Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Abanca dálle as costas a Galicia



REDACCIÓN · PUBLICADO O 19 DE OUTUBRO DE 2021 · (0)




Os concellos galegos afectados polo peche de sucursais de Abanca seguen reclamándolle á entidade que reconsidere a decisión. Porén, non parece que o vaia dar marcha atrás nos seus plans e non só segue adiante co desmantelamento da rede de oficinas de Galicia senón que mantén activas promocións discriminatorias coa clientela desta comunidade.

O 18 de setembro o Concello de Zas facía pública a misiva enviada ao presidente de Abanca o día 3, case unha semana antes da data prevista para o peche da sucursal da entidade na vila. “Pasaron xa 15 días dende que lle entreguei a carta a un directivo da súa entidade. Entendo que é tempo suficiente para que a recibise e para que tivera a ocasión de revocar a súa decisión de pechar máis oficinas no rural. Quixen darlle un marxe de tempo antes de facela pública”, sinalaba Manuel Muíño quen, nese escrito, informaba a Escotet das consecuencias que ten o peche de sucursais en vilas como a súa ou nas veciñas de Baíñas (Vimianzo) e A Baña.

Una oficina como la de ABANCA en un pueblo pequeño, en nuestra capital municipal, no es solo una actividad comercial más. Es una pieza muy importante dentro de la economía local, aporta muchos más servicios añadidos que la mera actividad comercial”, asegura na misiva o alcalde de Zas. Muíño explícalle ao presidente de Abanca que a maioría dos clientes destas oficinas “teñen unha idade avanzada” e requiren de atención “física e persoal”. E aínda que isto xustificaría xa a continuidade das oficinas, o rexedor segue o relatorio de argumentos: “Esta oficina es uno de los motores económicos del pueblo de Zas y, por extensión, del propio ayuntamiento”. Explica o alcalde que aproveitando o desprazamento para facer xestións financeiras, os clientes de Abanca fan compras na vila. Se teñen que ir ao banco a outro pobo farán alí as compras e xestións.

Razóns económicas e humanitarias para as que non hai resposta

Pero Muíño vai máis alá, e apela á condición de emigrante de Escotet: “Nuestra comarca, y por añadidura nuestro ayuntamiento, sufrió de forma importante la emigración. Usted es hijo de emigrantes y usted mismo lo fue, por lo tanto comprende perfectamente que la pérdida de servicios en el rural y del motor económico que supone la oficina de ABANCA condenará, a corto plazo a muchos de nuestros jóvenes a la emigración”.

E aínda insiste noutro argumento: “Usted es de los emprendedores que siempre ha intentado e intenta crear riqueza y compartir parte de esta con la propia sociedad. A diferencia de los que solo buscan beneficio rápido y a cualquier precio, esos que solo tienen un interés especulativo y depredador”.

Malia os requirimientos, nin o Concello de Zas nin esta Redacción obtivo contestación de Abanca sobre as cuestións relativas ao peche de sucursais, á situación de exclusión que están xerando en Galicia nin sobre os plans de futuro da entidade nesta comunidade.

Iniciativas no Congreso dos Deputados

Dous días antes de facer pública a carta, o alcalde de Zas e o deputado do BNG, Néstor Rego, rexistraban varias iniciativas na cámara baixa para que o Goberno do Estado estableza unha nova regulación que poña fin ao proceso de concentración bancaria e ao fechamento de oficinas no rural. A formación nacionalista reclama unha normativa que evite a continua escalada de abusos bancarios en materia de restrición de servizos, pacto de horarios, incremento de comisións e mesmo a redución do persoal de caixa nas oficinas que están abertas. Néstor Rego lembrou que nos últimos cinco anos “máis de 100 oficinas bancarias fecharon na Galiza, particularmente en concellos rurais”. Asegura a formación que a irrupción da pandemia “serviu de coartada para avanzar aínda máis no proceso de oligopolización bancaria”. E aínda que se trate de prácticas compartidas por todos os bancos, no caso de Abanca resulta especialmente gravosa polo carácter case sistémico que ten a entidade sucesora das vellas caixas en Galicia.

