O club galego da cidade de Pelé
Edson Arantes do Nacimento, máis coñecido como Pelé, descansa para sempre na cidade que sempre levou no corazón. E tamén na camiseta: Santos. Pero poucos saben que moito antes ca el, outros galegos levantaran a súa propia lenda futbolística na cidade brasileira.
A maioría dos galegos que emigraron ao Brasil quedaron no estado de São Paulo, e boa parte deles fixérono en Santos, a vila que creceu ao amparo do gran porto brasileiro, aínda hoxe responsable de máis do 25 % da balanza comercial do país. Nel desembarcaban os emigrantes que chegaban en busca dunha vida mellor e que, a diferencia doutros colectivos inmigrantes, non se dirixiron ao campo, que dificultaba o ascenso económico que buscaban, e quedaron en contornas urbanas que ofrecían máis e mellores oportunidades.
Santos foi unha desas vilas nas que a emigración galega atopou resposta ás súas inquedanzas. Unha poboación pequena cun dos portos máis importantes do mundo, que brindaba innumerables posibilidades, motivou os primeiros emigrantes. As cadeas migratorias fixeron o resto. Uns chamaban por outros –literal ou metaforicamente– e os galegos comezaron a chegar e a asentar na vila pauleira, que entre 1880 e 1922 se transforma completamente por mor desta circunstancia.
A profesora brasileira Marilia Dalva K. Cánovas ten investigado e publicado moito sobre o tema e, especialmente, sobre o papel da emigración española, a segunda máis influente tras a portuguesa por razóns ben evidentes: o país fora colonia lusa ata 1822. E iso puido influír tamén na chegada da emigración galega. Na súa investigación a profesora Cánovas conclúe que os primeiros emigrantes que chegaron a Santos eran homes novos, solteiros, que procedían do rural. Pero a tendencia muda a partir de 1908.
As relacións con Portugal, clave na emigración ao Brasil
A partir da primeira década do pasado século empezan a arribar familias enteiras procedentes, sobre todo, de Galicia, e máis concretamente de concellos próximos á fronteira con Portugal, que era tamén un destino para a emigración galega. Iso, e a facilidade para entender o idioma, completaría a explicación da masiva emigración galega ao Brasil.
Ao igual que no resto do país –e de América en xeral– os inmigrantes galegos fundan pequenos negocios tras iniciarse como empregados en establecementos comerciais, hostaleiros ou determinados traballos artesáns. E algúns logran situarse económica e socialmente. Pero son os menos, como explica o historiador Carlos Sixirei, un dos grandes expertos na emigración galega ao Brasil. "Ata os anos 30 non se pode falar dunha emigración triunfadora, que xere grandes negocios, grandes empresas. Hainos, pero son minoritarios".
Un club de fútbol en Santos
Os galegos están sós nun país moi distinto ao que deixaran atrás. E xorde neses homes novos que traballan arreo a necesidade de compartir algo máis ca penalidades. En Santos existía xa o Centro Español que, malia o nome, fora fundado por cinco galegos para axudar aos seus paisanos, e existía a Sociedade de Beneficencia Rosalía de Castro.
Pero faltaba a parte deportiva, así que se poñen mans á obra e en 1914 fundan un club de fútbol chamado Hespanha, cuxo nome conserva hoxe (sen o 'H') o espectacular estadio que inauguran en 1971. Por aquel entón a cidade xa presumía de contar co mellor xogador do mundo, Pelé, e o club cambiara a súa denominación pola que mantén actualmente, Jabaquara A. C., para cumprir o decreto que prohibía usar nomes de países no decurso da Segunda Guerra Mundial.
"Os galegos precisaban un lugar para relacionarse despois do traballo e o fútbol aquí era moi importante, o que lles permitía estar cos seus pero tamén integrarse no país", explica Claudio Fernández dos Santos, actual presidente do Jabaquara A. C. Fillo dun emigrante galego en Santos que tamén presidiu o club, Claudio móstrase moi orgulloso de poder manter o espírito que propiciou a súa fundación hai máis de cen anos: "Moitos dos que estamos aquí levamos España e Galicia no corazón e cada domingo galegos e fillos de galegos nos reunimos aquí, en torno ao noso querido Jabaquara, para manter esa lembranza e ese amor por Galicia e polo Brasil".
Acompañando a Claudio Fernández na dirección club está Carlos Fernández, presidente da Peña Hispano-Galega Ricardo Álvarez, que ocupa a vicepresidencia demostrando que Galicia segue moi presente no club e na vida desta cidade brasileira. Do seu éxito dan boa conta as espectaculares instalacións. Non son as iniciais, xa que o primeiro grande estadio, inaugurado en 1924, estaba no barrio do Macuco. Aí é onde o Jabaquara recibe a principios dos anos 40 ao Celta de Vigo, todo un acontecemento, segundo conta Claudio Fernández: "Todos faltaron ao seu emprego ese día para asistir ao encontro co Celta".
Nesa época o club vive un gran momento deportivo que se verá embazado pola grave crise financeira que sofre en 1945 que a piques está de levalo a segunda división. A venda dun valioso terreo próximo á praia de Santos, que non saldou as débedas, provocou moita polémica durante décadas. Aínda habería salvarse do descenso dúas veces: en 1957, grazas a unha remontada histórica contra o bicampión paulista Santos F. C., e de novo dous anos despois. O inevitábel descenso ocorreu en 1963 e deu inicio a unha "noite de pedra". O club abandonou o fútbol profesional e dedicouse ás categorías amateur e a levantar o novo estadio que inaugura en 1971.
Estádio Espanha
Coñecido cariñosamente como Caneleira, por estar situado neste barrio moi próximo ao centro de Santos, o estadio ten capacidade para máis de 8.000 persoas que, desde 1977, volven gozar do Jabaquara en competición, alternando entre a segunda e terceira división.
En 1991 o equipo principal do Santos F. C. xogou por primeira e única vez no Estádio Espanha con motivo da inauguración dos novos focos. E en 2008 o Jabaquara incorpora ao seu patrimonio o Litoral Fútbol Club que formaba parte do proxecto social creado por Pelé para priorizar a formación de novos xogadores.
Actualmente o club conta con escolas de fútbol de tódalas categorías desde os 11 anos e segue loitando, case 110 anos despois da súa fundación, por manter moi viva a afección polo fútbol e a memoria de todos eses emigrantes que durante máis dun século souberon vivir como galegos… no Brasil.
(Reportaxe publicada no número 382 – marzo 2023)
Comentarios (0)