A raíña do outono
Asadas, cocidas ou crúas son as formas nas que podemos saborear un froito de outono de gran actividade económica en Galicia, a castaña, que este mes celebra o seu particular magosto, a festa por excelencia do outono galego. E como di o refrán “polo San Martiño, faise o magosto con castañas asadas e con viño”.
Quen non suxeitou un cornete de castañas asadas e ardentes, coa ilusión dun neno? O Magosto é unha tradición ben afincada na nosa comunidade que reúne a familia e amigos fronte ás lareiras para celebrar o outono e comer castañas. Aínda que a orixe desta popular festa é incerta, sábese que antigamente a castaña era fundamental para a supervivencia nunha época na que as patacas aínda non chegaran de América e o gran para elaborar pan escaseaba.
Algúns atribúen orixes celtas á celebración do magosto clave nos ritos de fertilidade, mentres outros sinalan unha orixe romana nesta celebración, pois foron os que xeneralizaron o cultivo do castiñeiro, aínda que é unha árbore autóctona galega que estivo presente nos nosos montes dende sempre. Outras interpretacións relaciónano con Todos os Santos, de tal modo que as castañas simbolizarían as ánimas do Purgatorio, e con cada froito asado e consumido, unha alma liberaríase e uniríase a esta festa co resto de vivos.
O magosto celébrase tradicionalmente despois do Samaín, na época de castañas, especialmente do 1 ao 11 de novembro, pola festa do San Martiño. A maneira máis común de celebrar o magosto nestas datas é darse “unha homenaxe” con castañas asadas, chourizos, churrasco e un bo viño da última colleita. Sexa como sexa, trátase dunha festividade con profundo arraigamento en Galicia, especialmente nas provincias de Lugo e Ourense, onde abundan os soutos ateigados de castiñeiros, moitas veces en montes comunais, que son propiedade de todos os veciños das aldeas.
A importancia da castaña é tal, que en toda a península se realizan festas e rituais cando era a época de recollida de castañas co obxectivo de agradecer a colleita e relacionarse coa idea dun novo inicio e o comezo dun novo ciclo. Este froito foi tan esencial no pobo galego, que se converteu no sustento básico da poboación rural e mesmo se utilizou como moeda de cambio.
Entre rituais, bailes e comidas pásase un bo intre entre amigos e familiares, pintando a cara con cinza e agárdase a que os espíritos dos nosos seres queridos se sumen á festa. Algúns acaban estes encontros cunha queimada que comparte co magosto a importancia das chamas e evita que se una á festa espíritos non convidados.
Actividade económica
A explotación da castaña é unha actividade económica asentada na nosa comunidade, pois en Galicia recóllense a metade das castañas que se producen en España.Aínda amparadas pola súa propia Indicación Xeográfica Protexida, nos últimos anos o abandono dos soutos e os novos competidores están a ocasionar problemas no mercado, con empresas de transformación que deciden importar de fóra.
A rendibilidade é determinante, pois a lonxevidade natural dos soutos galegos vese menosprezada en comparación cos soutos novos de Portugal. A historia da castaña tamén pasa por nomear graves problemas aos que se enfronta: a tinta e o chancro, dúas enfermidades fortemente ligadas ao castiñeiro que dificultaron en grande medida os intentos de mellora non seu cultivo orientado á produción de castaña. Todas estas dificultades provocan un efecto paralizante, non se inviste na plantación de novos soutos e provocan o abandono dos existentes.
A avespa do castiñeiro ocasiona unha praga dende o ano 2014, o que supón supuxo unha problemática, trátase dun un parasito orixinario de China que xa ten invadido ou 91% do territorio ourensán. Case todas as variedades de castaña se viron afectadas en maior ou menor grao. Vos individuos desta praga multiplicáronse non último ano e por iso a Consellería de Medio Ambiente destinou 4,2 millóns de euros á loita pola sanidade forestal.
Híbrido de Asia-Europa
No Centro de Investigación Forestal de Lourizán, en Pontevedra, o equipo de mellora xenética formado por Javier Fernández, Beatriz Míguez e Josefa Fernández indagan sobre as posibles solucións para paliar enfermidades dos castiñeiros.
