"Os galegos xogaron un papel importante no crecemento do noso país como nación"
Malia non ser un dos destinos migratorios máis coñecidos, Panamá ten unhas características que o fan un caso único. Cada vez coñécese máis o traballo de milleiros de galegos na construción da Canle de Panamá pero o aporte de Galicia a ese país vai máis alá e estase dando a coñecer grazas ás segundas e terceiras xeracións de galegos que non esquecen as raíces pese a estar completamente integrados na sociedade panameña. É o caso do actual ministro de Obras Públicas, Rafael Sabonge Vilar.
No ano 2021 nace en Panamá a Fundación Nosa Terra para rescatar e dar a coñecer a historia da emigración galega neste país. Como chega a vostede a proposta de recuperar a memoria dos galegos en Panamá?
A primeira vez que falei cos membros da Fundación Nosa Terra foi un amor a primeira vista, sobre todo polo cariño que eu lle teño a Galicia. Miña nai é dunha pequena aldea de Forcarei, cerca de Soutelo de Montes, que se chama Ventoxo. Meus avós e bisavós eran de alí e eu teño moito cariño e tamén arraigo coa terra galega. Así que cando me presentaron esta proposta non o dubidei. Eu dixen "este monumento hai que facelo", porque é unha fermosa ocasión para renderlle homenaxe a todos eses traballadores incansables que viñeron aquí e que foron esenciais para levantar a nosa principal infraestrutura que é a Canle de Panamá pero tamén contribuíron a forxar a nosa cultura panameña.
Evidentemente a súa nai veu moito despois da construción da Canle, supoño que nesa segunda vaga migratoria que se produce a Panamá a mediados do século pasado. Como chega unha veciña de Forcarei a Panamá?
Xa viñera o meu bisavó, foi o primeiro da familia que veu a Panamá e dedicouse á construción, non á da Canle porque veu algo despois, pero si á labores de construción. A situación en Galicia e no mundo nese momento non era boa e o meu bisavó xunta a outros amigos entre os que está o pai do actual presidente de Panamá, Laurentino Cortizo, emprenderon esta aventura para buscar traballo e darlle unha mellor vida ás súas familias. Meu bisavó veu só e despois trouxo a meu avó, que chegou igual. Deixou alá a súa muller e a súa pequena filla, que era miña nai, e elas viñeron despois, cando el estaba xa un pouco asentado.
E dedicáronse á construción?
Si, nun primeiro momento si, pero despois meu avó emprendeu negocios de bens raíces e tamén temas de viaxes, de turismo… e forxaron unha familia aquí. Miña nai, que veu con 12 anos, casou aquí cun panameño pero nunca perdemos a relación con Galicia. Os galegos aquí, en Panamá, manteñen unha relación moi estreita con Galicia e meus avós tamén o fixeron. Mantiñan alá as súas amizades, familia… Meu bisavó regresou a Galicia e eu fun visitalo en varias ocasións e teño recordos fermosísimos da miña infancia na aldea galega.
Recordaba antes as orixes galegas do actual presidente de Panamá, Nito Cortizo, fillo dun galego de Ricovanca, en Beariz. Pero o anterior presidente, Juan Carlos Varela, tamén era neto de galegos, neste caso da aldea de Bergondo. É quizais a mellor mostra da relevancia que tivo a emigración galega neste país…
A comunidade galega en Panamá é moi importante. Posiblemente é a comunidade española máis numerosa, pero ademais os galegos xogaron un papel importante no crecemento do noso país como nación e da nosa cultura. A cultura galega influíu moito na cultura panameña e o traballo duro e a forma de ser dos galegos é ben coñecida e valorada aquí. Sabemos e recoñecemos o esforzo desas persoas que viñeron a emprender e a traballar moi duro, de sol a sol. Eu síntome moi orgulloso das miñas raíces e agora, grazas a este traballo que está facendo a Fundación Nosa Terra, o papel dos galegos está recibindo máis atención. Pero sempre houbo descendentes de galegos en Panamá que tiveron moito que ver no crecemento deste país.
Vostede foi o principal responsable de que a estatua homenaxe aos galegos que traballaron na Canle vaia estar na Calzada de Amador, e non no lugar que orixinalmente pensaran na Fundación Nosa Terra. Por que elixe este emprazamento?
Cando me reunín coa xente de Nosa Terra eles dixéronme que querían facer un monumento aos galegos que traballaran na Canle e querían poñelo nun lugar coñecido como a Cinta Costeira aquí, na Cidade de Panamá. E viñeron ao Ministerio de Obras Públicas porque é onde se administra esta infraestrutura. Pero eu xa nese momento pensei que era moito mellor poñelo nun lugar máis representativo. Xa que son catro estatuas de catro galegos que traballaron nas obras, sería bo que estivesen mirando a obra que eles construíran. E pensamos que a Calzada de Amador sería ese lugar, porque foi un recheo qeu se fixo coas escavacións da Canle, así que sería moi simbólico. Ademais é unha das zonas máis turísticas e máis visitadas na Cidade de Panamá, así que tamén sería perfecto para darlle esa visibilidade ao traballo dos galegos na gran obra de enxeñaría mundial que é a Canle.
Moitas grazas por recibirnos aquí, no Ministerio de Obras Públicas de Panamá. É unha honra tamén para nós coñecer o papel que tiveron e teñen os galegos neste país.
Grazas a vostedes pola visita e quero aproveitar para enviar unha grande aperta a todos os galegos desde aquí, desde Panamá.
(Entrevista publicada no número 383 – abril 2023)
Comentarios (0)