Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Freo ao crecemento


A ausencia de goberno e a incertidume política manteñen os investidores á espectativa


GONZALO FERNÁNDEZ · PUBLICADO O 26 DE ABRIL DE 2016 · (0)






O panorama político debuxado tralas eleccións do 20-D e a falta de acordo para elixir un goberno preocupan tanto ás organizacións empresariais como as forzas sindicais de Galicia, que perciben nesta parálise un freo para o investimento e, con iso, a ralentización do crecemento e da creación de emprego. Diante destes datos, no A Fondo do mes de maio facemos balance, con datos e valoracións dos principais actores económicos, da situación do país tras estes meses de Goberno en funcións e estas son algunhas das conclusións que extraemos…

Aínda que o INE reflicte un incremento do seu Índice de Confianza Empresarial do 1,3% en Galicia e do 0,6% a nivel nacional no último trimestre, hai informes que sinalan que a inestabilidade política no estado está a afectar á súa situación e mesmo o Banco de España vén de rebaixar a taxa de crecemento do PIB ao 2,7% este ano e ao 2,3% o que vén

O Banco de España destaca no último informe trimestral de proxecciones do seu Boletín Económico que os riscos para a economía “empeoraron apreciablemente nos últimos meses”, e mesmo advirte de que a falta de goberno pode frear o consumo e o investimento. Dúas semanas despois de que o Banco de España dese a coñecer a súa rebaixa do crecemento, o ministro de Economía en funcións, Luis de Guindos, fixo o mesmo e fixou a súa taxa no mesmo 2,7% que estimara o órgano supervisor do sistema bancario

Esta freada no crecemento económico suporá ademais unha dificultade engadida para reducir o xa elevado déficit público, que en 2015 quedou un punto por riba do acordado coa Comisión Europea, e máis aínda cando os Presupostos Xerais do Estado para este ano prevén un crecemento do 3 % 

Segundo o organismo regulador do sistema financeiro español, a taxa de paro baixará  ata situarse nunha media do 20,3 % este ano e do 18,9% en 2017, unhas porcentaxes que están claramente por riba do 19,7% e do 17,6% que respectivamente prevía o executivo cando presentou os orzamento. 

Aínda que as previsións do Goberno sinalan que non se poderá repetir neste exercicio nin no seguinte a melloría do mercado laboral acadada en 2015, cando se crearon 525.100 empregos, os seus cálculos non deixan de ser optimistas, estimando para 2016 e 2017 preto de 900.000 postos de traballo

A confianza do investidor español tamén rachou no primeiro trimestre coa tendencia en positivo rexistrada en 2015, volvendo a cotas negativas e ao nivel máis baixo dende mediados de 2013. Segundo a enquisa de JP Morgan Asset Management sobre a Confianza do Investidor español, a incertidume política está detrás deste retroceso

O Índice de Confianza Empresarial Harminizado do INE reflicte unha suba do 0,6% en España e do 1,3% en Galicia, co que retoma a súa tendencia alcista, que se rachou nos tres primeiros meses do ano tras 11 trimestres de continuo ascenso

Luis Caramés: “Os partidos amosaron cara, unha maior transparencia máis alá da retórica convencional. A elección pública ten outra oportunidade para refacer as súas preferencias, aínda admitindo que non parece que vaia haber sobresaltos espectaculares”

Roberto Pereira (Club Financeiro de Santiago): “A incertidume está provocando, xa dende hai tempo, a fuga de capitais do país, o que leva aparellado que se resinta o asentamento de novos investimentos”

Juan Ramón Güell (Círculo de Empresarios de Galicia): “Que os nosos representantes políticos non sexan quen de chegar a acordos, como chegamos a cotío o resto dos cidadáns e das empresas, non semella un bo exemplo”

José Antonio Gómez (UGT): “Os cidadáns demandan un proxecto de país de xeito inmediato. A xente xa non pode agardar máis, os problemas sociais acumúlanse, os poucos recursos que hai non se poñen en marcha e este país precisa xa dun proxecto inmediato. As forzas políticas deben mirar máis aos cidadáns, que hoxe piden un goberno de cambio e progreso”

Maica Bouza (CC. OO.): “Non é posible un país sen goberno e levamos así máis de catro meses. As decisións de investimento están paralizadas e, con elas, a actividade e o emprego, e outro tanto acontece co marco lexislativo. En definitiva, a acción de goberno é de parálise total”

(Extracto da reportaxe completa, que se poderá ler no número de maio de eco)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)