas responsabilidades pídenlle “ao Patrón das Españas beneficios divinos para as tarefas humanas”.

Así o fixo neste Ano Santo 2021-2022 Don Felipe ao asegurar que “cara a Compostela discorre un Camiño que recolle o espírito de todos os que existen desde a orixe dos tempos. A súa forza para atraer e reconfortar a xentes de todas as épocas, procedencias e motivacións reside en que o Camiño de Santiago reúne a capacidade de todas as sendas para crear comunidades máis amplas que fagan a convivencia máis intensa, máis frutífera”. O rei chamou a “cimentar os camiños de unidade, solidariedade e concordia que aseguran a nosa convivencia en democracia e liberdade”. Non esqueceu o labor de sanitarios e da sociedade en xeral na difícil situación provocada pola pandemia e que require, máis ca nunca, da fraternidade, palabra que invocou tamén o arcebispo Julián Barrio na súa intervención. Tras a cerimonia relixiosa, os reis, a princesa Leonor e a infanta Sofía abandonaron acatedral en procesión e trasladáronse ao Pazo de Raxoi, onde se efectuou a firma no libro de Ouro da cidade.

Camiño de Compostela 2032

Santiago de Compostela representa internacionalmente un modelo urbano de éxito baseado no seu valor patrimonial, e a proposta estratéxica presentada polo Consorcio de Santiago na reunión do Real Padroado busca seguir nesta mesma liña, “pero revisando constantemente e de forma aberta o concepto de patrimonio para estendelo á forma urbana na súa relación co territorio”.

Así, o documento `Camiño de Compostela 2032´ estrutúrase en tres eixes sectoriais aos que se suman outros transversais. O primeiro dos tres proxectos aglutinadores é o denominado “Dobre anel” que propón diversas intervencións nos espazos perimetrais e nas zonas verdes. Outro é o proxecto “Xestión de fluxos” relativo á loxística urbana de mercadorías e o valor da auga e o terceiro, “Compostela Cultura Area”, busca usar espazos dispoñibles xunto con outros infrautilizados ou que se poidan xerar en áreas periféricas para crear produtos culturais ligados ao patrimonio, xerando fluxos turísticos que desconxestionen as zonas máis saturadas, dando lugar a un turismo de máis calidade e que alongue a súa permanencia na cidade.

Coa mesma filosofía de recuperación e uso de espazos patrimoniais infrautilizados, crearíase o Polo Audiovisual de Galicia no Instituto Galego de Información xunto a outras propostas para recuperar e interpretar o espazo público e outros edificios como soporte de actividades esenciais para a cidade. Neste ámbito, a intervención máis ambiciosa é a que quere recuperar parte dos edificios do antigo Hospital Psiquiátrico de Conxo e todo o seu contorno como Polo de Formación Profesional Biosanitario.

A estas liñas principais súmase a rehabilitación e conservación do tecido residencial, a revitalización do tecido comercial, a conservación e recuperación das grandes pezas monumentais da cidade, a creación de infraestruturas do s. XXI no casco histórico etc. Trátase, en palabras do Padrodado, de “construír un modelo transformador para a cidade, co que aumenta a competitividade, a posibilidade de mellorar a calidade de vida dos seus habitantes e a capacidade do seu territorio para evolucionar e adaptarse a distintos escenarios, sempre desde a base do seu excepcional patrimonio cultural”.

(Extracto da reportaxe publicada no número 363 – agosto 2021)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)