Corazóns con premio
O III Premio Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía recoñece un estudo centrado en predicir a aparición de fibrilación auricular posterior á realización de recambios valvulares
E é que non estamos a falar de enfermidades illadas, senón de doenzas cuxa incidencia non deixa de medrar e que disparan o risco de padecementos como os accidentes cerebrovasculares e a insuficiencia cardíaca, constituíndo a terceira causa de alteracións que sobreveñen ao órgano rei no noso país e cuxa mortalidade asociada acada, na actualidade, o 60 %.
A contía, a grande sorpresa.
Nunha terceira edición marcada polo incremento da gratificación económica deica os 30.000 euros, a condecoración recaeu no proxecto liderado polo Dr. Moisés Rodríguez-Mañero, cardiólogo clínico do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), “Diferenzas no impacto prognóstico e preditores do desenvolvemento de fibrilación auricular en pacientes con estenose aórtica severa remitidos a recambio valvular aórtico cirúrxico ou percutáneo”.
Grupo de investigación.
Unha proposta, xa que logo, levada da hipótese á práctica polo grupo que, á parte do propio Dr. Rodríguez-Mañero, integran Diego Iglesias, Brais Díaz, Diego Otero, Sonia Eiras e Amparo Martínez e que analiza a abordaxe terapéutica da citada condición, todo a prol dunha medicina personalizada que teña en conta as características individuais de cada doente no seu tratamento.
Indubidable aplicabilidade.
Para o seu fallo o pasado mes de xullo, o Xurado destacou a calidade científico-técnica e viabilidade amosadas polo estudo, ademais dunha aplicabilidade no día a día das Unidades de Cardioloxía dos centros sanitarios de elevado potencial. Recordemos, neste senso, que a estenose aórtica afecta a entre o 0,3 % e o 0,5 % da poboación xeral e a entre o 2 % e o 7 % dos maiores de 65 anos, ocasionando milleiros de ingresos hospitalarios cada ano co correspondente custo persoal para os pacientes e monetario para as arcas públicas que iso supón.
Composición do Xurado.
Á par de Ramiro Carregal, figura impulsora do galardón, empresario e presidente de Honra do Xurado, a comitiva completouse co Dr. José Ramón González Juanatey, presidente executivo do mesmo; o Dr. Borja Ibáñez Cabeza, xefe de grupo do CIBER de enfermidades cardiovasculares e cardiólogo intervencionista no Hospital Universitario Fundación Jiménez Díaz; o Dr. Pedro Luis Sánchez, xefe de Cardioloxía do Hospital Universitario de Salamanca e profesor titular de Medicina na mesma universidade; o Dr. José Luis Ferreiro, cardiólogo do Hospital Universitario de Bellvitge e director do Laboratorio de Investigación Cardiovascular do Idibell; e a Dra. Almudena Castro, coordinadora da Unidade de Prevención e Rehabilitación de Cardioloxía no Hospital Universitario La Paz.
Nacemento.
Na súa concepción, a condecoración xurdiu ao abrigo do acordo colaborativo establecido entre o presidente de Frinsa, Ramiro Carregal, e os responsables da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (Fidis), Eloína Núñez e o Dr. José Ramón González Juanatey, xefe do Grupo de Investigación en Cardioloxía do IDIS.
Un pacto firmado coa finalidade de dar soporte diñeirario e outorgar recoñecemento á investigación das alteracións de carácter patolóxico que atanguen ás válvulas do corazón, en aras de mellorar a calidade de vida dos doentes e respaldar o traballo diario dos profesionais que adican a súa bagaxe profesional a procurar solucións para as problemáticas sanitarias que afectan á sociedade.
Acto de entrega.
A cerimonia de entrega tivo lugar o xoves 15 de setembro no Hostal dos Reis Católicos da capital compostelá, unha ubicación de excelencia á que acudiron tanto o premiado como os organizadores, numerosas autoridades de renome dos eidos político e sanitario e demais público asistente.
Comentarios (0)