Máis dun cento de estudantes achegan solucións tecnolóxicas para persoas con diversidade funcional
Esta mañá tivo lugar o acto de presentación de resultados do proxecto Talentos Inclusivos, no que participaron alumnos de Secundaria e Bacharelato. A iniciativa foi desenvolvida polo Centro de Investigación TIC (Citic) da UDC e Aspace Coruña, co apoio do Consello Social da UDC, a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Foi no Citic onde se presentaron os resultados do proxecto Talentos Inclusivos, unha iniciativa que se desenvolveu durante todo o curso académico e na que participaron máis dun cento de estudantes de centros educativos da provincia da Coruña con solucións tecnolóxicas para retos propostos por persoas con parálise cerebral, usuarios de Aspace Coruña. O obxectivo da iniciativa foi espertar vocacións tecnolóxicas entre estudantes de Secundaria e Bacharelato, á vez que se visibiliza a diversidade funcional.

Os equipos participantes, compostos por alumnado de oito centros educativos e usuarios de Aspace Coruña, presentaron os traballos desenvolvidos, entre os que se atopa un robot e un dron controlados coa man ou a cabeza, un sistema anticolisión para cadeiras de rodas, xoguetes infantís adaptados e produtos de apoio con impresión 3D.
O director do Citic, Manuel F. González Penedo, encargado da apertura do acto, destacou que “co proxecto Talentos Inclusivos, o centro cumpre coa misión para a que foi creado, a de proporcionar coñecemento científico en TIC en beneficio da sociedade”. Posteriormente, o investigador principal do proxecto e coordinador no Citic, Javier Pereira Loureiro, e o coordinador do proxecto en Aspace Coruña, Rubén Carneiro Medín, introduciron os diferentes equipos de traballo, que presentaron as solucións tecnolóxicas. Javier Pereira avanzou que o proxecto Talentos Inclusivos terá unha nova edición o próximo curso.
A mesa de peche estivo moderada polo reitor da UDC, Julio Abalde Alonso, que afirmou que “Talentos Inclusivos é un proxecto emblemático, unha aproximación a un desenvolvemento tecnolóxico práctico e un exemplo de que a transformación dixital ten que estar baseada en valores éticos”. Pola súa banda, a presidenta de Aspace Coruña, Mª Carmen Barreiro Santos, manifestou que “este proxecto demostra que non existen barreiras cando hai apoio da tecnoloxía e traballo de investigación”. E a membro do pleno do Consello Social da UDC Nona Inés Vilariño Salgado destacou a continuación que “o traballo cooperativo deste proxecto está a contribuír a acadar un cambio social, e pon en valor unha das capacidades máis humanas que existen: a empatía”.
O concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego do Concello da Coruña, Jesús Javier Celemín Santos, reiterou que “accións como esta axudan a construír unha sociedade máis igualitaria, xusta e democrática”. Seguidamente, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor López, recalcou que “Talentos Inclusivos é un exemplo de unión e colaboración que divide o esforzo e multiplica os resultados. Dende a Xunta imos apoiar sen reservas esta iniciativa”. Finalmente, a directora xeral da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, Imma Aguilar Nàcher, participou por videoconferencia, e asegurou que “dende a Fecyt seguiremos colaborando nos próximos anos con esta iniciativa, que estou segura de que axudará a moita xente a que a súa vida sexa un pouco máis fácil”.
Comentarios (0)