“Xunta e FEGAMP deben apostar polas fusións de concellos"
"Non facer nada vai implicar a desaparición de moitas parroquias”
Falamos con Alberto Vaquero, codirector de Rede Localis e profesor de Economía Aplicada na UVigo, sobre a función destes organismos locais, da súa utilidade e de se urxe organizar mellor a nosa planta de concellos para xestionar máis eficazmente os prezados cartos públicos.

Por que hai tantos problemas para delegar competencias?
En Galicia temos o problema endémico dunha reducida dimensión da planta local. Hai municipios con pouca poboación con graves problemas para prestar os servizos que marca a normativa e que dependen das axudas económicas doutras administracións públicas. Dende logo, cómpre un exercicio de didáctica para explicar aos responsables políticos e á cidadanía as vantaxes de contar con entidades municipais ou supramunicipais máis grandes. Creo que as fusións de municipios deberían ser unha opción moi a considerar, mais sempre analizada de xeito concreto para cada concello e contando con estudos que aconselllen a súa creación. Tanto a Xunta como a FEGAMP deberían apostar polas fusións de concellos, xa que non facer nada vai implicar a desaparición de moitas parroquias e núcleos de poboación pois, sen servizos públicos de calidade, os habitantes abandonan o territorio.
Por que algunhas mancomunidades non se disolven se afirman non estar operativas desde hai anos?
Deberían facelo, posto que non ten sentido que unha mancomunidade -ou calquera outra institución pública ou privada que non esté operativa- siga figurando como entidade nos rexistros. A administración debería actuar para corrixir esta incidencia. De feito, o Consello de Contas insta dende fai anos ás que ostentan a presidencia das mancomunidades que afirman non ter actividade a que inicien o proceso de disolución definitiva e de cancelación da súa inscripción no rexistro de entidades locais, mais non todas seguen esta recomendación
Cal é o sentido? Puro deixamento?
Habería que analizar cada caso concreto, mais si, posiblemente haxa certo compoñente de deixamento. Ademais, as mancomunidades galegas son as entidades locais menos transparentes, non só por non entregar a conta xeral ao Consello de Contas senón porque, das 36 que hai no rexistro do Ministerio de Facenda e Función Pública, só se posúe información de 21. Ou sexa, que 15 nin sequera achegan información.
Entón, nunha escala do un ao dez, como cualificaría de media o funcionamento e o éxito destes organismos nados, en teoría, para aforrar e gañar en axilidade e servizos?
Hainas que funcionan moi ben, outras non tanto… Máis que darlle unha nota global, habería que valorar polo miúdo cada unha. Na última nota do Observatorio Municipal de Galicia que elaboramos hai escasas semanas, dende Red Localis xa sinalamos que había mancomunidades moi cumpridoras e outras que non. Das entidades locais de Galicia do exercicio 2019, que foi publicado o 1 de abril de 2021, hai 18 que non achegan esa información. Pois ben: das 18 que citei, 14 son mancomunidades. Ademais, moitas delas seguen pendentes de entregar as contas xerais de exercicios anteriores. Con todo, as 14 mancomunidades que inicialmente non achegan información quedarían en dez se se ten en conta que había tres en proceso de disolución cando o CCG realizou o informe. Mais, aínda así e tendo esta matización en conta, o grao de cumprimento das mancomunidades operativas sería do 66,7%.
(Extracto da noticia entrevista no número 376 – setembro 2022)
Comentarios (0)