Unha empresa viguesa presenta unha unidade móbil de esterilización
Patentada por SafetyWay, empresa asentada na Zona Franca de Vigo, reduce nun 99,99% os patóxenos en superficies internas e externas. É unha solución válida para centros comerciais, hoteis, servizos públicos, ximnasios e xeriátricos.
A cámara utiliza unha tecnoloxía innovadora froito da investigación en colaboración co grupo BiotecnIA do departamento de Enxeñería Química da Universidade de Vigo.Durante a presentación os desarrolladores explicaron que a unidade non só é segura e superou todos os test analíticos, senón que é unha solución inocua que non produce residuos nin impacto ambiental.

Jorge Sánchez, ceo de SafetyWay, explica que “a unidade VKM19 realiza a desinfección de superficies por vía aérea mediante a dispersión dun axente biocida por nebulización. Trátase dun tratamento de calor e néboa seca de peróxido de hidróxeno que non dana materiais nin superficies, aplicable mesmo a dispositivos electrónicos e cunha eficacia germicida total, a mesma que é utilizada na industria farmacéutica”. Limpa mesmo dispositivos electrónicos e artigos susceptibles de ser contaminados polo SARS- CoV-2. O delegado da Zona Franca David Regades valorou o esforzo e a colaboración público-privada realizada, “nun proxecto que significa dar un paso máis no camiño cara á seguridade que necesitamos”.
SafetyWay pertence a Grupo Hisanta, especialista en creación de solucións de bioseguridade e protocolos, con máis de 30 anos de experiencia. Traballa no mercado nacional e internacional na xestión dos riscos biolóxicos producidos polo novo coronavirus SARS- CoV-2 e a súa enfermidade, Covid-19, do mesmo xeito que xa fixeron cos brotes do SARS- CoV e o da enfermidade por Ébola.
Comentarios (0)