«Os gaiteiros sempre tiveron nome propio, e as pandeireteiras, nunca»
Entrevista con Felisa Segade
Felisa Segade é unha forza da natureza, unha persoa que destila unha alegría que contaxia. Os seus amigos din de ela que é a argamasa que os une, e ela concorda en parte, polo menos no mundo do folclore. Asegura que cando algo lle emociona, é capaz de convencer a calquera, e iso debe formar parte desa maxia que din que ten para unir ideas, proxectos e amigos.
A que está máis que demostrada é a extensa traxectoria desta artista compostelá no ámbito da música tradicional, en solitario, con Leilía, con Tres Pesos... e con máis colaboracións das que pode lembrar, que a sitúan como un referente para as novas xeracións de pandeireteiras. Segade foi unha das pioneiras, unha das primeiras en reivindicar para a pandeireta o lugar que merecía. Tras media vida dedicada a recoller e recuperar as pezas musicais das cantareiras, acumula méritos abondos para ser considerada unha enciclopedia vivinte da tradición oral galega.
Cando falamos de musica tradicional, sobre todo de mulleres, moitas poñen a Leilía de exemplo. Fostes un referente, pero quen son os vosos referentes?
A xente da aldea. As mulleres que fixeron posible que nós saibamos. Antes de estar Leilía, nós empezamos a ir de recollida, porque estábamos nun grupo folclórico que tamén empezou a facelo. Aí foi onde vin as pandeireteiras, unhas señoras cunha enerxía brutal, cunha maneira de cantar que te namoras, e dis, eu teño que facer iso. Son moitísimas mulleres, de moitísimos sitios.
Se falamos de min, un referente importante foi a miña veciña Erminda Miramontes. Ademais do gusto por cantar, dela aprendín ese amor pola nosa cultura, pola xente que cantaba antes, pola xente que escribía... Erminda falaba de Rosalía, falaba de Murguía... Tamén foron importantes Julia e Flora de Bembibre, por como eran elas, por como nos abriron as portas... Viñeron cantar á miña voda, viñeron a facer a regueifa, que máis podo dicir!
Din das Leilía que fostes as primeiras en poñer a pandeireta nun escenario...
Non é verdade. Moito antes que nós levaron por moitos escenarios ás pandeireteiras de Mens, que foron homenaxeadas polas Letras Galegas este ano, e eu mesma, antes de nacer Leilía, xa fora gravar un disco con Milladoiro. Con eles tamén subiu ao escenario Eva Castiñeira, por exemplo, outra das cantareiras recoñecidas pola Real Academia. Certo é que o que houbo antes de Leilía non poñía o foco na pandeireta. Nós démoslle protagonismo á figura da muller como pandeireteira. A música tradicional lévate por uns escenarios concretos e non todo o mundo chega a verte. O que tiña a música folk, naquel momento, era que ías a chegar a outro público que non era o dos grupos de baile, dunha asociación folclórica.
Resúltache reconfortante a homenaxe ás cantareiras polo día das Letras Galegas?
Si porque o feito de que este recoñecemento veña pola parte da cultura, aporta moito, porque chegas a outro tipo de público. Ademais, para min, son moi merecedoras. Os gaiteiros sempre tiveron nome propio, e as pandeireteiras, nunca. É lóxico, porque ser pandeireteira, non era máis que ser unha muller da túa aldea, non era unha profesión, e a un gaiteiro se lle pagaba por ir tocar. As pandeireteiras eran anónimas. Porén, elas son as creadoras, as artífices, pero non deixan de ser o pobo. Como lle pos nome propio? É moi difícil. Como tamén é moi difícil escoller ás persoas que van representar a miles de mulleres de Galicia que transmitiron e conservaron o coñecemento ata os nosos días, para que nós puideramos aprender.
É difícil atribuírlles as cantareiras o mérito pola autoría, porque cantan pezas que se foron pasando entre xeracións...
Claro, temos que reparar en como atribuímos as pezas que recollemos, se queremos poñerlle un nome propio de alguén. Ata agora, cantábannos unha muiñeira e anotabamos: muiñeira de Mens. Por que? Porque a recolleramos alí e aquel día cantárona cinco mulleres, e porque nos parecía o máis correcto, porque sabiamos que a peza non a inventara ningunha desas mulleres, que viña da tradición que escoitaran... É difícil pero ten que haber algunha outra maneira de nomear isto para que as futuras xeracións poidan ir buscar... Hai que darlle unha repensada. As pandeireteiras sempre foron anónimas, iso é así. Está ben? Non... ou si... non sei.
