Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Setembro custa


Tanto se se ten fillos como se non, a costa de setembro afecta a todos os adultos e maiores dun ou doutro xeito, facendo difícil a súa superación.


AITANA IGLESIAS MáRQUEZ · PUBLICADO O 28 DE SETEMBRO DE 2022 · (0)






Aloxamentos hoteleiros, goce da gastronomía, desprazamentos, billetes de avión… O sumatorio final dun tempo de desconexión da realidade diaria que, aínda necesario para repoñer forzas, comporta un importante gasto financeiro.

Saír ileso da costa de setembro non é soamente posible, senón que nos atopamos ante os mellores 30 días do ano para analizar e pór en orde a nosa economía cara a incrementar as nosas vías de aforro.

 

Ameaza de recesión.

Os expertos téñeno claro: os derradeiros meses do ano testemuñarán a chegada dunha nova crise. Unha confirmación baseada en desalentadores indicadores que non deixan lugar a suspicacia.

A escala mundial, a economía estadounidense amosa xa o seu declive, marcando por adiantado o porvir inmediato de Europa. No referente a España, a confianza empresarial merma a pasos axigantados parella a un aforro dos fogares que pasou do 8,3 % no 2021 a descender deica cifras negativas.

Un -0,8 % que reduce a renda persoal dispoñible e fai depender aos fogares dos cartos acumulados nas súas contas bancarias, xerando un endebedamento privado de 1.427 millóns de euros.

 

Claves para tensar o cinto.

Conseguilo non é unha tarefa doada, mais todo é factible coñecendo unha serie de claves que permiten instaurar hábitos do máis favorable para a nosa economía.

 

O estado das finanzas, primeiro paso.

Bosquexar un esquema que reflicta fielmente os ingresos e os gastos mensuais fixos constitúe un bo xeito de comezar. Non se precisan grandes malabarismos: cun organigrama sinxelo é dabondo para iniciar a andaina de sanear as nosas contas individuais ou familiares.

Analizar polo miúdo e anotar aquelas transaccións invariables coas que debemos lidar resulta imprescindible para telas en conta cara a restalas ao presuposto dispoñible, autopresentando ante os nosos propios ollos unha panorámica que, de modo visual, nos amose o noso estado financeiro real.

 

Adiantarse ou extremar.

Unha das mellores alternativas para gastar menos en setembro é adiantarse ou, pola contra, agardar ás ofertas de última hora.

No primeiro caso, acometer con antelación as compras necesarias para a posta a punto cara ao outono resulta moi proveitoso respecto a gozar das vacacións coa tranquilidade e garante de non ter deixado cabos soltos, podendo terse beneficiado de bos prezos durante a época de rebaixas.

Mais, de atoparse a estas alturas cos deberes aínda por facer, o aforro é posible sacando tallada, por exemplo, de promocións dispoñibles para a liquidación de restos e descontos especiais.

 

Non todo son números.

Nesta tarefa, o máis importante é buscar e comparar as características e o custo do mesmo produto ou servizo en distintos establecementos ou compañías cara a conseguir a opción máis económica en relación á calidade e ás prestacións. Acudir a outlets e tendas ou webs de segunda man pode erixirse tamén como unha disxuntiva a considerar.

 

(Extracto da noticia publicada no número 376 – setembro 2022)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)