Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Club Financeiro de Santiago


O éxito de unir forzas


PUBLICADO O 07 DE ABRIL DE 2016 · (0)






Club Financeiro de Santiago, organismo de carácter privado, naceu a finais de 2010 co firme obxectivo de defender os intereses xerais do tecido empresarial galego e, concretamente, da área compostelá. Máis dun centenar de empresarios e profesionais, procedentes de diferentes sectores económicos, conforman a masa social do Club, manifestando así o seu compromiso co progreso económico de Santiago, en particular, e de Galicia, en xeral. Configúrase ademais coma un centro de negocios e servizos que ofrece apoio aos seus socios no desenvolvemento das súas actividades empresariais, poñendo á súa disposición as instalacións do Club no edificio Quercus (pol. de Costa Vella, Santiago).

Nos últimos tempos, o CFS erixiuse tamén como grupo xerador de opinión e impulsor de iniciativas que contribúen ao desenvolvemento económico e social da contorna. Así, actuou como portavoz e defensor dos intereses e inquedanzas do empresariado en cuestións como a política aeroportuaria, a fusión de municipios ou a situación das infraestruturas terrestres en Santiago. 

Os piares do Club 

A actividade do Club fundaméntase en catro piares elementais. A formación orientada a dirixentes empresariais ocupa o primeiro lugar, vertebrando os seus obxectivos. Co fin de contribuír ao desenvolvemento profesional e ao crecemento empresarial dos seus socios e accionistas, o CFS organiza xornadas formativas en diversas áreas temáticas. A isto hai que engadir os acordos de colaboración acadados cos centros de formación nacionais de maior prestixio. Nesta liña, o Club mantén convenio co IESE, a Escola de Negocios da Universidade de Navarra, para impartir en Santiago os programas de formación a directivos (PADE e PDD) e sesións de aprendizaxe continua. Este acordo establece condicións vantaxosas para os accionistas á hora de acceder aos programas educativos ofertados polo IESE. O CFS colabora tamén co IFFE Business School (Instituto de Formación Financeira e Empresarial), coa USC, para acoller alumnos en prácticas nas empresas que conforman o accionariado, e coa EGAP, co obxecto de organizar conxuntamente cursos e seminarios.

O segundo piar do CFS e o seu principal activo son as súas instalacións, postas a disposición dos accionistas.  O Club conta, dentro do edificio Quercus, con salas propias adaptables para reunións de todo tipo e con comedor privado, dispoñible de luns a venres, con carácter exclusivo, para os socios e accionistas. Deste modo, o CFS ofrece unha diversa gama de servizos de apoio ao desenvolvemento de negocios e actividades de traballo que facilitan a práctica profesional.

A terceira columna que sostén a estrutura do Club son as relacións sociais, tamén denominadas networking, realizadas con diferentes accións que van desde os almorzos semanais con personaxes destacados ata as conferencias, foros ou eventos sociais organizados. Así, o CFS estase convertendo nun escenario propicio para a xeración de lazos de colaboración co fin de detectar oportunidades de negocio, afianzar a relación con clientes habituais ou incluso coñecer a potenciais socios comerciais. Neste senso, o Club puxo en marcha a concesión de dous premios corporativos de carácter anual: o Premio Excelencia Empresarial, outorgado nas edicións celebradas a Jesús Alonso (Jealsa), Emilio Pérez Nieto (Pérez Rumbao) e José González Fuentes (EGASA), e o Premio Emprende-Innova, co que se pretende recoñecer o emprendemento e a innovación entre o sector máis novo da poboación.

O último obxectivo do Club é a detección de novas liñas de negocio. Entre as labores levadas a cabo neste aspecto, hai que destacar a convocatoria do Premio Emprende Innova e a creación do Club de Inversores. O CFS, en colaboración con outras entidades, está tecendo unha rede de inversores privados disposta a apostar e respaldar economicamente proxectos empresariais innovadores.

Lobby con capacidade de acción

A estrutura do Club Financeiro de Santiago configúrao nunha plataforma sólida, que se presenta ante a sociedade civil como un lobby, con capacidade para opinar e actuar ante as administración públicas, posicionándose como defensor de todas as cuestións que preocupan en xeral e, de maneira especial, á clase empresarial. Deste modo, contribúe ao ben común apoiando iniciativas, formulando solucións ou emitindo opinión que favorezan o desenvolvemento económico e social da contorna.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)