Quedan cantares que recoller, en Galicia?
Para min, cada vez é máis difícil, cando empezas todo é novidoso, pero cando levas 42 anos recollendo... é moi difícil que te sorprendan con algo novo. Logo o xeito de tocar da xente, tamén variou... non ten nada que ver co de aquelas mulleres que viviron a súa mocidade con esas festas de pandeireta de verdade. Xa cando recollemos nós, ver tocar unha señora de 80 e ver tocar unha señora de 60 xa era un mundo diferente: o xeito de tocar, a forza, as cantigas que che cantan... a min sempre me gustaron máis as das vellas. Supoño que a xente que empeza a ir agora de recollida queda fascinada, pero moito xa se perdeu, cada persoa que morre é un mundo que se vai con ela.
Tes algunha anécdota de recollida especialmente entrañable para ti?
Eu teño gardada na memoria unhas das miñas primeiras recollidas, tería uns 14 anos... Estabamos alí, unha morea de xente, e había unha rapaza que non sabía tocar, estaba rañando na pandeireta mentres estaba cantando Jesús de Bazar, que o facía coma os anxos, con esa maneira de ornamentar a voz, altísima... Pois esta muller pediulle a pandeireta a aquela moza porque lle fervía o sangue, e empezou a tocar... aínda se me poñen os pelos de punta hoxe en día, porque lle facía o alto a Jesús cunha facilidade e unha sensibilidade... teño a súa cara gravada na memoria.
Estas novas xeracións do tradicional galego veñen pisando forte, que sentes cando ves o que está a ocorrer?
Ai! Un orgullo estupendísimo! Eu sempre tiven fe, pero pensar que íamos estar onde estamos, non... Había moita xente que dicía que isto non ía a ningún sitio, que morría... Pero eu, desde que empecei a dar clase, vin que o interese pola nosa cultura, por querer tocar, por querer bailar, ía medrando cada ano. Agora, poder pensar, por exemplo, no fenómeno Tanxugueiras, e todo o que veu detrás, non o pensaba eu hai cinco anos. Paréceme tan bonito! Porque, anque moita xente non saiba de onde vén, vaise empapando, xa lles gusta, xa queren cantar en galego, xa queren tocar a pandeireta. E o que fixeron as Tanxugueiras foi volver a conectar a moitísima xente coas raíces. Se Leilía abriu unha porta a chegar a máis público, Tanxugueiras, a moitísima máis. Máis bonito non pode ser!
Notaches un boom coas Tanxugueiras?
Nos grupos non, pero si nas conversas, nas tabernas, a xente maior... Como digo eu, sempre lles chamo os fillos da guerra, que son os que non entenden o da pandeireta e iso... ese quitarlle importancia ao que é teu... e agora volven ver que ten importancia e se sinten orgullosos. Creo que dalgún xeito conectou a todos, porque o fenómeno Tanxugueiras, independentemente de que che gustara a súa música ou non, fixo que toda Galicia estivera falando de que había un grupo cantando en galego nun festival para todo o mundo, e en representación España. Iso fixo que falaran das Tanxugueiras os máis vellos e os máis novos. A pandeireta volveu estar en boca de todos, anque non estea nas mans.
Queda entón percorrido para a música tradicional?
Si, eu creo que si, creo que isto xa non ten volta atrás.
Non so es un referente musical, tamén formaches en baile e pandeireta a máis persoas das que poidas contar, es consciente, cando ves xente bailando na rúa, que tes parte de culpa de que iso estea acontecendo?
Nunca o pensei así. Pero si que me sinto moi orgullosa, e fascíname, cando vexo a alumnas, que aínda están comigo, facendo proxectos novos ou creando sinerxías. Por exemplo, unhas alumnas miñas de Noia decidiron que tódolos meus alumnos tiñan que coñecerse entre eles, e empezaron hai dous anos o que lle chamaron a «Feliada», pareceume tan bonito e entrañable ver de repente a cento e pico persoas... Nese momento sentinme moi emocionada. Ata me veñen as bagoas aos ollos. Con tan bo rollo entre eles, sen importar quen desafinaba ou cantaba fora de ritmo... Ese é o espírito, para min, ese é o mundo da pandeireta. O mundo do folclore non pode ser elitista, o importante é participar e que che guste o que estás facendo, independentemente, de que o fagas mellor ou peor.
