Fran Millán: “A nosa madeira ten un anaco da historia do mar”
Como nace Frouma?
Frouma xorde oficialmente no 2022. Eu son carpinteiro de sempre e meu pai xa tiña unha carpintaría. Fai anos estiven traballando para unha das empresas máis grandes de ebanistería e do sector retail, viaxaba por todo o mundo. A raíz de estar tanto tempo fóra no estranxeiro, quixen establecerme en Ribeira, na miña vila. Levaba tempo con esta idea na cabeza e quería facer un proxecto un pouco distinto, non unha carpintería ao uso, algo que fora máis aló do rendemento económico e cunha serie de valores.
E un ano despois da súa creación recibes o Premio Artesanía de Galicia.
Si, a verdade que acabamos de arrancar e recibir este galardón é un acontecemento inesperado, sobre todo, pola visibilidade a todo o traballo que levas feito. Os comezos son duros, pero todo o esforzo ten unha recompensa.
A economía circular é a vosa base?
A parte da economía circular, é tamén importante o comercio ético e xusto, ser sostible pero en todos os elementos da cadea de valor. Que os traballadores teñan unhas condicións laborais dignas, un salario xusto e o mesmo con toda a cadea de valor de provedores.
Fuxides da produción en masa.
Non producimos en masa porque a materia prima nos limita, e por outra parte, para min non tería sentido. Estamos sufrindo un consumismo desorbitado, semella que o de hoxe e mañá xa non serve. Agora parece que hai un pouco máis de conciencia en canto a sostibilidade. Ímolo facendo pouco a pouco, equivocarémonos, pero cando tomo as decisións, sempre sopeso en perspectiva se esa é a folla de ruta que queremos seguir e se cadra coa nosa filosofía.
A peza Noray está elaborada con madeira das bateas. Como xorde este idea?
Eu quería establecerme en Ribeira e ter un proxecto con valores, visibilizar o esforzo da xente do mar. Sabía que as vigas das bateas se empregaban como elementos nos fogares, pero non ía máis para aló e non quedaba para mobiliario. A vida útil dunha batea estímase en 25 anos, aínda que non serve para facer a función de batea, si serve para ser un mobiliario que dura toda a vida. A salinidade e o contacto con ese medio tan hostil, como é o mar, ofrécelle á madeira unha protección extra en canto a patóxenos e unha textura e deseño únicos.
Todas as pezas son a medida?
Temos dúas liñas. Por unha parte, están a nosa colección e os deseños. E por outra, os traballos a medida para un cliente máis particular. Colaboramos bastante con estudos de interiorismo e arquitectura, tanto galegos como de fóra. Son cousas que van pouco a pouco. Facemos pezas únicas e a demanda, e moi pouca produción. Penso que a produción en masa non é o camiño, non tería sentido estar agardando 25 anos por esa madeira para logo producir en masa. Apostamos por mobiliario que nos dure toda a vida, é a maneira de ser máis sostible e ser respectuosos.
E contando a historia do mar.
O noso mobiliario ten un anaco de historia do mar e do carácter atlántico. É un compoñente emocional que ten sentido para nós. Tamén é importante poñer en valor o traballo da muller no sector do mar. Non se entendería o mar sen elas. Eu tiña claro que o eixe central tiña que ser Galicia e reivindicar o valor do tempo e do traballo ben feito a conciencia. As cousas ben feitas levan tempo.
Que materiais do mar empregades?
Levamos tempo introducindo elementos con coherencia, como a malla de pesca recuperada. Na nosa cadeira aparello, tanto o respaldo como o asento está feito con rede de pesca recuperada do mar.
Cales son as pezas máis demandadas?
Principalmente, elaboramos pezas de deseño na colección e mobiliario auxiliar. O banco ou o Noray, que é lámpada e tallo ao mesmo tempo, as mesas, ou o colgador. Diría que a peza máis demandada é o banco “A Orixe”, foi a primeira peza que asentou as bases de Frouma.
Incrementouse a demanda nos pedidos?
O traballo que leva facendo Artesanía de Galicia durante moitos anos é por en valor a artesanía, que en Galicia durante unha época estivo algo desprestixiada. Hai moito talento galego que está máis recoñecido fóra que aquí. Hai unha nova ola de artesáns e xente que incorporaron o deseño e a vangarda a estéticas profesionais. A parte da profesionalización do sector, houbo un cambio de imaxe e de adaptacións á tendencia e novos deseños da demanda, continuando como un traballo artesán.
Cantas persoas forman Frouma?
Actualmente somos tres persoas. Encontrar profesionais no sector da carpintaría é moi difícil. É algo xeneralizado en canto á escaseza de man de obra nos oficios artesanais. Para min é máis importante o compromiso e as ganas. Nunca dicimos que non a ningún proxecto ou perfil. Os que acaban de saír dun ciclo, poden chegar con moitas ganas e a experiencia apréndese.
E como atraemos á mocidade aos oficios tradicionais?
A forma de traballar na carpintaría cambiou moito, xa non é como a dos nosos pais, debemos atraer aos mozos. Ti non vas traballar en nada que non resulte atractivo. Eu sempre enfoco o noso proxecto como una maneira de aportar valor. Contamos coa opinión da xente que forma parte de Frouma. Ademais, non é un traballo monótono, dende o proceso de ideación ata a elaboración hai moitos pasos.
Que proxectos tendes en mente?
Estamos traballando con mobiliario e pezas que aínda non saíron á luz, novos deseños da colección en fase de prototipado e fabricación. Antes de finais de ano, tamén queremos lanzar a tenda online e a nova web.
Comentarios (0)