Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A innovación tecnolóxica aplicada ao deporte galego



REDACCIÓN · PUBLICADO O 21 DE MARZO DE 2019 · (0)



O Hotel Palacio del Carmen, en Santiago, acolleu esta mañá a xornada “Tecnoloxía e deporte”, unha inciativa de R, Cinfo e a Xunta na que Expertos en innovación reflexionaron sobre as solucións das novas tecnoloxías como fonte de beneficios para clubes e federacións.


Na xornada, promovida pola Secretaría Xeral para o Deporte a través da Fundación Deporte Galego e organizada por R e Cinfo, desenvolveuse un programa centrado en analizar polo miúdo como os clubes deportivos lle poden tirar o máximo partido á tecnoloxía. Para explicalo, o encontro contou coa presenza de especialistas na aplicación de tecnoloxías deportivas e con empresas de produtos innovadores para clubes e federacións, que se dirixiron principalmente ás entidades do sector do deporte en proceso de transformación dixital. Falouse, entre outros temas, da maneira en que se pode habilitar unha canle de televisión cos contidos dun club deportivo, de que xeito usar as ferramentas dixitais para xerar novos ingresos ou dos beneficios aplicados á análise de xogo.

Abriu o evento Alfredo Ramos, director xeral de R, quen salientou a importancia desta “cita coa innovación e co deporte para crear novos vieiros de colaboración e de progreso para modernizar a contorna deportiva, e tirarlle todo o proveito ás innumerables potencialidades dos recursos tecnolóxicos de que dispoñemos a día de hoxe”.

Pola súa banda, Iván Clavel, xerente da Fundación Deporte Galego, incidiu na importancia das prestacións da tecnoloxía no deporte “para o aquí e agora que demanda o consumidor” e porque, en si mesma, “a xestión do deporte necesita desa tecnoloxía que lle permita a xestión eficiente e actual dos seus recursos”.

Na súa intervención, Antonio Rodríguez del Corral, CEO de Cinfo, asegurou que a produción automática de contidos audiovisuais na nube está “democratizando as retransmisións deportivas, antes só ao alcance de grandes clubes”. Este tipo de emisiones, dixo, “son o futuro, pois poñen á man de entidades e ligas, tamén de deporte base (ou minoritarios), recursos técnicos con calidade profesional e a baixo custo, permitíndolles chegar a grandes audiencias a través da súa propia canle de televisión automática, web ou redes sociais, e ofrecerlles aos afeccionados retransmisións audiovisuais á carta como partidos, adestramentos ou roldas de prensa”.

Industria do ocio

Gabriel Barros, voceiro do Real Club Deportivo da Coruña, explicou na súa quenda que “a aplicación da tecnoloxía será o motor do maior salto económico e social do deporte nestes anos, ao converterse nun elemento máis da industria do ocio e o entretemento. A posibilidade da comunicación persoal, directa, á carta, cos seguidores, cambiará as relacións con eles e a súa experiencia nos partidos e demais acontecementos do club”.

Parellamente Gonzalo R. Palmeiro, adestrador axudante do Monbus Obradoiro, falou do caso de éxito deste equipo no uso das novas tecnoloxías aplicadas ao baloncesto profesional.

Alberto Díaz, responsable de Transformación Dixital de R detívose nas claves para transformar dixitalmente un club deportivo. “Non facer nada xa non é unha opción”, asegurou. Díaz explicou que R mostra a súa “aposta clara pola tecnoloxía no deporte, con servizos que van axudar aos clubes a dixitalizarse. Así, o servizo multicámara R, que permite difundir en directo ou en diferido o contido audiovisual de calquera acontecemento deportivo de maneira totalmente automática e desatendida, o que lles vai permitir a clubes e centros deportivos brindar novos servizos e unha mellor experiencia aos seus afeccionados, ademais de xerar novos ingresos.

Mesas profesionais

Na xornada tamén se artellaronse dúas mesas profesionais. Na primeira delas abordouse o tema dos dereitos audiovisuais do deporte non maioritario, da man dos presidentes das federacións galegas de fútbol, baloncesto, balonmán, piragüismo e atletismo, e do director de Innovación da Crtvg. Nunha segunda mesa a charla compartida por voceiros de clubes e expertos versou sobre as súas experiencias no uso de ferramentas tecnolóxicas para xestionar as entidades deportivas e xerar ingresos, entre outras posibilidades.

Leonor Gallardo, doutora en Ciencias do Deporte, falou finalmente de xestión e liderado deportivo, e subliñou que a tecnoloxía, a investigación e a innovación son o presente nas organizacións deportivas. Gallardo considera que “nos vindeiros cinco anos a intelixencia artificial e a robótica serán a base do cambio no deporte e estarán ao alcance de todos”.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, pechou a xornada comentando que “o pulo que realizamos a prol do deporte adaptado e inclusivo ten que alcanzar tamén o eido tecnolóxico”. E falou tamén da importancia da tecnoloxía “para acadar un xogo máis xusto que premie efectivamente a quen fai máis méritos no campo e para reducir os erros humanos dos árbitros”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)