Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Apetecíame construír a Compostela xacobea desde a ficción”



PUBLICADO O 18 DE DECEMBRO DE 2015 · (0)




Como xorde a idea desta primeira novela para alguén tan acostumado a tratar coa realidade e coa historia na súa profesión?

A idea xorde a raíz de coñecer a estraña historia do roubo da cruz de Afonso III e ver que había moitas contradicións e que nunca se resolvera. A partir de aí intereseime polo tema e pola propia cruz. Xa no 2004 un grupo de traballadores apoiamos que se fixera unha recreación, que creo que vai ir ao Museo das Peregrinacións, posto que era unha cruz de peregrinos. En principio era para facer un artigo ou un libro pero sorprendeume tanto ver a escasa repercusión do roubo, malia o valor do roubado, que funlle dando voltas ata que pensei en facer unha novela e púxenme a elo. 

Que hai de ficción e que de verdade na obra?

O feito do roubo, sobre o que se sustenta a historia, é real e está moi documentado. Para iso fixemos tamén un blog, para contrastar datos e poder ver o que hai de verdade na historia. Todas as citas, por exemplo, son reais, pero o desenvolvemento dos feitos e o desenlace da historia –que non se coñece case ata o final– é ficción. Ten que selo porque, realmente, non se sabe que pasou, nunca se resolveu o roubo.

Malia a importancia do roubado, o caso apenas tivo repercusión. Nada que ver co do Códice…

Nada en absoluto. O Códice sóubose deseguida quen o colleu, por que e apareceu. Neste caso non se sabe nada, non apareceu nunca e tampouco se lle deu o mesmo trato informativo, pese ás moitas contradicións da historia. Moitos consideran que se trata dun roubo común porque era unha xoia de gran valor, pero cando a levaron xa non o era: xa lle quitaran practicamente todas as pedras preciosas que tiña e mesmo as láminas de ouro que a recubrían. Ademais xunto á cruz había cousas con moito máis valor económico que non roubaron, polo que parece difícil soster a teoría dun roubo convencional.

Que outro valor podía ter a cruz entón?

A cruz de Afonso III ten valor por varios motivos: primeiro, porque foi a doazón ao Apóstolo máis antiga que se coñece. É do ano 874. Posiblemente –case seguro– que houbo outras pero non se conservaron. Esa cruz, polo que fose, sobreviviu; moi maltratada pero sobreviviu. Era unha cruz grega, precristiá, cos catro brazos iguais e con máis de 70 pedras preciosas e láminas de ouro que a facían brillar, porque estaba vinculada co mundo solar como crenza precristiá, que despois o cristianismo asumiu. Era unha xoia de moitísimo valor no seu momento e acumulou aínda máis valor ao ser unha xoia moi adorada polos peregrinos, sobre todo despois do século XII cando non se pode facer a visita ao sepulcro e bicar a cruz convértese, xunto co abrazo ao apóstolo, no rito dos peregrinos que chegan á catedral. Durante séculos foi a estrela do relicario xunto co cranio de Santiago o Menor. E aínda hai outro feito relevante; a finais do XVI cravóuselle un crucifixo como se se quixera cristianizar dalgún xeito, un símbolo estrañísimo do que non hai precedentes nin se coñece nada similar. E así estivo ata que a finais do XIX López Ferreiro apiadouse dela e sacoulle o crucifixo.

Texto e fotos: Teresa Rocamonde 

(Extracto da entrevista completa, que se poderá ler no número de xaneiro de eco)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)