Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Carmen Lence: “O abandono rural é un problema de todos”



REBECA SANTOME · PUBLICADO O 19 DE FEBREIRO DE 2024 · (0)




Logo do falecemento do seu pai, Carmen Lence (Lugo, 1970) abandonou Estados Unidos para coller as rendas da empresa fundada por Jesús Lence, propietaria de Leyma e Leche Río. Diplomada en Administración e Dirección de Empresas pola Universidade de Santiago de Compostela, a empresaria acaba de ser distinguida co Premio Galega do Ano 2023 pola súa capacidade de liderado e por contribuír decisivamente á valorización do rural galego á cabeza dun dos maiores grupos lácteos galegos.

Acaba de ser galardoada nos premios Galegos do Ano 2023, e non é o primeiro que recibe. Que sente con este recoñecemento? 

Para min é unha honra ter recibido este premio, que non supón un recoñecemento persoal, senón un reflexo da gran labor que desempeñan todas as persoas que forman parte do Grupo Lence e traballan a diario para crear valor en Galicia. É un orgullo que o xurado recoñecera a miña traxectoria e contribución á valorización do rural galego. Este galardón é aínda máis especial porque celebra a nosa contribución a realzar o papel crucial das mulleres no rural galego. Elas son o corazón da nosa terra e o seu traballo é esencial para asegurar o seu futuro.

Para vostede, que significa Lence? 

É o froito do traballo de toda unha vida e do sacrificio de todas as persoas que decidimos apostar pola empresa familiar, comezando polo meu pai, quen conseguiu convertela nun referente galego e a nivel nacional. Formar parte dela é un privilexio, pero tamén unha responsabilidade. O líder dunha empresa debe entender o que implica a súa posición e defendela ante as dificultades que xurdan no camiño, ademais de velar polo benestar dos seus traballadores.

Como foi a súa infancia? Sempre quixo dedicarse a isto? 

Medrei nun entorno de emprendedores, aínda que daquela no se empregara tanto esta palabra como agora. Vin como os meus pais, con constancia e traballo, conseguiron levantar a compañía e o exemplo inflúe á hora de crear a túa propia personalidade. Cando comecei a miña formación, tiña claro que quería coñecer diferentes países para poder aprender de todos eles, polo que enfoquei a miña carreira ao ámbito internacional. Non tiña pensado seguir co legado dos meus pais e construín a miña propia carreira profesional en ata sete países. Cando faleceu o meu pai, decidín responsabilizarme da empresa e que esta seguira xerando valor ao rural e a Galicia.

Vostede lidera a empresa con maior facturación de Lugo e é todo un referente na industria láctea. Como se consegue manter? 

Os resultados do Grupo Lence son mérito de todas as persoas que forman parte da compañía. O último ano non foi sinxelo pola crise económica que trouxo consigo a guerra e desembocou nun aumento da inflación. Somos conscientes das dificultades económicas que atravesaron as familias e da inestabilidade social que implica a ausencia de previsión ante os cambios que se producen nun entorno volátil como o actual. Neste contexto, os piares básicos nos que se sustenta o noso crecemento son a optimización da nosa carteira de clientes, tanto a nivel nacional como galego, e a renovación doutros que nos acompañan desde fai décadas. Ademais, a previsión a longo prazo, grazas á visión dinámica do noso equipo e a súa implicación no desenvolvemento da empresa, conseguiron mellorar os nosos resultados no pasado exercicio. A paixón coa que traballan todas as persoas na nosa empresa tradúcese nun crecemento que nos enche de satisfacción.

Que valores considera que debe ter un empresario para acadar os seus logros? Cales lle axudaron a triunfar a vostede?

 

A responsabilidade, a humildade e o traballo. A responsabilidade para liderar a empresa cun pensamento global, sen poñer os intereses individuais por enriba dos intereses do conxunto de persoas que, en maior ou menor medida, dependen do noso traballo. A humildade para saber escoitar ás persoas que buscan o mellor para ti e para a empresa, porque a xente excelente fai o camiño máis sinxelo. Finalmente, o traballo duro, porque o espírito de sacrificio de todos os membros da miña familia fixo posible que a empresa medrara ata chegar a posición de referencia que ocupamos hoxe en día dentro do noso sector. En resumo, os valores de Río de Galicia, que se engloban baixo a “Actitude Río”: coraxe para ser un mesmo, persistencia para alcanzar as metas, iniciativa para facer que as cousas pasen, colaboración porque xuntos chegamos máis lonxe e excelencia, porque a vida é demasiado curta para vivila de forma mediocre.

Vostede é unha galega retornada, é consciente de que moito talento mozo marcha ao exterior e abandonan os traballos do sector primario. Como se pode impulsar o sector para que a mocidade se anime a volver ao rural? 

