“No momento no que estamos, apostar por abrir un negocio é a clave da diferenciación”
Martín Pais é o xerente de Orixe Gastronomía Galega, restaurante que abriu na zona vella de Santiago hai catro anos e que como outros viuse obrigado a pechar temporalmente. Pero decidiu que nin a Covid frea os obxectivos e onte abría Orixe Ultramarinos. "Que mellor momento que éste, no que o restaurante aínda está pechado mentres fixamos protocolos que fagan 100% segura a apertura".
Situado na mesma rúa que o restaurante nun fermoso local da zona monumental compostelá, atópase un espazo inspirado no bar-ultramarinos que unha vez tiveron os seus pais, e que lembra con agarimo este mozo muradán emprendedor. Nel hai unha escolma de “conservas, queixos, empanadas, viños... o habitual que compraban as nosas avoas”. E ten un espazo para tomar unhas cuncas de viño envolto nun ambiente nostálxico.
O confinamento cebouse de cheo con case calquera sector, obrigando a parar de golpe o seu funcionamento. E un dos sectores que máis o está sufrindo é a hostalería. Nun país como España, a nosa economía está moi relacionada co turismo, e a nosa personalidade lévanos a saír á rúa en cada intre libre que gozamos, o peche de bares e restaurantes provocou grandes perdas, non só económicas, se non do noso estilo de vida. E por desgraza ten pinta de que esta “nova normalidade” vai dificultar o funcionamento deste sector. Pero este hostaleiro teno claro e apostou forte por continuar ampliando horizontes. Porque “nunca choveu que non escampara”.
Para os de fóra ou os que aínda teñen reparos en saír á rúa, o ultramarinos tamén vai ter tenda online: “estamos a traballar nela para tela funcional canto antes”. Así espera levar a gastronomía galega a toda España e Europa, de momento. Os plans de Martín son ambiciosos, “despois de traballar en restaurantes de diferentes países, decidinme volver á “orixe” para poñer en valor a nosa cultura". E continúa con porxectos de crecemento en Galicia e fóra dela: “estamos a negociar a apertura dun local nunha gran cidade de España, aínda que prefiro non contar máis de momento”.
Comentarios (0)