“Abanca acaba co rural”
“Abanca acaba co rural” ou “Queremos unha oficina, non un caixeiro” son algunhas das consignas que se escoitaron nas múltiples manifestacións celebradas nos últimos días contra os peches das oficinas de Abanca en diversos concellos do rural galego.

A situación de exclusión financeira da poboación galega continúa agravándose. O anuncio de Abanca de pechar varias sucursais este mes de setembro puxo en pé de guerra a numerosos concellos galegos, que mesmo convocaron a veciñanza para saír ás rúas e ameazan con retirar os fondos da entidade se manteñen os peches previstos. Entre os últimos en unirse ás ameazas están Cambados e Campo Lameiro, pero son moitos máis os que denuncian a situación de desamparo na que queda a súa veciñanza con estes peches de Abanca que, nalgúns casos, supoñen perder a única oficina que quedaba nas súas poboacións.
Non é unha situación nova. Desde 2008 –co inicio da crise económica– pecharon en España case o 50 % das oficinas bancarias que había. Só no último ano foron máis de 3.200 o que supuxo quedar co número máis baixo en 40 anos. Pero a tendencia mantense, posto que se prevén 2.000 peches máis ata final de ano, tanto pola onda de fusións que continúa como polo despregamento de novos modelos de atención e o auxe da banca online. Un grave problema para comunidades como Galicia cunha alta taxa de poboación maior e moi diseminada que tiña nestas sucursais un acceso doado e real aos servizos bancarios.
O propio Banco de España advirte nun dos seus últimos informes, Infraestrutura do efectivo e vulnerabilidade no acceso ao efectivo en España, de que 1,3 millóns de españois non teñen acceso a diñeiro en efectivo debido ao peche de sucursais e que as solucións alternativas aos canais tradicionais non bastarán para cubrir ese servizo. […]
Pero non parece que o ritmo de peches se vaia deter nos próximos meses á vista das previsións do sector. Ata “o banco dos galegos, o banco galego no mundo”, que proclamaba Escotet na presentación de Abanca, parece terse esquecido da súa clientela. E esta vez non só a clientela está indignada. As corporacións municipais e os gobernos locais, xunto a asociacións veciñais, empresariais… están unidas para denunciar o que consideran o “golpe de graza” para as súas localidades.
A Baña, Zas e Vimianzo
Os alcaldes dos tres municipios coruñeses compareceron conxuntamente o pasado 13 de agosto para denunciar que a decisión de Abanca de pechar as oficinas da Baña, de Baíñas (Vimianzo) e de Zas o 8 de setembro obedece só ao interese de incrementar as súas ganancias. “Non está motivada por nada que fixeramos nós nin tampouco porque dean perdas. A única fin que ten é aumentar os beneficios da entidade a costa de prexudicar directamente 10.000 persoas nestes tres concellos e noutros limítrofes”, sinalou Manuel Muíño, alcalde de Zas, quen lembrou que Abanca gañou no primeiro trimestre deste ano 137,4 millóns de euros, un 8,2 % máis que no mesmo período de 2020.
Os dirixentes dos tres municipios decidiron convocar unha manifestación conxunta na Coruña, poñendo a disposición da veciñanza autobuses gratuítos. Á cita xa se sumaron tamén os Concellos de Fene e Cerdido. Porén, xa houbo concentracións nos propios concellos. Na Baña máis dun centenar de persoas mobilizáronse o 25 de agosto en San Vicenzo, onde os representantes dos tres grupos políticos da Corporación (PSOE, PP e CxG) entregaron na oficina de Abanca máis de 2.500 sinaturas contra o seu peche.
“Todos sabedes o que supón o peche da única oficina de Abanca no noso municipio, e que terá unha grande repercusión social e económica para o noso comercio e a pouca industria que temos”, aseguraba o alcalde da Baña ao final da manifestación. “Se temos que depender e desprazarnos a concellos limítrofes para facer xestión financeiras, moitas persoas aproveitarán para facer alí as súas compras”. Pero o peche de Abanca na Baña prexudicará de forma especial “aos maiores do municipio, máis de 700 persoas que non están familiarizados coas novas tecnoloxías”, recordaba o rexedor quen, xunto aos seus homólogos en Vimianzo e Zas, estudaba a posibilidade de manter algún contacto co Goberno de España e con deputados do Parlamento galego, reunirse con responsables de Abanca e mesmo emprender accións legais.
Ata 6 peches na provincia de Pontevedra
Campo Lameiro, Campelo (Poio), Soutelo de Montes (Forcarei), Carballedo (Cerdedo-Cotobade), Portas e Cambados sumáronse nos últimos días á lista de Concellos agraviados por Abanca. O de Campo Lameiro está a ser dos máis combativos para impedir o peche da súa última sucursal. Toda a Corporación municipal (PP, PSdeG e Porvir) rebelouse contra a decisión da entidade e aprobou por unanimidade unha serie de accións reivindicativas que chegarían, de facerse efectivo o peche, ata a retirada do diñeiro do banco e a declaración do seu presidente, Juan Carlos Escotet, como persoa non grata.
Os representantes da Corporación chegaron a reunirse con responsables de Abanca mais todo o que lograron da entidade foi “estudar a posibilidade de habilitar unha unidade móbil –un microbús– que se desprazara algún día ao mes a Campo Lameiro”. A proposta, que eles mesmos cualificaron como “moi decepcionante” e “pouco realista”, lonxe de calmar os ánimos, enervou aínda máis a veciñanza, que levou a cabo xa numerosas mobilizacións para demostrar a súa carraxe: manifestacións, colocación de crespóns negros nos comercios e pancartas polo municipio etc. Desde o Concello de Campo Lameiro lembran que o peche desta sucursal deixa nunha delicada situación económica e social a todo o municipio e insisten en que só consideran aceptable “o mantemento da sucursal cunha prestación de servizos permanente e atendida por persoal de Abanca aínda que fora dun xeito compartido con outra oficina próxima”.
