"Gañei o meu primeiro millón de dólares con 22 anos"
Nelson Almeida Taboada (Salvador de Baía, 1941) é un dos empresarios máis importantes do Brasil, a onde chegou o seu avó, José Taboada Vidal, desde o seu Cerdedo natal en 1892. Orgulloso da súa estirpe, Almeida creou a Casa de Cultura Carolina Taboada destinada a recuperar a historia familiar que é, en boa parte, a historia do barrio baiano de Rio Vermelho, pero tamén cunha vertente cultural e de asistencia social coa que o exitoso empresario trata de devolverlle á súa terra parte do que ela lle ofreceu ao seu avó hai máis dun século.
Como chega ao Brasil seu avó a finais do século XIX?
El chegou ao Brasil con 14 anos e xa se puxo a traballar nun almacén. Con 25 anos pasa a ser socio e tres anos despois mércalle ao patrón o que sería o seu primeiro negocio, o Almacén Río Vermelho. E xa se fixa aí.
Establécese en Rio Vermelho pero para casar busca unha galega, Amalia Souza, de Salvaterra do Miño.
Si, ela veu sen coñecelo, como se facía entón, e foi amor a primeira vista. Tiveron sete fillos, seis nenos e unha nena, e integráronse moi ben na vida baiana. Dela non teño moitos recordos porque morreu cando eu tiña seis meses.
Rio Vermelho, que está a uns 9 km do casco histórico de Salvador, era entón unha vila balneario importante. E José Taboada percibe que hai futuro aquí.
Si, era un lugar moi frecuentado por familias ricas pero era tamén un importante centro pesqueiro, que el vai aproveitar. De feito el era moi querido para os pescadores. Aquí hai unha festa moi importante en honor a Yemanjá, a raíña do mar, que os pescadores celebraban nun pequeno barracón de madeira. El construíulles a primeira casa de Yemanjá. E cando chegaba o inverno e nonpodían pescar polo mal tempo, el sostiña os pescadores a cambio de ter a preferencia despois na compra do peixe. Pero non aceptaba peixe como pago nin peixe gratis porque sabía das necesidades que pasaban. As xentes do mar adorábano.
Constrúe a casa de Yemanjá e tamén a nova igrexa de Rio Vermelho…
Había dúas igrexas aquí co estilo provinciano, a de Montserrat e a vella igrexa de Rio Vernelho que quedara moi pequena. Entón el decide facer unha nova e meu pai e eu axudamos a financiar esa nova igrexa de Santa Ana que aínda manteño eu en todo o que precisa.
Fala agora de seu pai, que foi unha persoa tamén moi relevante na sociedade baiana. A que se dedicou?
El empezou sendo o maior distribuidor de material sanitario e hospitalario da zona e despois creou industria. Creou a fábrica de auga mineral Dias D'Ávila, tivo unha empresa que vendía maquinaria importada a Petrobrás e tivo unha cerámica que chegou a ser das máis grandes do país. Cando meu pai tiña esa fábrica de cerámica eu estudaba Economía e houbo un problema coa xerencia. Meu pai preguntoume se quería facerme cargo e eu díxenlle que si pero se ía como socio. Eu xa traballaba desde os 14 anos e con 15 merquei o primeiro camión dos sete que tiven despois. E transformei esa cerámica que, en dous anos, pasou de facer 130.000 pezas ao mes a facer case millón e medio.
E aí comezou a súa carreira empresarial que superou a de seu pai…
Eu gañei o meu primeiro millón de dólares con 22 anos. E aí empezou todo.
Tivo empresas de sectores ben distintos: financeiro, distribución, seguros, industria, medios de comunicación…
26 empresas cheguei a ter. Era unha época na que non tiña moito xuízo.
Supoño que o avó, José Taboada Vidal, estaría moi orgulloso. Que recordos lle quedan del?
Tiven a sorte de convivir con el bastantes anos. Era un home moi tranquilo, moi educado. Era moi fácil facer amizade con el e podo dicir que fomos moi amigos. Eu, aínda que non fun o primeiro neto, o máis vello, fun o primeiro en recibir formación e iso fíxoo sentir moi orgulloso, porque el non tivera ocasión de estudar.
Vostede tamén está orgulloso do avó, de feito creou unha fundación que leva o nome da súa filla, Carolina Taboada, que ten entre os seus obxectivos recuperar e dar a coñecer esa historia familiar que podemos ler xa en varias obras publicadas pola entidade.
Eu tiña moita necesidade de facer isto por el e polo meu pai, que era unha persoa especial. Foi un autodidacta que chegou a presidir da Federación de Industria de Baía e a Confederación Nacional de Industria. Amigos de presidentes, que o consultaban sobre moitos asuntos, do príncipe Carlos de Inglaterra, hoxe rei… Meu pai foi o maior e o mellor amigo que tiven. A través del e do meu avó, seguindo o seu exemplo, eu creei a miña vida. Con humildade, como me ensinaron, e xunta aos meus amigos.
(Extracto da entrevista publicada no número 384 – maio 2023)
Comentarios (0)