“Grelo xorde da necesidade de dar un trato próximo e personalizado”
O sector das telecomunicacións rexistrou un enorme impulso nos últimos anos. A pandemia provocada pola covid contribuíu a pór de manifesto a importancia de estarmos ben conectados ante posibles eventualidades. Pero tamén é un sector que acumula moitas reclamacións e queixas, en boa medida polas dificultades para atopar solución ante calquera problema ou polo cambio das condicións asinadas. Para dar reposta a esta demanda, Luis Ignacio Díaz Plaza e José Manuel Díaz Vidal crearon Grelo Comunicaciones.
Como xorde a idea de crear Grelo e por que?
A idea de crear Grelo xorde da necesidade que existía dun operador que ofrecese un trato próximo e personalizado cos clientes. Somos un operador galego que ofrece servizos de telefonía móbil e Internet a todo o territorio español e poñemos a comunicación no centro de todo o que facemos. Sempre dicimos que hai tres sinais de identidade que fan de Grelo a operadora que moitas persoas estaban a buscar: atención ao cliente persoal, sinxela e eficaz; tarifas competitivas e claras, que se entenden perfectamente, e con cobertura e velocidade garantidas.
Canto tempo leva funcionando?
Empezamos a funcionar en xaneiro de 2017, así que somos relativamente novos pero cunha experiencia importante xa, tanto a propia empresa como o persoal, que leva moitos anos no sector. Temos un equipo moi sólido que demostra cada día que pode facer as cousas ben e dar resposta ás necesidades dos nosos clientes.
Afectouvos a pandemia, que empezou practicamente cando estabades empezando a actividade…
Non, todo o contrario. Moitos clientes non tiñan conexión a internet e déronse conta do necesario que era, xa fose para teletraballar, para que os nenos puideran conectarse ás clases virtuais ou facer os traballos escolares etc. […]
De onde viñades vós?
Tanto eu como Luis temos unha longa traxectoria no sector. A min sempre me atraeu o mundo da tecnoloxía e a comunicación, por iso comecei xa a miña actividade profesional traballando nas telecomunicacións. Cinco anos despois, lancei o meu propio proxecto empresarial cunha pasarela de recargas de telefonía móbil que se puxo á cabeza do seu sector en pouco tempo, nun momento en que era frecuente usar teléfonos de prepago. A ese primeiro proxecto seguíronlle outros relacionados coa tecnoloxía e as comunicacións, pero sempre entendendo que unha boa idea debe ir acompañada de moito traballo, dunha xestión impecable e de darlle prioridade absoluta ao cliente. E con ese mesmo espírito arrancamos Grelo Comunicacións, coa certeza de poder ofrecer un servizo de operadora móbil cunhas características que moitos usuarios están demandado.
Que servizos ofrecedes?
Agora mesmo ofrecemos fibra, móbil, telefonía fixa e 4G, tanto a particulares como a empresas.
Cal é o máis demandado?
A fibra, sen dúbida, está agora á cabeza das demandas e centra boa parte do noso traballo.
Con que operadoras traballades?
Nós somos operador pero temos acordo con todas as infraestruturas en canto a fibra. No caso das liñas móbiles a cobertura e de Movistar, de Yoigo e de Orange.
Que diferencia Grelo das empresas de comunicacións que existían?
O noso trato personalizado e próximo co cliente, que é a nosa razón de ser. Un exemplo: contactar con nós é doado, non transferimos as chamadas de comercial en comercial. É máis: o cliente que chama pode ser atendido sempre polo mesmo comercial, o que evita perder tempo e dar unha solución máis rápida. Iso repercute nun mellor funcionamento e nun mellor servizo […]
Hai aínda zonas “complicadas” en Galicia para acceder ao sinal de móbil como á internet?
Hai poucas zonas onde no chegue a cobertura de móbil. No noso caso, ao ter varias coberturas á vez, é bastante complicado que non poidamos dar servizo en calquera zona de Galicia. No caso de internet, se non chega a cobertura por cable (fibra ou ADSL) temos a opción de router 4G.
(Extracto da entrevista publicada no número 371 – abril 2022)
Comentarios (0)