Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A industria tamén é patrimonio



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 09 DE XANEIRO DE 2024 · (0)




Recuperar fábricas do século XIX é visto con bos ollos por moitos, non pasa o mesmo cando se pide preservar torres de hai 50 anos. Pero en ambos casos estamos ante a pegada visible da historia económica e social dunha comarca, lembranza de milleiros que alí traballaron. Non é que todo teña que ser preservado pero hai abandonos e demolicións sen sentido, construcións que reúnen riqueza plástica, oficio arquitectónico e a mellor enxeñaría que ben poden estar de novo cheas de vida.

“Os edificios industriais son a memoria e o recordo dunha sociedade anterior pola que pasaron varias xeracións.  Demoler un edificio industrial tradicional é silenciar o pasado, ignoralo.” A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural de Galicia (Apatrigal) -parte da asociación estatal Hispania Nostra - , naceu en 2016 para defender o patrimonio en tódolos ámbitos colaborando coas administracións na creación dunha conciencia colectiva. E non todo o mundo valora o que significa o legado industrial non sendo que pasen 300 anos polo medio. “Este patrimonio é un todo composto pola paisaxe, as relacións industriais, as arquitecturas, as técnicas utilizadas, os arquivos e as súas prácticas”, explican no Ministerio de Cultura. “O seu estudo permite unha mellor comprensión das estruturas e os procesos que xeraron o desenvolvemento das sociedades técnico-industriais, as súas fontes de enerxía, os seus lugares e espazos de traballo”.

Non fomos o Ruhr pero temos patrimonio

En Galicia estamos ben regados de esqueletos do sector conserveiro, naval e pesqueiro, coiros e téxtil, minería, centrais eléctricas e enerxéticas.  A listaxe entre o que quedou en ruínas, o recén volatilizado e o, afortunadamente recuperado, non é pequena.

Pero hai quen non só fica namorado senón que fai o xordo traballo de ir clasificándoo a listando. Como o fotógrafo pontevedrés Jose Chas, que fixo o mellor traballo visual sobre a ruína industrial galega que se pode gozar no blog memoriaindustrialengalicia.wordpress.com.  “Levo desenvolvendo este proxecto desde 2003”, explica. Ferramentas, maquinaria, edificios, canteiras, minas, camiños, vehículos, pontes, canles, embarcacións… Con sede en Ames, Buxa, a Asociación Galega do Patrimonio Industrial, naceu en  2008 para promocionar isto e máis. “Teñen un valor social universalmente recoñecido como parte do rexistro de vidas de homes e mulleres correntes, e, como tal, proporcionan sentimento de identidade. E non é menos importante o papel que desempeñan estes referentes na revitalización dos vínculos de moitas persoas ao territorio”. En Buxa, fan inventarios coidados, organizan cursos e xornadas e crearon un Premio de Investigación.

Cun espírito similar e traballando case en solitario a arquitecta Alberta Lorenzo Aspres e o enxeñeiro informático Óscar Paz inventarían as arquitecturas rehabilitadas no Proxecto ARGA  “que nace da necesidade de coñecer e explicar o proceso de transformación que converte unha arquitectura abandonada e obsoleta nunha arquitectura que recibe unha segunda oportunidade para formar parte da sociedade do momento”.

Que esperar da nova Lei de ordenación do litoral galego

Aprobada recentemente polo goberno autonómico unha das súas intencións  -polo menos sobre o papel- é  “a posta en valor dun patrimonio de 361 bens de interese”. Traducido: haberá maior seguridade xurídica para  propiciar a rehabilitación de ruinosas edificacións industriais con proxectos concretos  para recuperar fábricas de salgadura en Ribeira, Muros e A Pobra. Apatrigal prestou apoio técnico á consellería para facela  e o seu presidente, o arquitecto estradense Carlos Henrique Fernández Coto,  di que, é importante non só que non se poidan construír novas estruturas, senón recuperar as que están en mal estado. Poida que agora tiren cara adiante proxectos que levan anos estancados como o da recuperación do chamado Barrio dos Cataláns, da Pobra, antigas plantas de salgadura incluídas no catálogo municipal e ás que se lles quere dar uso cultural. A antiga fábrica de salgadura da familia Legarda en Muros é outra das que podería ter un novo uso e tamén o concello de Ribeira ten plans para rehabilitar tres vellas fábricas de salgadura de Touro, Castiñeiras e Aguiño instalando puntos de información dixital, ademais de facer un ruta sobre patrimonio industrial litoral entre Aguiño e Castiñeiras.

O Museo Salgareiras de Moreiras no Grove ou o Centro de Interpretación da Conserva da Illa de Arousa, na antiga fábrica de Goday, son bos exemplos de recuperación, que tamén temos moitos. Na outra cara da ría o coñecido  Museo Massó de Bueu ou o ben coñecido Museo do Mar de Galicia sobre a antiga conserveira de Alcabre proxectado por César Portela e Aldo Rossi. Xa no interior fica a preciosa antiga Azucreira de Portas que agora é un centro social, malia que a imaxe despiste as plantas inferiores están rehabilitadas.

O selo industrial das Pontes

Pero manter as térmicas e tentar convertelas en atractivo patrimonial non ten tanto predicamento. Moitas administracións veno como pouco menos que un disparate, din que o custo de mantemento é inasumible. Caeron recentemente Compostilla II e La Robla en León e Velilla en Palencia. O pasado 1 de marzo, Naturgy dinamitaba a impoñente cheminea da térmica de Meirama, en Cerceda, pouco despois de botar abaixo a torre de refrixeración, reducida a entullos o 21 de decembro. Apatrigal denunciou unha demolición feita “baixo a bandeira ideolóxica do falso ecoloxismo”. Moitas persoas ven estraño que as cheminea de formigón poidan ser defendidas como patrimonio cultural pero  a asociación anota que  para comprendelo hai que deixar a un lado a conveniencia de levantalas no seu momento coa modificación que supuxo na paisaxe. “Temos que situarnos no século XXI e valorar outros aspectos”. De aí que Hispania Nostra -á que pertence Apatrigal xunto con outras organizacións do resto de España- e INCUNA, unha asociación asturiana para o estudo da arqueoloxía industrial, denuncien a “indiscriminada destrución” destas centrais termoeléctricas. 

Tras Meirama Apatrigal quere evitar o derrube das torres de As Pontes e aquí a Xunta móllase para declaralas ben de Interese Cultural, agora en tramitación administrativa. “Descoñecemos os detalles”,  di o alcalde e actual presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso,  “gustaríanos implicación política para que un trámite que pode levar un ano nestes casos poida reducirse a seis meses (...) Sabemos que non é sempre fácil, pero os prazos son fundamentais”.

(Extracto da reportaxe publicada no número 391 – decembro 2023)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)