Publicidade


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A noite roubada



NURIA CALAMBUR · PUBLICADO O 12 DE AGOSTO DE 2025 · (0)




A contaminación luminosa é, posiblemente, a menos perceptible das alteracións do medio ambiente. Non ule, non se aprecia, non molesta. O noso cerebro asumiu a idea de que é máis inocua que as demais, considérase un mal necesario, unha consecuencia do progreso tecnolóxico. Se sumamos o feito de que a escuridade non nos gusta demasiado, pode que atopemos suficientes razóns para ignorar un problema que consideramos que non nos atinxe. Porén, é posible que esteamos asumindo consecuencias das que non temos coñecemento.

A luz ten unha función de sincronización do sistema circadián, e dicir, de regulación do reloxo biolóxico. Cada noite, o noso corpo axusta o ritmo dos seus ciclos internos grazas á variación de luz que percibe entre a claridade do día e a escuridade nocturna. Co lusco-fusco, o corpo comeza a segregar unha hormona chamada melatonina, que ten gran variedade de funcións para o organismo. Diversos estudos apuntan que unha exposición prolongada a unha iluminación incorrecta pode inhibir este proceso, e aumentar o risco de sufrir serios problemas metabólicos, como obesidade, diabetes tipo II ou enfermidades coronarias.

Pero o perigo non remata aí, algunhas asociacións e entidades alertan das posibles consecuencias para a saúde derivadas da contaminación luminosa. A Axencia Internacional para a Investigación sobre o Cancro chegou á conclusión de que un traballo por quendas que implique alteracións dos horarios de descanso, ten probabilidade de provocar cancro en humanos, e xa existe literatura científica que o corrobora. O amplo estudo de casos Evaluating the Association between Artificial Light-at-Night Exposure and Breast and Prostate Cancer Risk in Spain, sobre cancro de próstata e mama, desenvolvido por investigadores de toda a península, avalan esta hipótese, ao comprobar que unha exposición prolongada á luz de espectro azul está asociada a un maior risco de padecer os dous tipos de cancro estudiados.

“Se imos ao baño ás 3 da mañá e acendemos unha luz branca, rompemos o ciclo nocturno en milésimas de segundo, e recuperar o ciclo lévanos entre una hora e dúas. Ao cabo duns días repetindo este patrón, vas estar canso, vas a estar de mal humor, vas ter dores de cabeza... Non te desvelaches, dixécheslle o teu corpo que era de día”, explica Victor Tilve, presidente da asociación Calidade do Ceo Nocturno, fundada por un grupo interdisciplinar de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela que leva anos divulgando a problemática da contaminación luminosa.

Cando camiñamos pola rúa de noite, baixo os focos de cor branca, acontece o mesmo. O noso corpo interpreta que é de día e segue manténdose activo, provocando que teñamos problemas para conciliar o sono ao chegar a casa. Tilve advirte da necesidade doutro tipo de iluminación: “Levamos miles de anos na Terra vivindo coa luz artificial que provén do lume, e agora da noite á mañá metemos a luz LED. A diferencia é tremenda”.

Un dos aspectos máis sorprendentes da contaminación luminosa é que tamén ten un efecto sobre algunhas persoas cegas. Se aplicamos a lóxica, é doado pensar que unha persoa invidente non pode ver a luz e, por tanto, non lle afecta. Non obstante, a investigadora da Universidade de Murcia, Mª Ángeles Bonmatí, leva anos estudando como funcionan os fotorreceptores dos nosos ollos e no seu artigo La luz en el sistema circadiano explica que temos “células ganglionares fotosensibles” na retina, algo que moitas persoas con discapacidade visual manteñen pese á súa cegueira: “Un ciego que las conserve en perfecto estado podrá perfectamente sincronizarse al ciclo luz-oscuridad, aunque de manera consciente no sea capaz de percibir la luz”.

Tecnoloxía interesada

Nos últimos anos, o éxito da tecnoloxía LED, provocou un cambio na iluminación das cidades. Dositeo Veiga, físico e editor do proxecto Ceos Galegos explica os intereses que existen detrás deste proceso: “Ese cambio de lámpadas de vapor de sodio por lámpadas LED está dirixido polas industrias, non pola xente que sabe. Isto provoca que as compañías estean colocando no mercado as lámpadas LED que elas queren e que non son as mellores para iluminar ben, da forma máis eficiente, da forma máis barata e da forma que contamine menos o ceo”.

