Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Luciano Alfaya, director do COAG "Debemos garantir un número suficiente de vivenda pública"



REBECA SANTOME · PUBLICADO O 16 DE SETEMBRO DE 2024 · (0)




Nas cidades galegas vivimos unha invasión de turistas, vehículos e contaminación. Como reconstruímos o espazo público e social?

Dicir que estamos invadidos xa de partida suxire unha confrontación o cal non tería por que ser algo implícito co turismo ni cos vehículos. Temos que aprender a convivir e buscar solucións que establezan uns límites na actividade turística e ao uso do vehículo privado, pero sendo conscientes de que a súa existencia é imprescindible na nosa sociedade. O que podemos mudar é o papel secundario do peón fronte ó coche ou dos residentes fronte ós visitantes. Só queda buscar o equilibrio. Para logralo non só debemos reconstruír o espazo público: é esencial que a política de vivenda se faga en clave de planificación urbana e territorial. É dicir, necesitamos planificar ben as nosas cidades e non deixarnos levar só por intereses económicos inmediatos xa que o beneficio de hoxe pode ser a condena do futuro.

Este interese no turismo tamén está a traer problemas para atopar vivenda.

Efectivamente. Cando as cidades se mercantilizan tanto deixan de estar pensadas para os seus residentes habituais. Así a vivenda pasa a mans de inversores, o espazo público pasa a ser comercial e cousas tan cotiás como os xogos dos nenos e nenas ou os coidados das persoas maiores, resólvense con ludotecas ou residencias privadas. Todos eses problemas comezan coa vivenda. Garantir a perpetuidade dun número suficiente de vivenda pública debe ser algo básico. Necesariamente esa medida terá que ir da man doutras de carácter social xa que, nun país tan envellecido como Galicia, a medio prazo pode haber un problema importante no coidado das persoas maiores. Polo tanto, como todo, a planificación é esencial e as cidades son, esencialmente, espazos para vivir.

Os arquitectos Xerardo Estévez e Alfonso Salgado sinalan que é necesario interpretar Santiago para descubrir Compostela. Como se consegue isto? Pasa en máis cidades?

No libro “Compostela como desexo” explícano eles con maior claridade, mais se eu tivese que sintetizalo diría que as cidades cunha forte identidade, como é caso de Santiago, necesitan máis que deixarse levar por actuacións de mellora puntuais ou inversións concretas aliñadas con convocatorias de fondos; deben programar actuacións que xeren valor engadido. Son esas as que permitirán, eu diría, redescubrir Compostela. A situación, con distinta intensidade, dáse noutras cidades, replicando modelos alleos a súa propia identidade e aos seus recursos. Na planificación urbana cada día será mais importante pensar no endóxeno.

A que desafíos se enfronta a mobilidade en Galicia actualmente?

A mobilidade é un factor máis do noso comportamento como sociedade. Galicia enfrontase a un importante desafío de planificación en xeral, do que moitas veces parecemos non ser conscientes. O difícil equilibro entre os intereses municipais coa xestión territorial autonómica, fai que a planificación sectorial ou os intereses particulares primen sobre a visión xeral do territorio. Un exemplo desa situación é o proxecto de Altri, pero tamén a transformación da rede ferroviaria, dos portos, ou, incluso da retícula de estradas que temos no país. Resulta esencial manter unha visión global do urbanismo en Galicia, colaborativa entre cidades e responsable dende a administración autonómica. Por iso o desafío non é so de mobilidade. Trátase dun desafío de planificación urbana e territorial, no que todo o sectorial importa pero que so pode ser entendido dende unha visión conxunta, sostible e participada.

Segundo un informe de Deyde, Santiago é o municipio galego de máis de 50.000 habitantes con maior marxe de mellora de “cidade a 15 minutos”. Vivimos unha crise de mobilidade?

Non coñezo ese dato. Santiago ten unha dimensión que permite chegar en 15 minutos á maioría dos lugares de interese e dos servizos. Aínda condicionada polo excelso patrimonio existente, é unha cidade na que os servizos de proximidade están moi presentes. Pero é certo que vivimos nunha crise de mobilidade tanto polos cambios de hábitos nos desprazamentos, como pola progresiva recuperación dos espazos públicos para as persoas (aínda que, como indicaba, nalgún casos estes se ‘privaticen’). No libro La Ciudad Paseable indicábase que ao longo da historia o ser humano empregou sempre o mesmo tempo para desprazamentos; co paso dos anos o que fixo foi desprazarse mais lonxe. Esta situación está hoxe en crise e permítenos ser optimistas cara o futuro.

