Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“A mediados do XIX non había muller ningunha en España que tivese os contactos políticos de Juana de Vega”



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 27 DE MARZO DE 2023 · (0)




Non é fácil entender por que Juana de Vega está a anos luz de Rosalía de Castro no imaxinario colectivo galego. Ou de Emilia Pardo Bazán e ata de Concepción Arenal, da que foi amiga. Protagonista nos espazos liberais, conspiradora, xenerosa… O focense Xosé Ramón Veiga, experto en historia política do s. XIX, vén de presentar un notabilísimo traballo recén editado por Galaxia na súa colección Grandes Biografías.

Por que deberíamos coñecer máis a Juana de Vega?

Porque é un referente histórico da Galicia do século XIX. A nivel político, a nivel literario, pola súa axuda a orfos e desamparados, a mulleres da Coruña… Deberíanos soar como aya da que fora reina de España Isabel II e, sobre todo, deberíanos soar porque o que fixo, e cando o fixo (no século XIX e como muller), é absolutamente excepcional.

Sabemos xa algo máis da súa experiencia en Inglaterra, cando marchara co seu marido, o coñecido militar navarro Espoz y Mina?

Sabemos agora máis cousas porque puiden acceder a documentación que estaba no Arquivo Xeral de Navarra, documentación que era basicamente do seu marido pero na que ela intervén e aparece constantemente.

E que sacaches en limpo?

Que foi unha conspiradora máis. O seu marido xa era un dos grandes conspiradores contra o absolutismo de Fernando VII como liberal que era. Pero Juana de Vega era moito máis que a súa muller. Foino tamén, si, e foi a súa enfermeira porque estivo moi delicado de saúde. Pero ademais foi interlocutora, subtituíao na rede de conspiración cando el non podía estar, recibía nos seus domicilios ingleses a todos cantos pasaban por alí. Creou callo para logo desenvolver actividade política sempre na sombra. Era muller, no século XIX era imposible facelo doutra maneira, pero doutorouse en política. Dez anos conspirando son moitos anos, gañou moita experiencia e ademais era moi nova: naceu en 1805, casou con Espoz y Mina en 1821 e quedou viúva con 31 anos.

Chegou a coñecer a Juan Díaz Porlier, aforcado na Coruña en 1815 tamén por levantarse contra Fernando VII?

Si, porque Porlier era un coñecido do seu pai, Juan Antonio de Vega, e cando se produce o levantamento de Porlier Juana tiña 10 anos. É máis, con 12 anos houbo unha fuga de varios dos implicados encarcerados en San Antón por participar no pronunciamento de Porlier e nela participa a nai de Juana de Vega, Josefa Martínez, axudando os fugados, e a propia Juana de Vega levándolles cartos. […] 

A súa etapa posterior a Inglaterra e xa despois de ser aya da que sería futura raíña Isabel II, dirías que foi a máis frutífera e intensa?

Efectivamente, Juana morre con 67 anos así que aos 32 quédalle moitísimo percorrido. E é a partir de aí cando deixa de ser filla de Juan Antonio e muller de Espoz y Mina e pasa a ser a Condesa de Espoz y Mina: Juana de Vega. E comeza todo o seu gran percorrido.

O que non sabía dela, hei de dicir, é que ten unha destacada obra literaria. Que achegou?

Como escritora de non ficción, porque é unha escritora realista, non ten parangón con ninguna outra muller, xa non a nivel galego senón a nivel español en todo o s. XIX. Porque Juana de Vega ten dúas autobiografías, unha dedicada aos seus anos de aya de Isabel II e outra titulada Mis memorias íntimas en homenaxe a Espoz y Mina nas que narra a súa infancia e o seu período vital co militar navarro. Pero é que despois Juana elabora a biografía de Espoz y Mina que son cinco tomos –unha copia deles está na sede da Real Academia de Bellas Artes na Coruña– con miles de páxinas. E mantén a ficción de que quen as fai é en realidade Espoz.

Pero non…

Non. Espoz y Mina é de orixe campesiña, escríbeas ela.

E por que pensas que é tan descoñecida? Por ser escritora de non ficción, porque o século XIX é tamén o gran descoñecido na historia deste país e ai é onde ten protagonismo político?

Mestúranse varias cousas. Por exemplo, todos estudamos en secundaria a Rosalía, estudamos a Emilia Pardo Bazán, con algo de sorte nos falan de Concepción Arenal –que tivo unha amizade con Juana de Vega moi íntima por certo– e xa. Son as tres grandes referentes. Concepción Arenal foi unha penalista pero a nivel europeo, espectacular, e as outras dúas pola sua obra literaria. Pero Juana de Vega non. Non publica en vida as dúas autobiografías senón que se publican en 1910, case 40 anos despois de que morrese. Mentres que as memorias do seu home se publicanse en vida dela pero baixo a ficción de que están escritas por Espoz y Mina. Por iso que no século XIX Juana de Vega non fose tan coñecida como escritora ten lóxica. Pero a partir de 1910, ten moita menos.

O mesmo no ámbito político.

Efectivamente. Por que non é tan coñecida? Porque era unha muller do XIX. Todo o que fixo na política, fíxoo dende as sombras, dende a escuridade. Ela tiña contacto cos líderes progresistas de toda España, cos máis destacados de todo o século, sabémolo pola súa correspondencia, pero non podía aparecer publicamente. De feito apareceu dúas veces en prensa porque comentábase que un ministro fora nomeado por influencia dela, un escándalo. Como vai poder unha muller que no século XIX se ten que ocupar do seu fogar, dos seus fillos e do seu marido dedicarse a facer política, que era algo exclusivamente dos homes? […] 

Por que os liberais españois, incluídos os militares de comezos do XIX, eran liberais no sentido anglosaxón e despois mudou?

Hai dous factores. O exército español da primeira metade do XIX era un exército liberal porque fai a guerra contra os franceses e introduce a moita xente que non é nobre, que non é “de cuna”. Como o marido de Juana, Espoz y Mina, que era un labrego que chegou a ser capitán xeral. Iso dez anos antes era imposible, non se podía imaxinar que alguén que vendía venduras nas prazas de Pamplona chegase a capitán xeral. Foi nese contexto de guerra. E ese exército foi o que en boa medida conspirou contra o absolutismo. Porlier quen era? Era un militar. Quen era Luis Lazy, que foi capitán xeral de Galicia? Outro militar. Quen era Espoz y Mina? Outro.

(Extracto da entrevista publicada no número 381 - febreiro 2023)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)