Nos últimos anos estanse a levar a cabo ensaios de hibridación do castiñeiro asiático co europeo con fin de mellorar a adaptabilidade dos novos castaños e lograr potenciar a súa resistencia e calidade. O asiático caracterízase pola maior resistencia ás enfermidades que afectan ao castiñeiro autóctono, de aí a súa elección, que ten en conta a climatoloxía galega sen que supoña unha merma na calidade da castaña.
O obxectivo é conseguir árbores con maior porcentaxe de castaño europeo que se adapten ao clima e con resistencia ás enfermidades do interior de Galicia a longo prazo, a través de ensaios para a mellora xenética. Os que mellor funcionan ata agora, que proporcionan un produto directo e castaña aceptable, son os 90044 e o 125.
O mercado
A venda de castaña en fresco para a industria por parte de produtores particulares foi sempre unha fonte complementaria de ingresos en Galicia. No Mercado de Abastos de Santiago os produtores advirten sobre os competidores foráneos, “como a climatoloxía tampouco axudou neste último ano, todo o que vén é de fóra".
Os pequenos produtores non poden depender unicamente dos beneficios da venta de castaña, pois os altos impostos tampouco facilitan o seu traballo. Tamén sinalan a necesidade dun maior control do produto, “hai produtores que venden a castaña de fóra como se fose galega, poñen o cartel como que é de aquí e resulta que é francesa; para os consumidores isto é terrible e non existe ningún tipo de control sobre a etiqueta", sinala Rosa, propietaria do posto “Frutas e Legumes Rosa”.
En canto ao prezos, as castañas roldan os 8 euros, disparándose o seu prezo nos últimos anos. "Esta castaña está a 7,50 €, este ano estase vendendo menos porque non hai cartos e o seu prezo aumentou.", apunta a produtora, que se queixa dos impostos abusivos. “Tes que producir moito para poder pagar os impostos, se non tes grandes soutos e só comercializas castañas non vas obter beneficio”, apunta.
Os novos negocios
Beatriz Forján é a propietaria de “Todo Fresco” en Santiago de Compostela. Ademais de ter froitas e legumes, vende produtos de tempada como a castaña, que nos últimos anos tivo un auxe na súa demanda. Beatriz comercializa tamén algúns transformados que a longo prazo se conservan mellor que a castaña en fresco. “ A castaña ten uns meses limitados, entre setembro e finais de novembro, nós apostamos por alargar ese ciclo da castaña”, sinala.
No seu comercio pódense atopar produtos do máis variados: “Temos que reinventarnos con esta materia prima, aquí elaboramos conservas de castaña pilonga para o resto do ano, primeiro deshidratámola, trabállase con ela e vólvese a hidratar, tamén temos fariña de castaña coa que elaboramos madalenas, galletas ou bica galega, crepes, e cremas para untar en pan ou tostas”, apunta Beatriz, que insiste en que a xente aposta polo consumo de proximidade.
A empresa Caurelor leva 14 anos dedicándose á transformación e venda de castañas. Seguen métodos completamente tradicionais: coidan, limpan, podan e desinfectan ar árbores de xeito natural e ecolóxico. Comezaron vendendo castañas en fresco, mais ao non contar con suficientes soutos para sacar beneficio, pasaron a transformar o produto.
O responsable da empresa, Daniel Arza, define a súa propia experiencia no mercado da castaña en Galicia como complexa. O produtor advirte do avellentamentos dos soutos galegos que obriga a buscar castañas de maior calidade e a renovar ese montes. “Hai anos que facemos 3.000 quilos e outros 5.000, depende moito da climatoloxía e da demanda que teñamos, cada ano ímonos adaptando á produción, sinala.
É posible vivir da castaña hoxe en día? Daniel Arza opina que é moi complicado, “fai uns anos era máis doado, agora existe moita máis competencia; vivir exclusivamente da castaña hoxe en día é moi difícil”, conclúe.
(Extracto da reportaxe publicada no número 390 – novembro 2023)
Comentarios (0)