PERTEs de vehículo eléctrico, enerxías renovables, industria naval, semicondutores e saúde de vangarda
Os Proxectos Estratéxicos financiados cos cartos Next Generation tamén poden ser aproveitados polas universidades galegas. Destaca o potencial para a Universidade de Vigo nos PERTEs de Vehículo Eléctrico e Conectado, de Enerxías Renovables, de Industria Naval e Semicondutores. A UDC e a USC teñen un papel máis relevante no PERTE de Saúde de Vangarda.
De todo isto falouse esta tarde nunha xornada na Real Academia Galega de Ciencias celebraba para que os investigadores coñezan este programa, cita presencial no salón de actos do CiQUS da USC. Ali falaron o subdirector de Proxectos Tractores do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Santiago Álvarez; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; e a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Belén Rubio. E houbo debate co públicomoderado polo presidente da Academia, Juan Lema.

Argerey apuntou que os centros de coñecemento xogan un papel fundamental: por un lado, pola súa capacidade para captar fondos das convocatorias estatais e, por outro, colaborando co tecido produtivo para mobilizar estes fondos. Moitas convocatorias apoian especificamente I+D -directamente ou a través da contratación de servizos externos- desde a Xunta se puxeron en marcha varias canles para informar. Galicia é unha das comunidades autónomas que ten unha participación máis alta nos Plans Complementarios, programas conxuntos de I+D que permiten aliñar os esforzos da Administración central, das comunidades autónomas e dos fondos europeos en áreas de interese común. Participa en catro das oito áreas estratéxicas (biotecnoloxía aplicada á saúde, ciencias mariñas, comunicación cuántica e biodiversidade) achegando capacidades e infraestruturas.
Colaboración cos clústeres
O subdirector de Proxectos Tractores do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Santiago Álvarez, presentou os instrumentos e convocatorias abertos ao persoal investigador “unha oportunidade para impulsar proxectos que aceleren a transición verde e dixital e que exerzan un efecto tractor sobre o tecido industrial”. A Xunta vén traballando na creación de contornas colaborativas como oficinas técnicas en colaboración cos clústeres. Estas oficinas responden ao obxectivo de asesorar ás entidades galegas na preparación de candidaturas aos Pertes e outros progarmas: Oficina de proxectos da Fundación Agrupación industrial de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), orientada ao Perte do vehículo eléctrico e conectado; Oficina Técnica de Apoio ao Programa Next Generation Galicia Food, en colaboración coa Agrupación industrial Alimentaria de Galicia (Clusaga) para o impulso de proxectos relativos ao Perte agroalimentario; e Oficina técnica NextGenhealth en colaboración co Clúster Saúde de Galicia (CSG) e orientada ao Perte para a saúde de vangarda.
As áreas estratéxicas para as universidades galegas
A vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Belén Rubio, detallou os instrumentos de canalización dos fondos Next Generation, en particular as vías de financiamento que abren importantes oportunidades para as universidades e as súas entidades colaboradoras: “o elemento máis relevante para canalizar os fondos Next Generation son os Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e a Transformación Económica, que poñen o foco en distintos sectores clave e esixen a colaboración entre administracións, empresas e institucións de investigación”. Rubio indicou que “os PERTE están orientados a influír en toda a cadea de valor, e a experiencia das universidades resulta determinante”. “Nútrese do interese dos distintos axentes económicos e sociais, que proporcionan información para identificar os proxectos máis maduros e de maior impacto, por exemplo a Fábrica de Microchips proposta pola Zona Franca de Vigo e a Universidade de Vigo”.
Ademais dos PERTE, e froito desta recollida de información, xorden tamén os denominados Plans Complementarios, colaboracións entre as Comunidades Autónomas e a Administración Xeral do Estado en accións de I+D+i. “Esta ferramenta permite a posta en marcha de programas de investigación en áreas como a agroalimentación, a astrofísica e física de altas enerxías, os materiais avanzados, a biodiversidade, a enerxía e o hidróxeno renovable, as ciencias mariñas, a comunicación cuántica e a biotecnoloxía aplicada á saúde, cofinanciadas polo Ministerio de Ciencia e Innovación”.
Comentarios (0)