Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Se hai algún lugar bo para gastar todas as enerxías é Santiago”



PUBLICADO O 27 DE XANEIRO DE 2016 · (0)




Era reticente a presentarse por Santiago…

Moi reticente.

E que o levou finalmente a tomar a decisión?

Tiven que elixir entre a decisión persoal de pechar o ciclo en Teo e volver á miña profesión, á Medicina, e centrarme máis no espazo familiar ou volver asumir responsabilidades institucionais, neste caso na capital do país. Non foi doado porque tiña clara a decisión persoal, pero se me deron razóns que acabaron tendo un peso relevante na miña decisión, na que antepuxen as peticións colectivas á decisión persoal. Dito isto, no momento en que tomei a decisión fun consciente do calado e cando gañamos moito máis, así que non estou co retrovisor posto. Un ten que asumir as decisións que adopta e non pode estar revisándoas, sobre todo porque xa cavilara moito a elección cando a tomei.

Pasado xa un tempo, valeu a pena a renuncia persoal?

Este meses reforzáronse os elementos que me fixeron vir a Compostela; por unha parte, saber que estas nun momento histórico-político especial: que a decisión non só supuña a xestión dunha cidade senón abrir un novo espazo de representación, e aí Santiago foi unha das illas dese arquipélago no que están A Coruña ou Ferrol, pero tamén Madrid, Zaragoza, Pamplona, Valencia… Demostrouse que había unha reivindicación dun segmento importante da poboación por sentirse representado doutra maneira. E iso reafirmoume moito na decisión adoptada. Logo, a situación que atopei no Concello, a ruptura da confianza entre a institución e os barrios, por exemplo. Vimos dunha lexislatura na que houbo tres alcaldes e múltiples concelleiros –en Educación chegou a haber ata seis responsables–, e iso estamos pagándoo agora […]

E na propia institución, atopou algunha sorpresa?

Internamente atopei unha Administración moito peor do que esperaba. Houbo unha política de persoal baseada na confusión do perfil técnico co político que, xa antes de entrar nós, obrigou a readmitir por sentenza a diverso persoal, e iso deixa moitas feridas no funcionamento da casa. Volver a engraxar toda a maquinaria é complexo. E todo isto – a situación dos barrios e a interna da casa– si que me reafirman en que fixen o correcto desde o punto de vista do compromiso. 

Ten varias frontes abertas desde que chegou: a separación da vida civil e a relixiosa, a moratoria dos usos hoteleiros… Son cuestións razoables nunha cidade como Santiago?

É o que levabamos no noso programa, aquelas 13 chaves prioritarias. Nós non fixemos unha campaña moi propositiva porque eramos conscientes da institución que iamos atopar e eu tiña experiencia na xestión e esixinme non xerar falsas expectativas –é certo que a vitoria foi unha expectativa en si mesma, pero non porque prometeramos o divino e o humano–. Pero aquelas 13 chaves estaban claras e agora teño que estar permanentemente dando explicacións de cuestións que levabamos no programa.

Pero si é certo que había promesas sociais das que se fixo bandeira, como a renda básica, o cobro do IBI á Igrexa… que non se poden cumprir. Houbo demagoxia en temas que non competen a un goberno local?

Hai cuestións que dixemos que non estaban na nosa man pero que fariamos o posible. E no tema social estamos facendo todo o posible, e así se reflicte na proposición do  orzamento de 2016. A ver se se pode materializar… 

Imos transcender un pouco o ámbito local que están as cousas interesantes no Estado. Como valora os resultados da Marea?

O tema das Mareas dálle continuidade o relato que vimos construíndo desde o 2012 ou mesmo antes, porque xa nos 90 a fórmula do BNG foi a única capaz de disputar a hexemonía ao bipartidismo, superando en votos ao PSOE. Despois houbo un espazo de mestizaxe partidario entre a esquerda nacionalista e a federal, que foi AGE –tamén con grandes resultados–; logo o relato segue evolucionando, porque o proceso é dinámico, e incorpórase os representantes da sociedade civil que veñen do 15M e Nunca Máis e xorden as candidaturas de unidade popular ou mareas, e nas xerais refórzase ese espazo tanto no partidario como nas plataformas cidadás. Por tanto, hai unha coherencia nun proceso dinámico de acumulación que, con todos os erros, vai para adiante, e que pode acabar por disputarlle a hexemonía ao PP no goberno do noso país. 

Como se ve en tres anos?

Un pouco máis canso. A este ritmo… Beiras sempre comenta que nos momentos de crise hai unha aceleración histórica e debeume tocar toda a min. Se me din hai catro anos que ía pasar todo isto non o crería, así que non sei onde estarei no futuro. Vivo o presente e ademais estou totalmente comprometido con esta cidade polas razóns que che daba ao principio: esta é a capital do país, ten un peso cualitativo moi importante, unha posición simbólica non menor e, se hai algún lugar bo para gastar todas as enerxías, é Santiago. 

 

Texto: Teresa Rocamonde / Fotos: Miguel Muñiz 

(Extracto da entrevista completa que se poderá ler no número de febreiro de eco)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)