O despoboamento é un dos maiores problemas aos que o rural galego debe facer fronte na actualidade. Por este motivo, o impulso do emprego e a formación nestas zonas é fundamental para lograr que o talento dos seus habitantes non marche fóra. A xente nova non quere deixar os seus fogares, mais necesitan atopar motivos para quedarse. Un dos meus principais compromisos é encher o rural de oportunidades, aproveitando o potencial da súa terra e das súas xentes. Ao operar nun sector clave para Galicia, son consciente da nosa responsabilidade para contribuír a economía local e manter a vitalidade nas zonas rurais. […] 

Como de esixente é o mercado do sector lácteo? 

Neste sector a competencia é intensa, con numerosas empresas buscando destacar en termos de calidade, prezo e eficiencia nas cadeas de dstribución. Para destacar nun sector tan fragmentado é esencial obter a confianza do consumidor. Este é o noso principal obxectivo, sumar esforzos para lograr que o consumidor final escolla os nosos produtos porque valore a súa calidade por enriba do resto de marcas que teña ao seu alcance. Grazas a eles, hoxe somos a sexta empresa en comercialización de leite a nivel nacional. […]

Galicia é un bo lugar para emprender ou é difícil medrar aquí respecto outros territorios? 

Temos moitos exemplos de empresas líderes a nivel nacional que foron fundadas na nosa comunidade, o que confirma que en Galicia hai moito potencial e un gran afán emprendedor. Os galegos somos traballadores por natureza, só hai que botar a mirada atrás para observar a cantidade de galegos e galegas que emigraron para medrar no ámbito laboral e crear riqueza noutros países. Vivimos nunha terra chea de oportunidades. Por ese motivo, debemos confiar nas nosas posibilidades sen deixarnos influenciar polos prexuízos que en ocasións se asocian a nosa comunidade. […]

Que déficits ten a industria agroalimentaria galega baixo o seu punto de vista? Como se solucionarían?

Os principais desafíos aos que o sector agroalimentario debe facer fronte hoxe en día son os que poñen en perigo a supervivencia do rural: ausencia de servizos básicos, mala conectividade, necesidade de adaptación ás esixencias medioambientais, falta de man de obra, cambio climático, a masculinización e o envellecemento da poboación rural, entre outros. Neste contexto, a inestabilidade do rural pode supoñer un impedimento para o crecemento do sector. […]

Botando a vista atrás, que foi o máis difícil da súa carreira?

Cada momento e cada experiencia ten as súas dificultades, pero nas dificultades tamén se atopan os retos, algo que para min é moi estimulante. A nivel de responsabilidade, sen dúbida facerme cargo da empresa que levantaron os meus pais e dirixía o meu pai ata que faleceu foi todo un desafío.

Cales son os desafíos do grupo?

A nosa principal liña de traballo é a innovación, e isto sempre supón un reto. Durante o último ano apostamos pola creación de produtos que lle ofreceran un valor engadido ao consumidor sen comprometer a súa calidade. Ademais de leite, xa ofrecemos outros produtos lácteos que comezan a facerse un oco dentro do sector, como a gama de produtos Opti e os batidos Optipro que obtiveron a certificación internacional Superior Taste Award do ITQi, un premio que para min é un orgullo, posto que é o máis prestixioso que se lle pode outorgar a un alimento a nivel internacional. Doutra banda, centramos os nosos esforzos en mellorar a nosa leite para ofrecer un produto de excelencia aos nosos clientes.

En que proxectos futuros están a traballar?

De aquí en adiante, como fixemos ata o de agora, os nosos proxectos irán enfocados á innovación e a mellora continua da calidade dos nosos produtos. Nunca paramos de pensar en novas ideas para ofrecerlle aos nosos clientes e isto é posible grazas á ilusión e a implicación de todos os equipos coa empresa. Temos en marcha varios proxectos e produtos concretos que esperamos lanzar ao longo deste ano, tamén buscamos colaborar sempre con iniciativas que axuden a poñer en valor o rural galego e ás persoas que traballan nel, especialmente ás mulleres gandeiras, que co seu coraxe conseguiron sacar as explotacións adiante cando a migración galega ameazou o futuro do campo. Sempre estaremos orgullosos de formar parte de todos aqueles proxectos que loiten contra a despoboamento, xeren emprego e incorporen talento novo ao rural.

Cal é o seu soño?

En primeiro lugar, se algo nos ensinou a pandemia foi que sen unha boa saúde non vamos a ningunha parte. Polo tanto, o primeiro que pido sempre é saúde para todos. No aspecto profesional, gustaríame seguir levando a Grupo Lence ao seguinte nivel, honrando o traballo que realizou a miña familia e facendo unha compañía máis grande e que xere máis valor en Galicia e no seu rural. Tamén me gustaría que existira unha aposta decidida polo rural de todos os axentes implicados e co poder de decisión, xa que nolo xogamos todo aí. É a despensa de alimentos frescos e resulta básico na loita contra o cambio climático.

(Extracto da entrevista publicada no número 393 – febreiro 2024)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)