Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Lois Orosa: "Aspiramos a construír un xemelgo dixital do mar en Galicia”



REBECA SANTOME · PUBLICADO O 11 DE SETEMBRO DE 2024 · (0)




No último informe de produción do Cesga, rexistráronse máis de 1400 contas de usuarios e 345 artigos, o maior volume dos últimos anos. Estamos ante un incremento de perfís investigadores?

Si, no ano 2023 houbo 1402 contas activas de acceso aos equipos de cómputo. Destas, aproximadamente 300 corresponden a contas para formación de programas de doutoramento, máster e graos. O groso das contas restantes proveñen de grupos de investigación nas universidades públicas galegas e nos centros e laboratorios do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Aínda que en menor número, tamén houbo usuarios activos da Rede Española de Supercomputación, de centros tecnolóxicos, de administracións e de empresas. A variedade de usuarios medra, non só no tocante ás institucións de procedencia, senón tamén no que atinxe ás áreas científicas que explotan o equipamento.

En que disciplinas son máis solicitadas?

 Tradicionalmente vemos un importante número de usuarios que traballan en simulación numérica en dinámica molecular, caracterización de dianas para fármacos, deseño de fármacos, dinámica de fluídos, ciencia de materiais, oceanografía, meteoroloxía, paleoclima ou diversas enxeñarías. Na última década asistimos a un crecemento importante na comunidade usuaria que traballa en ciencias da vida, especialmente en xenómica e proteómica. Tamén, cada ano vemos como se incrementa o uso entorno á explotación de técnicas big data e ao deseño e adestramento de algoritmia relacionada coa intelixencia artificial. 

Non nos decatamos do volume de datos que manexamos a diario. Necesitamos mover, procesar e almacenalos nalgún lugar. Cal é a importancia de infraestruturas como o CESGA?  

Estas infraestruturas son hoxe fundamentais para o avance do coñecemento e para afrontar os desafíos científicos e tecnolóxicos do século XXI. Permiten realizar investigacións de vangarda, xestionar enormes volumes de datos, e desenvolver novas tecnoloxías, impulsando o coñecemento científico e a innovación a niveis sen precedentes.

Como nos beneficiamos?

A capacidade de procesamento dos supercomputadores permite realizar cálculos extremadamente complexos e a gran escala que serían imposibles coas computadoras convencionais. Isto é crucial en áreas como a simulacións de fenómenos naturais: o clima, as dinámicas de fluídos, a física de partículas, e a cosmoloxía. O almacenamento de datos masivos é esencial para salvagardar e xestionar grandes conxuntos de datos de experimentos científicos, observacións astronómicas ou estudos xenómicos, por exemplo. Ademais facilita o acceso e comparte datos entre diferentes grupos de investigación.

Tamén traballan en intelixencia artificial.

Si, as supercomputadoras son vitais para adestrar modelos avanzados de intelixencia artificial e aprendizaxe automática, que requiren procesar grandes volumes de datos de adestramento de maneira eficiente e rápida. Este tipo de infraestruturas permiten desenvolver materiais avanzados, medicamentos innovadores ou enerxías renovables. Son vitais para a optimización de recursos e para unha toma de decisións informadas en políticas públicas, xestión de recursos naturais e resposta a emerxencias. 

E manter este tipo de infraestruturas ten o seu custo económico. De que cifras estamos a falar?

Os principais custos operativos aos que facemos fronte están relacionados cos custos de persoal e cos consumos enerxéticos dos equipos. O pasado ano 2023, os custos enerxéticos foron lixeiramente superiores aos 840.000 de euros, que é un custe máis que razoable tendo en conta grande cantidade e calidade da produción científica que usa estes recursos, e os servizos á sociedade. A Fundación CESGA ten representadas no seu padroado a dúas administracións, a Xunta de Galicia e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) que realizan anualmente achegas orzamentarias á Fundación. Estas achegas, habitualmente, dan conta de entorno a un 60 ou 65 % dos orzamentos adicados a custos operativos. O restante provén da propia actividade do CESGA. A Fundación obtén financiamento adicional da provisión de servizos a terceiros e a través da consecución de proxectos competitivos de I+D+i, fundamentalmente financiados pola Comisión Europea.

