Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Urovesa, o gran motor galego da defensa militar



REBECA SANTOME · PUBLICADO O 10 DE AGOSTO DE 2023 · (0)




No ano 1981, nacía Urovesa (URO Vehículos Especiais S.A.) unha compañía automobilística e contratista de defensa española especializada na construción de vehículos especiais de uso militar, de gran tonelaxe e capacidade, concretamente todoterreos e camións. Aínda que a planta de produción estivo nos seus inicios no Polígono do Tambre, no 2014 trasladouse a Valga, e a sede da compañía está en Santiago de Compostela.

A empresa foi fundada polo empresario e presidente José Sierra Fernández (Viveiro, 1941-2023), falecido este mes e ao que rendemos homenaxe lembrando o seu legado empresarial. Sierra foi un dos empresarios galegos máis destacados nas últimas catro décadas, ao fronte de Urovesa conseguiu potenciar a industria da automoción galega coa fabricación de vehículos de uso militar e civil, que xa se converteron nunha referencia en todo o mundo.

O pasado mes de xullo, José Sierra acababa de ser distinguido co recoñecemento de “Empresario Galego do Ano” polo Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (Cesuga) na Illa da Toxa. O viveirense estudou Enxeñaría Industrial en Vigo e forxou os seus primeiros anos en empresas da automoción, ata que aos 40 anos consolidou Urovesa, con tan só dez traballadores, que en 1984 se convertería nun dos principais contratistas de defensa das Forzas Armadas Españolas.

 A firma conta con máis de 300 traballadores e pechou o ano pasado disparando nun 70% a súa facturación, ata superar os 102,8 millóns. Logo de participar con éxito recentemente nas feiras Feindef e Mindtech, actualmente atópanse pendentes da licitación prevista polo Goberno para comprar novos todoterreos militares por máis de 315 millóns de euros.

Empresario Galego do Ano

No marco da xornada “O Encontro 2023” organizada polo Cesuga, José Sierra foi distinguido co recoñecemento a “Empresario Galego do Ano”. Os alí presentes, valoraron a súa profesionalidade e vocación ao fronte de Urovesa, un dos piares da industria da automoción galega, que logrou introducirse no mercado internacional sendo nos nosos días un referente.

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Xesús Lorenzana, salientou que Urovesa é unha empresa que ten como constantes a necesaria evolución e a excelencia no traballo, por iso aposta por investir en I+D+i e en tecnoloxías punteiras que parten da intelixencia artificial para mellorar os produtos e os procesos de fabricación.

Lorenzana tamén salientou o seu legado á fronte dunha empresa que consolidou como un referente no seu sector tras máis de 40 anos. “José Sierra foi un empresario sinxelo e humilde, pero de gran recoñecemento e unha traxectoria impecable”, sinalaba no acto o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

(Extracto da reportaxe publicada no nº 387 de agosto)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)