Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

"A demografía está intimamente ligada á riqueza dun país”



REBECA SANTOMÉ · PUBLICADO O 19 DE OUTUBRO DE 2023 · (0)




María Xosé Rodríguez Galdo (Ferrol, 1949) é catedrática de Historia e Economía e foi vicerreitora da USC, ademais de vicepresidenta do Consello da Cultura Galega. Dende o ano 2016, tamén é vicepresidenta do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica onde analiza a evolución das dinámicas demográficas dende unha entidade que pretende ser lugar de debate e discusión aberta sobre os retos da sociedade galega. "Sen axudas, facemos este labor para a sociedade", asegura.

Nos xornais lense noticias sobre a baixa natalidade en Galicia, xa se fala do baby crash en lugar do baby boom. Debemos preocuparnos por esta situación?

A demografía serve para explicar e describir variables que están interrelacionadas. Respecto á situación, non hai que ser pesimista nin optimista, senón rigorosos. Os indicadores demográficos que tanto preocupan, son os propios dunha sociedade que realizou con éxito a súa transición demográfica. Segundo Dolores Puga, a situación non é mala nin de crise, senón que existe máis poboación en idade activa con menos dependentes en consumo dos que se vai ter nunca. Os indicadores adáptanse desta forma a nova situación. En demografía non se poden ver as variables como a natalidade e a mortalidade de maneira illada, todo está interrelacionado. […]

Xunto con Asturias e Castela e León, somos a comunidade que menos fillos ten cunha taxa do 5,5. Por que?

Galicia ten o nivel máis baixo de fecundidade (1,01) e con diferenzas dentro da propia comunidade, na Coruña os valores máis altos e en Ourense os máis baixos. As taxas de paro xuvenil tan elevadas de España, en concreto de Galicia, inflúen moito á hora de ter descendencia. As mulleres cada vez están máis incorporadas ao mercado laboral, e o tema da corresponsabilidade non está aínda encarrilado. Se a conciliación na parella non se dá, non hai volta atrás que arranxe esta situación. As altas taxas de paro xuvenil e a tardía emancipación, sumado á falta de conciliación laboral, inflúen en que a xente deixe de ter descendencia. A formación de parella tardía tamén incide no número de fillos que se ten, ademais este retrasa a posibilidade de fertilidade natural, por iso se vaia clínicas de reprodución asistida. España foi un país atrasado respecto a moitos veciños europeos.

A economía é cíclica, tamén o é a natalidade?

A demografía non é cíclica. Se hai un período de incerteza económica tende a retraerse a fecundidade; nun período de expansión tenden a selo máis, segundo apuntas os datos escasos que existen ata o de agora. Pero non é unha relación mecánica, os limiares e indicadores modifícanse constantemente.

O poder adquisitivo e a riqueza dun país está intimamente ligado aos aspectos demográficos?

Rotundamente si. O gran demógrafo, Juan Antonio Fernández Cordón, publicou un artigo titulado "No es la demografía señores, es la economía", polo que concordo en que economía e demografía están intimamente relacionadas. Agora nace menos xente e vívese durante máis tempo, cun saldo vexetativo incluso negativo. O que realmente estuda a demografía é o tempo de vida que viven as persoas entre que nacen e morren, as posibilidades de vivir unha vida máis sa, inflacións, todo depende. Todo está a influír moitísimo, a economía que é a vida das persoas. O importante é que a poboación estea ocupada e en que tipos de traballo se atopan. Dende o ano 75, e en relación cos ocupados, o aumento da taxa de dependentes dos maiores é menos acusado que a dos menores. As migracións tamén xogan un papel moi importante a nivel demográfico, é a variable máis volátil, e está totalmente relacionado coa economía.

Moitas aldeas galegas en risco de despoboamento puxeron en marcha iniciativas para que a xente se anime a habitar o rural. Moitos marcharon cara as zonas de costa.

Depende moito da estrutura de idades, se hai poucas mulleres en idade fértil, non é o mesmo que se hai máis. As cidades e as grandes urbes están máis habitadas, tamén porque tamén hai máis oportunidades de traballo. Dende os anos 60, o rural galego sofre un despoboamento debido ás migracións nacionais e ao exterior, tamén as migracións locais, pero non por un descenso da fecundidade.

As parellas deciden ter fillos máis tarde, está claro que existe unha cuestión económica detrás. Que opina vostede dos que falan de egoísmo?

Non é un tema de egoísmo, as mulleres e os homes teñen dereito a ter unha vida profesional plena e a capacidade de realizarse. Necesítase ter unha vida profesional estable antes de ter descendencia, cun ambiente favorable para nacer. Iso non é egoísmo. As fillas e fillos custan máis porque agora teñen mellor atención médica, cada vez cóidase máis deles e invístese na súa educación. É unha infancia que non ten nada que ver coa de fai anos. As enquisas amosan que a xente quere ter descendencia, pero a crianza ten que ser unha tarefa de homes e de mulleres, dentro dos fogares e na política. Hai que adecuar as políticas, porque a etapa máis produtiva das mulleres coincide coa súa etapa de fertilidade máis importante.

Como experta en demografía e economía aplicada, que papel corresponde ás políticas públicas?

Principalmente, darlle traballo á xente nova porque agora mesmo non existen políticas de natalidade que sexan reais. Teñen éxito políticas a longo prazo, como as de Francia ou os países nórdicos, que levan décadas con iso. Son políticas cun respaldo moi forte de políticas de igualdade. Fundamentalmente, están baseadas na igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e o apoio á realización da xente nas idades reprodutivas. Políticas tamén enfocadas aos primeiros anos de inserción laboral. 

Se Galicia continúa con baixos índices de fecundidade, pode colapsar o sistema?

En Galicia conseguíronse grandes éxitos na lonxevidade, temos a esperanza de vida máis alta de España. Mais os baixos índices de fecundidade, igual que sucede en xeral no sur de Eruopa, dan lugar a discusións sobre a sostibilidade do estado de benestar. Con melloras nas taxas de ocupación e de paro xuvenil e a produtividade no traballo pódese mellorar. De aquí a uns anos é moi difícil dicir nada, tivemos unha pandemia que o alterou todo. A evolución da poboación non vai seguir sendo a mesma, porque se relaciona con outras variables. Coido que é importante, investir en educación e formación, en todo o que é calidade de vida, porque animará a exercer o seu gusto pola maternidade e paternidade. Hoxe o problema non é o número de xente, senón que consigan un traballo e ocupación. Que a xente nova teña traballo e se valoren as novas funcións do mundo rural. É un erro illar o comportamento da poboación das demais variables económicas. […]

(Extracto da entrevista publicada no número 389 - outubro 2023)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)