Co tempo e o aumento de volume de datos, serán máis as empresas e entidades que soliciten servizos ao Cesga. Hai infraestrutura dabondo para este incremento?

Historicamente, a infraestrutura nunca foi dabondo para satisfacer a demanda da comunidade usuaria. As máquinas traballan actualmente ao 100 % da súa capacidade e moitos proxectos vénse obrigados a esperar para entrar en execución. Dende os seus inicios, o CESGA traballa regularmente para buscar financiamento e incrementar a dispoñibilidade de máquina, capacidade de cómputo e almacenamento. Ao estar recoñecido como Instalación Científico Técnica Singular do Estado (ICTS), obtemos fondos específicos para equipamento científico técnico e manter actualizada a infraestrutura. Recentemente aprobamos unha execución para o maior investimento en renovación de equipos na historia do centro. 

O último informe indica que se mobilizaron máis de 381 millóns de euros polos proxectos beneficiados do uso da infraestrutura. A idea é mobilizar máis nos próximos anos?

Si, a nosa idea é continuar fornecendo tecnoloxías de vangarda e servizos de soporte especializado que permitan aos grupos usuarios vantaxes competitivas a hora de conseguir contratos e proxectos de I+D+i. Existe unha clara correlación positiva entre os investimentos realizados en computación de altas prestacións do CESGA e a produción científica, o número de proxectos nos que participa a comunidade usuaria, con unha suba constante durante os últimos anos, grazas ao FinisTerrae II e ao FinisTerrae III. Segundo os nosos cálculos, o investimento realizado no FinisTerrae III vén de contribuír a un retorno da inversión de preto de 11 (tendo en conta únicamente os datos achegados polos membros da comunidade usuaria que reportaron produción científica en 2023), é dicir, por cada euro investido en 2021, as entidades usuarias do CESGA obtiveron 11 euros en proxectos reportados en 2023 nos que a supercomputación tivo unha contribución relevante.  

Con Augas de Galicia xestionades a conca Galicia-Costa. Para isto empregades a ferramenta de alerta temperá “Merlín”. Está sendo eficaz?

Si, a Augas de Galicia as nosas infraestruturas permítenlle xerar diariamente unha predición para previr situacións de risco ante adversos meteorolóxicos. Esta empresa utiliza a información xerada na simulación MERLIN para informar con antelación aos Concellos afectados, protección civil, etc. Entre outras empresas que se benefician de traballar co CESGA cabe destacar a FINSA, por exemplo. Nunha alianza tecnolóxica que xa vai para oito anos obtívose unha patente internacional para mellora dos procesos de fabricación con intelixencia artificial.

Tamén producides unha predición diaria do estado do mar.

Si, estamos moi orgullos da nosa longa colaboración coa empresa galega NOW Systems, xunto á cal producimos diariamente unha predición operativa de estado do mar para toda a fachada atlántica europea dende o norte de Irlanda ate o sur do Sáhara. Traballamos con eles dende hai máis de 10 anos co sistema de monitorización e predición ambiental europeo Copernicus. Esta predición informa diariamente a toma de decisións de centos de usuarios entre os que se atopan Tráfico Marítimo ou as Autoridades Portuarias. Toda actividade desenvolvida no mar utiliza estas predicións para toma de decisións críticas. Hai moitos outros casos de colaboración con empresas, como Hijos de Rivera, con quen desenvolvemos estudos de percepción de sabor.

Outro dos programas que levades a cabo é o de Ciencias Mariñas de Galicia, co fin de explotar e convivir no mar de forma sostible e intelixente. Como avanza?

O programa de Ciencias Mariñas de Galicia é un esforzo colaborativo que inclúe a todos os actores críticos entorno á observación, estudo e xestión do mar en Galicia. No CESGA traballamos no desenvolvemento de infraestruturas dixitais para servizos ecosistémicos mariños. Temos xa operativa unha primeira versión da plataforma de datos e do laboratorio virtual mariño. Estes esforzos deberán contribuír a unha ordenación e xestión integrada e sostible dos recursos mariños e nun futuro próximo aspiramos a que sirvan de base para construír un xemelgo dixital do mar en Galicia.  

(Extracto da entrevista publicada no número 399 - agosto 2024)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)