Hai relativamente pouco que Leilía parou a súa actividade profesional...
Leilía tiña unha maneira de traballar moi pausada e os mundos de hoxe en día non serven para ir amodo. No momento no que o noso xeito de funcionar tiña que mudar se queríamos seguir no mundo da música, decidimos parar. Pensamos que xa tiñamos a idade suficiente como para non andar a correr e evitar así facer cousas das que non estiveramos tan orgullosas. Deixar os escenarios tras 34 anos está ben, conseguimos o que queríamos conseguir: que a música das pandeireteiras ocupara o lugar que merecía e que a xente volvese cantar en galego, e iso está. Foi unha decisión moi consensuada, moi pensada e tomada con moita pena, pero os ciclos rematan, e cada vez estamos máis convencidas de que fixemos ben.
Que significou Leilia para ti?
A miña vida! Non podo falar de min e desconectar a Leilía... Como tampouco podo falar da miña vida e desconectar as recollidas, as clases... Iso son eu. Non é separable...
Botas de menos traballar con elas?
Non me deu tempo a botar de menos porque eu estaba compartindo xa proxecto con Tres Pesos mentres estaba Leilía, teño as miñas clases, tódolos días estou tocando a pandeireta... Ese oco de música tradicional téñoo cuberto de luns a domingo, porque eu me divirto así, eu saio de marcha cos meus amigos e vou coa pandeireta. Aínda cantei o outro día con elas... O outro día estiven con Merchi, con Montse estou facendo outro proxecto... Entón, que podo botar de menos? Os escenarios? Esa parte téñoa cuberta. Eu, de momento, non notei esa falta de que sexa con elas. Para min o proxecto Leilía sigue vivo, porque é o que eu fago.
O que está claro é que ti non paras... Segues con proxectos en solitario e co Trío Tres Pesos, con que perspectiva creastes este grupo, cal foi a idea?
Cando foi o de Tres Pesos, hai 15 anos, era un momento no que as formacións grandes o tiñan moi difícil para tocar. E eu botaba de menos tocar, ir a festas pequenas... Pradairo, o grupo no que tocaba un alumno avantaxado meu, Estebo, acababa de desaparecer, e a min gustáranme moito os arranxos que fixera para os seus discos, xunto con outro compañeiro, Pepe de Calo, así que lles propuxen aos dous que nos xuntaramos, porque cun proxecto pequeno ía ser máis doado tocar. E a esencia, pois era o mesmo do que estaba facendo. Era o mundo das recollidas, con xente que leva no mundo da música tradicional toda a vida, e me parecía que podía ser un proxecto bonito.
Tamén colaboraches hai relativamente pouco con Baiuca...
Pois a colaboración con Baiuca xurdiu... Hai un elemento común que é Rubén Montes, un técnico de son —músico tamén— que traballou con Leilía e co que fixen moi boas migas. Ten un estudio de gravación e Baiuca estaba gravando alí... Necesitaba unha voz feminina e Rubén comentoulle a posibilidade de que fose eu... Ao principio parece que lle daba cousa falar comigo, a xente debe pensar que son extraterrestre! Ha, ha... Pero Rubén, que me coñece, díxolle: se llo propós apúntase a un bombardeo... e é certo. Sempre me parece ben experimentar. Gustoume facelo e como quedaron os temas, pero o mellor foi o directo, ver como funciona ese tipo de proposta en comparación cunha das miñas. Foi estupendo.
En que estás traballando agora?
Pois... xa o veredes... ha, ha...
Se puideras cambiar algo de como camiñaches profesionalmente todos estes anos, que sería?
Nada. Porque creo que todo aporta, tanto o bo e como o malo. Do malo aprendes, para dicir, por aí non. E o bo é enriquecedor. Enriquecedor é todo. Algo que fixeches que non funcionou... Pero non hai nada do que me arrepinta. Eu creo que todo polo que pasei, fai que sexa o que son agora.
Tes algún desexo para a música tradicional, para o futuro?
Ai, si, que estea como agora, ou mellor.
E para ti?
Para min, pois estar como agora ou mellor, ha, ha... Eu nunca fun unha persoa que pensara moito no futuro, a miña vida me vai levando, eu vou tomando decisións segundo se presentan. Ata agora, nin anhelo nada, ni me arrepinto de nada. Hai un dito que din os vellos: Ai! Dios me libre dun xa foi!
Comentarios (0)