Por todo isto, o BNG reclama unha nova regulación do sistema bancario que evite estes abusos que xeran enormes problemas “particularmente a aquelas que viven en zonas rurais galegas máis envellecidas e teñen moitas dificultades para se desprazaren a outras localidades ou para accederen aos servizos financeiros de forma telemática”.

Nin o Goberno galego pode ser alleo a esta situación, nin o Goberno español que ten as competencias na regulación do sistema bancario”, asegurou Néstor Rego. O alcalde de Zas, Manuel Muíño, tamén denunciou a ausencia de resposta por parte da Xunta:. “Para o Goberno galego parece que non é un problema, mais o que se está facendo é excluír duns servizos imprescindíbeis unha porcentaxe elevada de poboación”. Muíño manifestou a intención de continuar e mesmo intensificar as mobilizacións até lograr frear este proceso de fechamento de oficinas bancarias.

Críticas á subvención de caixeiros

Son moitas as voces críticas co feito de que se subvencionen con cartos públicos servizos de empresas privadas. “É un verdadeiro despropósito e unha vergoña”, indicou Néstor Rego referíndose ao feito de darlle “cartos públicos ás mesmas entidades que deixan abandonada a veciñanza para instalaren caixeiros automáticos”.

Tamén a portavoz nacionalista de Facenda e Orzamentos Noa Presas cualificou de “auténtico escándalo” e “absoluta aberración” o financiamento con fondos públicos “dun servizo privado que o sector bancario pecha exclusivamente para incrementar os seus beneficios”. Presas recordou que Abanca, a entidade que vai resultar adxudicataria da convocatoria da Xunta, foi rescatada no seu día con máis de 9.000 millóns e malvendida por 1.000. “E agora o señor Feixóo quere pagarlle por poñer caixeiros onde os está pechando para ter máis beneficios, vendendo aínda máis o noso país ao señor Escotet”, reprochou, en alusión á lei que facilita a universidade privada impulsada por esta entidade e ao “chiringuito” creado para xestionar os fondos europeos.

As nóminas e pensións galegas seguen valendo a metade

O pasado mes de marzo fixémonos eco dunha denuncia feita por unha traballadora de Abanca a conta dunha promoción que primaba o dobre ser de Madrid e Asturias que de Galicia, o que provocara as queixas de persoas da vila onde traballa. “Son estratexias comerciais para captar clientes noutros mercados pero, para os que estamos cara ao público, non nos facilita nada o traballo. Non é doado explicarlle á xente que a súa nómina ou pensión, se é de Madrid, vale o dobre”, explicábanos entón a empregada da entidade.

Varias persoas volveron contactar coa redacción de ECO para informar de que Abanca insiste na estratexia “discriminatoria”, algo que sorprende especialmente no escenario de mobilizacións polo fechamento de sucursais que mantén a entidade en Galicia. “É evidente que non lles interesa para nada o mercado galego, quizais habería que replantexarse as condicións en que se lles deu o negocio”, indica Pedro G. na mensaxe que nos envía xunto coas imaxes das promocións activas o pasado mes en Galicia, Asturias e Madrid (e que poden ver nesta mesma páxina).

Nesas promocións apréciase claramente que, coas mesmas condicións, un cliente de Madrid ou Asturias recibe un incentivo de 300 euros por domiciliar a nómina ou pensión en Abanca mentres un de Galicia só leva 150 euros.

Tamén sobre esta cuestión intentamos desde ECO obter algún tipo de explicación de Abanca pero, ao igual que no tema do peches de oficinas, non fomos quen de conseguir contestación pese a reiterados intentos.

(Extracto da reportaxe publicada no número 365 – outubro 2021)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)