Cal é a cidade galega mellor planificada neste senso?

Non é razoable comparar cidades nin por dimensión nin por morfoloxía. Vigo e A Coruña teñen una xeomorfoloxía complicada, polas pendentes no caso de Vigo e pola forma de tómbolo no caso da Coruña. Isto dificulta moito a mobilidade xa que, ademais, ao estar pegadas ao mar, son cidades excéntricas. Pero en ambos casos a mobilidade mellorou moitísimo nos últimos anos, coa mellora das comunicacións verticais en Vigo ou con peonalización e carrís bici en A Coruña. As outras cinco cidades intermedias galegas tamén están a facer esforzos notables neste sentido no que, obviamente, destaca Pontevedra por pioneira, hai xa 25 anos, pero tamén pola xeomorfoloxía da que antes falaba, que neste caso permite un desenvolvemento de proximidade que resulta complicado no resto.

Gustaríame sinalar tamén os esforzos das pequenas cidades ou vilas que nos últimos anos están a facer da mobilidade un dos piares do seu desenvolvemento. O caso de Carballo, Vilagarcía ou Ponteareas, por citar algúns, apoiáronse na mellora do espazo público para transformar o seu xeito de vida.

A mocidade atópase con dificultades para acceder a un alugueiro asumible e marchan dos núcleos urbanos cara “cidades dormitorio”.

Moitas cidades dormitorio son, ou poden ser, cidades cunha alta calidade de vida. Sobre esa base tamén temos que actuar. Resulta evidente que parte desta poboación marcha ás “periferias” das cidades principais polo alto custe da vivenda. Pero con frecuencia estas cidades dormitorio ofrecen unha altísima calidade de servizos e espazos públicos, polo que o máis importante é que tentemos garantir calidade de vida en todos os lugares, non só nas cidades grandes xa que unha parte significativa da poboación vai residir noutros lugares. E teñen os mesmos dereitos.

Hai suficientes alternativas ao uso do coche en Galicia?

A nivel territorial Galicia ten mais de 30.000 núcleos de poboación. É certo que dous terzos dos habitantes vivimos nos denominados contornos urbanos. Para o resto, a dependencia do vehículo privado segue a ser esencial e, incluso, as pequenas cidades e as áreas urbanas teñen moito marxe de mellora no desenvolvemento do transporte público. Polo tanto, en xeral, non falaría de alternativas ao uso do coche, que van depender moito de cada lugar, se non de alternativas á demanda de mobilidade, xa que todo parece indicar que de cara o futuro tenderemos a desprazarnos menos. Así resolveremos as nosas necesidades camiñando ou en bicicleta.  

Como se debería planificar unha cidade para mellorar a calidade de vida dos cidadáns?

Para planificar ben as cidades o fundamental é facelo a medio ou longo prazo. Pero hoxe hai unha preocupación pola inmediatez que pode que nos faga moito dano no futuro. Os tempos para desenvolver e asentar unha actuación urbana o territorial son longos e os resultados aparecerán en 10, 20 ou 50 anos. Pero as demandas da veciñanza e, sobre todo, as preocupacións dos políticos, son por períodos moi breves. Iso fai que exista tanto medo a aprobación do planeamento ou que prime a visión economicista na planificación estratéxica das cidades. Se queremos planificar as cidades para mellorar a vida dos cidadáns, ademais de garantir a participación da veciñanza, é indispensable priorizar a visión social e ambiental no territorio xa que é o único que vai permitir garantir o futuro.

É posible que as zonas xa construídas na cidade entren en contacto coa natureza?

É imprescindible. Como sinalaba as cidades xa están a recuperar espazos verdes pero incluso naquelas transformacións de mellora dos espazos de convivencia, pavimentados, estase a buscar a permeabilidade co terreo. En Galicia aínda non somos tan conscientes desta situación, pero noutros lugares con maior escaseza de auga xa é unha condición de partida. Incluso a nivel global varias cidades fixeron actuacións para reabrir canles de auga que foran tapados. Recuperar estes espazos, introducir vexetación, utilizar pavimentos filtrantes non so é posible se non necesario nas nosas cidades.

(Extracto da entrevista publicada no número 400 - setembro 2024)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)