“Cando eu comecei nisto, había técnicos de empresas que se dedican á fabricación de bombillas que dicían que a noite había que iluminala como o día. Vin a un deseñador de luz nun foro sobre contaminación luminosa presumindo dunha instalación que fixera en China, onde había xente ás tres da mañá lendo un libro debaixo da súa luz. Naquel momento non había concienciación. Estas marcas vendíanlle aos nosos políticos que esa iluminación era a axeitada”, lamenta Tilve ao lembrar os seus comezos na asociación. Afortunadamente, as cousas van cambiando, e arquitectos e outros profesionais comezan a estar máis concienciados e prestar atención ás recomendacións dos expertos en materia de contaminación luminosa

Pese a que xa existen recomendacións a nivel europeo e estatal que instan as cidades a reducir a iluminación nocturna ¾o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico está a coordinar a elaboración do Plan Nacional de Restauración, que terá en conta a contaminación luminosa e establecerá uns obxectivos e medidas concretas¾, e está prohibido alumear por encima da liña do horizonte, moitos concellos galegos non respectan estas normativas. “A preguiza de moitos políticos e a falta de información de moitos técnicos municipais provoca que cando se fan concursos públicos de alumeado se vaian arrastrando os pregos doutros anos” explica Veiga, que considera posible substituír a iluminación actual por luces LED ámbar, que son máis respectuosas coa flora, a fauna e a saúde humana, e recorda que debemos coidar o factor cultural: “ver o ceo nocturno parece que é un capricho de xente afeccionada a astronomía, pero temos que reivindicar que a observación do ceo nocturno é un dereito de toda a humanidade”.

Adeus ás estrelas

“La contaminación lumínica nos ha robado la belleza de la noche, y lo ha hecho de manera absurda y sin necesidad”, lamentaba nun artigo, xa no ano 2011, o astrofísico Fernándo Jáuregui. No texto, publicado pola revista do Colexio Oficial de Físicos, aludía o carácter evocador da noite e a súa importancia na evolución da sociedade: “Observando las estrellas los antiguos viajeros sabían trazar su rumbo, lo que les ayudó a dibujar los primeros mapas de nuestras costas. De aquellos cielos sin contaminar son hijos nuestros relojes, nuestro calendario y nuestros mapas actuales, tres aportaciones de la astronomía a la cultura que son previas al uso del telescopio”. 

Dositeo Veiga concorda con Jáuregui, relata a importancia do ceo nocturno na nosa historia, nas relixións e na ciencia, e advirte que “estamos perdendo esas referencias, non só por vivir nas cidades, senón porque para poder ver ese ceo escuro temos que ir cada vez máis lonxe”. Hoxe, sabemos máis que nunca da orixe das estrelas, porén, non podemos velas. Un estudo publicado polo Instituto de Ciencia e Tecnoloxía da Contaminación Luminosa revelou que o 60% da poboación europea non pode ver a Vía Láctea dende os seus fogares, tampouco outros fenómenos astronómicos. Como exemplo próximo, o paso do cometa Neowise durante o verán de 2020 foi visible durante máis dun mes. Lamentablemente, moitos galegos non se decataron deste importante acontecemento.

A luz que emiten as cidades non pasa desapercibida para os astrónomos, nin tampouco para aqueles que desfrutan fotografando a noite. Javier Veleiro é un afeccionado a este tipo de foto, e cada vez o ten máis difícil practicar o seu pasatempo favorito: ”a contaminación luminosa obrígame a desprazarme, buscar un lugar escuro, porque dende a cidade é imposible”. Nota que está medrando moito o problema, e cada vez se ten que afastar máis para conseguir unha boa instantánea.

Víctor Tilve lembra con nostalxia o seu primeiro ano en Santiago de Compostela: “O primeiro que me dixeron cando cheguei foi: vai á Praza do Obradoiro, ponte de costas á catedral, déitate no chan e mira para arriba. Vin o ceo estrelado, sen apagar as luces porque non era necesario, en 2005. Iso non o temos hoxe”. Pola súa banda, Veiga sinala que este exceso de iluminación, este resplandor das cidades que se pode ver a centos de quilómetros de distancia, “supón un gasto de enerxía en forma de luz que ninguén aproveita, máis que as compañías eléctricas. Pero, ademais, perturba a moita fauna que comparte connosco o mesmo planeta e que é atraída a esas urbes”.

