Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Búscase ao mellor xestor para a empresa”



PUBLICADO O 27 DE OUTUBRO DE 2015 · (0)




Ser fillo, neto ou sobriño de empresarios, condiciona? Hai perfís que responden mellor ás necesidades que leva xestionar e decidir ou se acaba aprendendo a facelo?

Formar parte dunha familia empresaria pode condicionarche a ser empresario, aínda que só sexa por unha cuestión tan simple como a canle da sucesión. Pero tamén teño que dicir que a formación académica das novas xeracións adoita ser moi boa e que xa vai xa encamiñada, nas máis das veces, a asumir cargos de responsabilidade dentro da empresa.  Todos sabemos que un líder, ten que ter unhas características innatas e, por suposto, aprender a xestionar e traballar con equipos. Persoalmente creo que non só nácese, senón que un bo líder faise a través de moito esforzo, traballo e ganas de aprender.

Chegar a un posto co cuño de “herdeiro”, cun apelido familiar detrás, é complicado? Ponse máis en cuestión aptitudes e calidades ou o respecto acábase gañando traballando como calquera outro directivo?

Na empresa familiar o tema da sucesión é algo natural. Está claro que o proceso sucesorio ten que realizarse de forma axeitada, cunha persoa que coñeza e estea comprometida coa empresa, cos seus valores e cos da familia. Pero ao mesmo tempo ten que ter capacidade de liderado e ser un bo creador de equipos. É dicir, que estea preparado ou preparada para asumir este reto, do mesmo xeito que se fose un directivo externo. Só desta forma pódese gañar o respecto da xente coa que traballas, como lle pasa a calquera outro profesional cun perfil executivo e de xestión.

En setembro de 2003 iniciouse como RR.PP. en Jealsa Rianxeira e como directora desta Asociación. En que cambiou a súa visión da empresa, sobre todo da empresa familiar desde entón?

Cando comecei en Jealsa xa tiña vinculación coa familia propietaria, porque tiven a fortuna de traballar como responsable do Gabinete da alcaldía de Jesús Alonso. E aí foi o meu primeiro contacto co mundo da familia empresaria. Pero evidentemente, ao entrar na Asociación, ampliouse a miña visión do que representan estas empresas en Galicia e en España, e son moito máis consciente da riqueza e do emprego que xeran.

E esta asociación, AGEF, é unha familia ben avenida?

Por suposto. Somos unha asociación na que prima un obxectivo común que é facer máis fortes e dar continuidade ás nosas empresas, traballar para mellorar o entorno legal e fiscal, e ser un vehículo de comunicación ante a opinión pública. Non hai personalismos de ningún tipo.

Tedes, coido, unhas 55 empresas familiares. Se seguen buscando novos socios, o asociacionismo aumenta?

Non, o certo é que non somos unha asociación ao uso polo que o noso obxectivo prioritario non é o aumento de socios. Imos incorporando altas, pero sen grandes campañas de captación. Ademais, sinceramente, creo que cada vez a xente é máis selectiva á hora de decidir a que se asocia.

Se consideramos empresa familiar como a que está controlada en máis dun 51 % do capital por membros que comparten apelido, estas empresas supoñen preto do 70 % do PIB galego, unha cifra que impresiona. Hai aquí máis que no resto de España?

Lamentablemente non existen moitos estudos rigorosos sobre a empresa familiar en Galicia nin no resto de España. Pero o Instituto de Empresa Familiar está agora mesmo a elaborar un informe coa Rede de Cátedras, que se publicará proximamente. Seguro que este traballo nos dará unha visión real sobre a dimensión da empresa familiar en toda España e por comunidades. Pero agora mesmo, certamente, non me atrevo a cuantificar se somos máis ou menos en Galicia.

Texto: Esther Garrido // Fotos: Miguel Muñiz

(Extracto da entrevista completa, que se pode ler no número de novembro de eco)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)