A vacina demostra a súa eficacia malia térense quintuplicado as mortes
Desde o 1 de xuño ata o 1 de setembro morreron en Galicia 150 persoas, o que supón 121 máis que no mesmo período do ano 2020. Malia todo, a taxa de letalidade reduciuse á metade grazas, segundo os expertos, ás vacinas. O incremento de falecementos está motivado polo desorbitado número de contaxios que se rexistrou este verán e que, de non contarmos coa vacina, tería provocado unha auténtica masacre.
O dato bruto sorprende pero hai que poñelo en perspectiva e, sen querer caer no optimismo, resulta importante entender que pasou este verán en Galicia para que se quintuplicaran as mortes con respecto ao anterior, cando aínda a vacina nin se albiscaba. Consultamos co Dr. Ignacio Ramil, xefe de Medicina Interna do Hospital HM Modelo, unha das voces máis críticas nesta quinta onda da covid-19 que, ao longo das últimas semanas, sumou ao seu labor clínico un enorme esforzo de divulgación centrado, sobre todo, na prevención e na importancia da vacinación, unha medida que, pese ao que poida parecer, “ten demostrado a súa eficacia”.
Para entender o acontecido, o Dr. Ramil explica que os ingresos por covid este verán responden fundamentalmente a tres perfiles, dos que dous corresponden a poboación non vacinada.
O primeiro deses tres grupos conformárono persoas adultas maiores de 50 anos non vacinadas de forma voluntaria. “Son os enfermos de maior risco de mortalidade directa por covid-19 e cada vez estarán máis expostos, a medida que avance a epidemia así como a porcentaxe da poboación vacinada”, indica o Dr. Ramil.
O segundo grupo é o de persoas mozas non vacinadas e moi expostas á enfermidade por dinámica social pero con bo prognóstico. “Aquí o problema está en casos puntuais de mala evolución e nas súas posibles secuelas, así como na xeración de brotes con mal control de rastrexo pola gran cantidade de contacto social”, explica o doutor, quen augura unha clara melloría a medida que se avance na vacinación destes grupos de idade.
O terceiro grupo é o formado por enfermos maiores, crónicos e inmunodeprimidos correctamente vacinados, que foi collendo peso na ocupación dos hospitais nas últimas semanas “debido ao efecto rebote” provocado polo descontrol noutros grupos de idade”.
O efecto protector da vacina
Os contaxios entre inmunizados motivaron moitas dúbidas sobre a efectividade da vacina, “un gran erro de concepto xa que a mortalidade neste grupo (o máis afectado en mortalidade directa por covid-19) reduciuse notablemente polo efecto protector da vacina”, explica o Dr. Ramil.
As cifras falan por si soas: este verán houbo case 50.000 contaxios fronte aos menos de 5.000 do ano pasado, o que deixou a taxa de letalidade na metade (0,28 % fronte ao 0,48 % de 2020). O especialista explícao graficamente ao asegurar que “agora ingresan pacientes 'con covid' e antes ingresaban 'por covid'. Aínda así, os expertos cren que este grupo de poboación seguirá necesitando ingreso hospitalario nos próximos meses de outono e inverno, do mesmo xeito que ocorre con outros virus estacionais como o da gripe.
Virus endémico
A maioría dos expertos considera que a covid-19 vai ser unha infección endémica como a influenza ou calquera virus respiratorio, e todos os anos haberá un número determinado de ingresos e de mortes. Mais para iso deberá haber un número suficiente de persoas con protección inmunolóxica, algo que aínda estamos moi lonxe de conseguir nesta pandemia de afectación planetaria que permite ao virus mutar sen dificultade.
Un panorama que segue presentando moitos riscos, especialmente para as persoas non inmunizadas porque o virus segue circulando e as novas variantes adoitan ser máis contaxiosas e aumentar o risco de hospitalización. “A balanza entre as restricións e a vacinación incidirá en que o coronavirus se propague cara a nichos de poboación vulnerable, neste caso os non vacinados”, asegura o Dr. Ramil.
Por iso os especialistas repiten incansablemente dúas mensaxes: vacinación e prevención. Só así poderemos vencer esta pandemia, como o temos feito con tantas outras ao longo da historia.
(Reportaxe publicada no número 364 – setembro 2021)
Comentarios (0)