A fenda do agro
Nos tempos que corren, ser muller non resulta alentador. E máis para aquelas que deciden adicarse por enteiro ao campo.
Segundo datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, as mulleres conseguen facerse con menos da terceira parte das achegas da Política Agrícola Común (PAC), destinadas a compensar diñeirariamente aos profesionais do rural por aqueles labores imprescindibles que non poden reflictir nos seus prezos finais. É dicir, contribuír á rendibilidade da agricultura para potenciar o seu desenvolvemento e garantir a súa continuidade.
Procedentes da Unión Europea (UE), onde se decide canto corresponde a cada país, o reparto en España expón unha importante fenda de xénero: o 72,7 % das subvencións son concedidas a homes. Unha circunstancia que amosa con claridade como o sexo feminino se ve na obriga de sortear multitude de trabas cara a súa inclusión no campo.
Brotes verdes.
Afondando no contraste en base aos informes do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), a situación non exhibe grandes signos de mellora. Nos derradeiros oito anos, a fenda apenas deu en se reducir un 2 %. Como exemplo, no ano 2020 as mulleres recibiron só o 27,3 % das axudas directas a persoas físicas e o 26,7 % das vinculadas ao fomento do desenvolvemento rural.
A cantidade, a ter en conta.
A desigualdade de xénero non afecta unicamente ao feito de se converter ou non en figuras perceptoras, senón tamén aos termos económicos. Neste senso, elas seguen a ingresar importes totais moi inferiores aos dos seus homónimos varóns.
Polos opostos?
En Galicia, non obstante, sorprende o feito de que, na actualidade, reciban a PAC a 12.739 mulleres fronte a 10.288 homes. Mais isto non significa necesariamente que non exista a fenda de xénero testemuñada polo resto do país. A explicación vira, xa que logo, arredor de cuestións puramente burocráticas: aínda que as perceptoras das achegas sexan superiores en número, a titularidade real das explotacións é ostentada polo sexo masculino.
(Extracto da noticia publicada no número 376 – setembro 2022)
Comentarios (0)