“Estaba predestinado a estudar Dereito pero non quixen. E non estou arrepentido, a vida tratoume ben”
Un dos mellores recordos que ten da nenez é o agarimo recibido da mestra na aldea natal, muller á que probablemente habería que agradecerlle os vimbios que axudou a tecer na mente deste historiador e investigador dun lugar chamado Galicia. Falamos co catedrático Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura e membro da Real Academia Galega do noso patrimonio, do seu traballo e tamén un chisco da vida.
Un momento da historia de Galicia que lle guste especialmente?
Gústame moito o primeiro terzo do século XII e o primeiro terzo do XX. A época de Xelmírez, coa expansión e esplendor dunha Galicia referente en Europa, e cando se deron as condicións para que se crease Portugal; o que foi unha vantaxe e un drama. E o primeiro terzo do século XX porque Galicia incorporouse á vida urbana grazas á emigración, ás transformacións agrarias e á revolución industrial do mar. Son dos dous momentos máis brillantes da nosa historia, pero hai máis.
Vén de saír unha nova edición da súa Historia de Galiza onde engade un capítulo que aborda a emigración ao Brasil. Por que di que a presenza dos galegos foi alí máis invisible?
Invisible respecto do conxunto da emigración española, porque carecían da identidade que tiñan en países como Arxentina ou Cuba. En certo modo camuflábanse en parte como españois e en parte como portugueses. De feito, as asociacións do Brasil teñen nomes españois, como Sociedade Hispano-Brasileira ou Casino Español, pero a maioría están compostas por galegos. É unha diferenza que xa advertiu Castelao: non é o mesmo un galego na Arxentina ca un galego no Brasil…
Tamén investigou sobre o exilio aos Estados Unidos de América dende Galicia e Azores. Hai diferencias entre esas diásporas?
As diferencias son notables porque, no noso caso, o exilio foi derivado da Guerra Civil, mentres que nas Azores foi por disidencia co réxime Salazarista, pero non houbo saída masiva. En todo caso o exilio das Azores é intelectualmente moi sólido, vai cara Brasil e USA e ten algunhas similitudes co galego dado que os exiliados instálanse en universidades onde crean departamentos de estudo de cultura portuguesa-brasileira. O caso máis importante entre os galegos foi quizais o de Ernesto Guerra de Cal que, sendo de lingua española, foi virando cara estudos lusitanistas e acabou sendo un experto na materia.
Hai pouco o Consello da Cultura Galega foi admitido na Comunidade dos Países en Lingua Portuguesa como observador consultivo. Que significa?
É unha das categorías nas que admite candidaturas para asociarse aos seus traballos. A novidade no noso caso é que somos unha institución dun país non lusófono pero cunha lingua do tronco común. De feito non hai ningunha institución española, o Consello da Cultura Galega foi admitido a proposta de Portugal. Para nós é unha ocasión magnífica, pero o que vaiamos a facer no futuro vai depender do noso diálogo con eles e das veces que se nos convide a participar.
Se non se tivese dedicado a Historia, que podería ter feito?
Nunca se sabe, porque somos o resultado de pequenas decisións tomadas tódolos días…
(Extracto da entrevista completa que se poderá ler no número de xaneiro de eco)
Comentarios (0)