Ao respecto de Santiago de Compostela, o concello acaba de convocar un concurso internacional de iluminación monumental, para crear “unha nova paisaxe nocturna compostelá, respectuosa co patrimonio e os valores locais, que promova unha cultura de luz urbana de calidade para goce da cidadanía e tamén das persoas que nos visitan”. Ante esta proposta, os colectivos de defensa do ceo nocturno están alerta. “Temos razóns de sobra para ter medo ante esta actuación e presentación. É necesario comprender estas contornas históricas dende un punto de vista moi distinto ó actual, pois foron construídas noutras épocas” asegura Tilve. Tamén reivindica a necesidade de ter en conta aos especialistas en Historia e Historia da arte para facer estas intervencións, pero sobre todo, pregúntase se realmente é necesario iluminar os edificios, que non foron concibidos para a luz artificial.

Recuperando a escuridade

Actualmente, existen diferentes plataformas que se están a organizar para loitar contra a contaminación luminosa, pero son conscientes de que aínda queda un longo treito por percorrer. A súa esperanza basease na comparativa con outros tipos de contaminación que a sociedade toleraba hai anos e que hoxe non son aceptables, como explica Tilve: “Cando eu tiña 15 anos ¾agora ten 38¾ ninguén loitaba conta a contaminación acústica, se che tocaba vivir ao lado dunha discoteca, mala sorte. Hoxe en día ninguén acepta iso. Pois coa luz pasa o mesmo, todos aceptamos que haxa luces nas rúas pero non temos porque aceptar que haxa luz intrusa na nosa casa”. 

Estes grupos reclaman que as institucións se impliquen dun xeito activo, implantando sistemas de iluminación eficientes e respectuosos. “Non pode recaer nos cidadáns de a pé denunciar cada farola que incumpre a normativa” protesta Veiga, e lamenta a falta de compromiso político: “Hai uns anos, diversas asociacións e plataformas levamos unha iniciativa en contra da contaminación luminosa ao Parlamento Galego. Foi firmada pola maioría dos grupos parlamentarios, pero ao final quedou en papel mollado”.

A concienciación cidadá é un dos factores máis importantes para conseguir que os concellos se tomen en serio este problema, non obstante, algunhas persoas poñen reparos a un cambio na iluminación, alegando un problema de inseguridade. Tilve advirte que “iso é mentira. Unha iluminación excesiva, pola contra, provoca unha falsa seguridade en ti, primeiro porque pode haber cegamentos, pode haber alguén detrás dunha luz e ti non velo. Somos uns seres vivos moi mal feitos para os cambios de contraste. Necesitamos que a luz sexa homoxénea”, e pon de exemplo o caso de Bélxica, que durante a crise de 2008 apagou as luces das autoestradas para aforrar: “resulta que se reduciron os accidentes, porque a xente conducía máis prudentemente. Todos nos cegamos cando chegamos a unha peaxe con iluminación, pero na escuridade, cunhas boas luces do coche estamos máis ou menos cómodos”.

Existen sistemas para iluminar dunha forma eficiente e respectuosa, sen facer un gran investimento. Os expertos concordan en que o que fai falla é vontade para mudar as cousas, reducir o noso impacto no planeta. “A humanidade é unha especie máis neste mundo, e o mundo vai seguir aquí despois de nós, de que desaparezamos. Temos que pensar que tipo de pegada queremos deixar para o futuro. Rímonos de cousas que se facían hai un século nas cidades, pensemos no que dirán de nós dentro de 200 anos”, reflexiona Veiga. Para Tilve, sería un soño desfrutar da noite dende o seu fogar, no centro de Vigo. Medita sobre o que estamos a perder por culpa da luz artificial, e ilustra o seu sentimento cunha imaxe e unha pregunta: “Van Gogh fixo cadros onde as constelacións que debuxa son reais, dende o centro de París. Quen vai agora a París a ver o ceo?”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)