Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Xa está en tramitación a nova Lei da Calidade Alimentaria de Galicia



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 24 DE NOVEMBRO DE 2022 · (0)



O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participaba esta mañá nun almorzo informativo sobre produtos galegos organizado pola Agrupación Industrial Alimentaria e alí defendeu a norma na que traballa o seu departamento, que tamén regula a actuación de inspección e control da Xunta establendo un réxime sancionador ante ilegalidades.


José Luis Cabarcos incidiu en que esta Lei busca establecer os deberes dos operadores do sector en relación coa actividade como produtores, elaboradores e comercializadores, así como regular a actuación de inspección “mellorando a eficacia do sistema de control oficial e perseguindo as prácticas fraudulentas”. O economista coruñés dixo que o gran obxectivo é que os produtos alimentarios galegos alcancen unha nova dimensión no mercado e achegar á xente todas as garantías de que pasaron rigorosos controis de calidade.

Entre as novidades da nova lei, atópanse tamén a regulación do fomento da produción amparada polos distintivos de calidade e a nova normativa de contratación pública de produtos alimentarios, centrada na redución do impacto ambiental. Ademais inclúe a creación de dous novos órganos: o Consello Alimentario de Galicia e a Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada de Galicia. O primeiro estará formado por representantes das administracións con competencias en materia alimentaria, organizacións, institucións e grupos públicos e privados. Un órgano colexiado que, entre as súas funcións ,estará propoñer e asesorar en labores, plans estratéxicos e proxectos normativos, ademais de propoñer liñas de investigación.

No que respecta á nova Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada estará formada por representantes de cada unha das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas de Galicia, do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e das principais asociacións de artesanía alimentaria, así como da propia Axencia Galega da Calidade Alimentaria e da Dirección Xeral de mercados de pesca. 

Polo demais, o presidente de Agacal anotou que en 2023 hai 6,6 millóns de euros orzamentados para proxectos de grupos operativos e de innovación agroforestal: 3,6 millóns para reforzar a participación do sector privado na investigación e máis de 3 millóns para proxectos piloto e novos procesos.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)