Tamén os catro grupos municipais de Poio acordaron, tras coñecer a nova do peche, solicitar unha reunión cos responsables territoriais da entidade para esixir o mantemento de todas sucursais e, a maiores, a instalación dun caixeiro automático en Raxó. Ao igual que en Campo Lameiro, están a implicar as asociacións locais para analizar a situación e “impulsar diferentes actuacións encamiñadas a tratar de evitar un peche que suporía un gravísimo prexuízo para unha gran cantidade de veciños”.
En Portas o alcalde, Ricardo Martínez, “indignado” polo anuncio de Abanca, convocou de urxencia unha xunta de portavoces e anunciou “accións de protesta” e a celebración dun pleno extraordinario para manifestar a súa “repulsa” ante esta medida que, segundo o Goberno local “condena” a Portas a quedar “sen servizos bancarios”. Martínez asegura que o peche “aboca ao noso concello a ter que buscar alternativas noutras entidades bancarias […] Temos que darlle solución á poboación maior que é vítima da fenda tecnolóxica e que non se defende nin cos caixeiros intelixentes nin coa banca electrónica. Para o rexedor, “é un auténtico pao ao proceso de recuperación económica e social que estabamos a experimentar no municipio e que tiña na entidade financeira unha ferramenta de apoio moi útil para nós”.
Tamén neste caso comerciantes e representantes de colectivos veciñais, culturais e deportivos aliñáronse co Goberno local, que lles pediu apoio para pechar as contas municipais e buscar outra entidade ou axente bancario para que se instale no municipio de materializarse o peche de Abanca previsto para o 22 de setembro. O representante municipais pedirán tamén pedir axuda á Xunta de Galicia, ao Goberno Central e ao Banco de España coa intención de que se arbitren solucións e medidas que impidan que entidades bancarias como Abanca, beneficiadas dos procesos de saneamento das antigas caixas, adopten medidas inxustificadas que van en deterioro dos servizos no rural coa eliminación da rede bancaria en Galicia e en gran parte da España baleira.
Cambados, un dos últimos en sumarse ás mobilizacións
No concello do Salnés (comarca que perdeu xa varias oficinas nos últimos meses) tanto a alcaldesa (PSOE) como os seus socios de Goberno, o grupo Somos Cambados manifestaron o seu malestar polo anuncio da sucursal de Corvillón. Somos Cambados sumouse á proposta dun boicot a Abanca pechando a conta do Concello na entidade e valorar coas asociacións e colectivos municipais a posibilidade dun “peche conxunto” de todas as contas de Abanca que mesmo se podería estender á cidadanía.
Esta agrupación recorda que o anuncio de Abanca “súmase ao recente peche da sucursal Banco Caixa Geral de Cambados hai un ano, unha vez que foi adquirida esta entidade por Abanca en 2019”. Isto suporá que “a oficina de Cambados teña que atender aos clientes de tres sucursais bancarias o que, sumado ás limitacións horarias dos servizos presenciais que se prestan ao público, vai incrementar notablemente as colas e polo tanto reducir a calidade dos servizos bancarios que se presta á veciñanza”.
A descoñecida lista de Abanca que suma case 40 peches desde marzo
ECO contactou con Abanca para coñecer o número exacto de peches previstos pero a entidade non facilita información sobre este tema nin datos sobre as previsións futuras, limitándose a asegurar que “Galicia, grazas á rede de Abanca, é unha das comunidades que maior acceso ten a servizos financeiros”. Así mesmo, explican que seguirán ofrecendo os seus servizos “nas localidades nas que se reordenarán as oficinas a través de caixeiros, da oficina móbil e das oficinas que Abanca ten nas localidades próximas”. Alega a baixa operatividade das sucursais pechadas: “Algunhas presentan una media inferior a 6 operacións ao día”, e asegura que manterán “o plan de axuda para o uso de caixeiros para as persoas que a necesiten” e que “os caixeiros foron adaptados para facilitar o seu uso por parte das persoas maiores”.
Así que a cifra de peches vaise coñecendo a medida que se notifica a cada Concello. Este mes serán, ao menos, nove sucursais que se sumarán ás máis de 30 que leva pechado Abanca desde marzo, tal como anunciou o secretario da sección sindical da CIG en Abanca, Clodomiro Montero, na mobilización celebrada o 9 de xullo polo peche da oficina de Mesón do Vento. “É inxusto que se recorten os servizos á clientela e se destrúa emprego, mentres o dono de Abanca, Juan Carlos Escotet se embolsou tres mil millóns de euros dende o ano 2014, cando se privatizaron as caixas de aforros”, asegurou Montero.
A polémica é tal que mesmo o presidente da Xunta de Galicia tivo que referirse a ela. Fíxoo en Pontevedra, tras un acto de homenaxe aos deportistas olímpicos no que lamentou estes peches dos que culpou ao Goberno Central por non aprobar unha lei que o impida. A medida da Xunta para atallar o problema consiste en entregar 2,8 millóns aos bancos para que abran un caixeiro nos lugares que se quedaron sen sucursais. O Goberno galego achega os fondos e os Concellos que se adhiran á iniciativa deben aportar un local adecuado para instalar o caixeiro, unha medida que non convence a ninguén. O BNG foi dos primeiros en censurar unha medida que “entregará diñeiro público ás mesmas entidades financeiras que foron rescatadas fai menos de dez anos”, asegurou a viceportavoz e parlamentaria Olalla Rodil.
(Extracto da reportaxe publicada no número 364 – setembro 2021)
Comentarios (0)