Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Dez cooperativas nunha cesta de Nadal



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 21 DE DECEMBRO DE 2022 · (0)



Preto de 600 traballadores de toda Galicia están a recibir este agasallo con leite, xamón de porco celta, mel, marmelada de arandos, fariña de castaña, viño, aceite, fabas verdinas e herbas aromáticas da terra que revindica o valor da economía social. O 68% das persoas que traballan nas nosas cooperativas reside no rural.


En Galicia 5 de cada 100 empresas son de economía social. CLUN (Cooperativa Rural Galega), con sede no concello coruñés de Ames, foi quen impulsou crear esta cesta de Nadal, proposta  que parte da idea “de colaborar entre nós, de aunar forzas. Se nos apoiamos podemos chegar máis lonxe. Porque as cooperativas en Galicia naceron deste xeito, sumando, e así queremos seguir facéndoo moitos anos máis”.

As outras que se suman son: vitivinícola Viña Costeira; Milhulloa, dedicada ao cultivo ecolóxico de plantas medicinais; Embruxo, de aceite de oliva; a apícola Erica Mel; Tres Fuciños, produtores de porco celta; Amarelante, dedicada ao cultivo ecolóxico e sostible de castañas; Ribeiregas, cuxa actividade se centra na produción de alimentos ecolóxicos; e Terras da Mariña, especializados no cultivo e comercialización de fabas. E a participación da correduría de seguros agraria Ucoga.

O que leva

Entre produtos da cesta está o mel monofloral de castiñeiro e o mel multifloral que proporciona a cooperativa Erica Mel. Herbas da Ulloa achega unha mestura de catro especias producidas na comarca lucense para enriquecer en sabor os pratos e ademais con propiedades antioxidantes, da cooperativa Muuhlloa; e a marmelada de arando está elaborada con froitas de produción ecolóxica da cooperativa Ribeiregas.

O viño espumoso Lúa forma parte do proxecto solidario “Viña Costeira Rural Alzheimer”, xestionado por AFAOR (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer), da cooperativa Viña Costeira mentres qye o aceite Embruxo é zume de oliva extraído en frío e sen filtrar, producido pola cooperativa Embruxo. CLUN ofrece leite Feiraco na súa edición especial de Nadal coa figura do Apalpador, unha edición solidaria para contribuír a recuperar os montes de Folgoso do Courel queimados. Tamén aporta leite Unicla, de categoría premium con altos valores nutricionais

A cesta contén fabas verdinas “Da Terriña” da cooperativa Terras da Mariña, de perfecta maridaxe con mariscos e peixes, cor esmeralda, pequeno tamaño e suave textura. Un produto gourmet con gran demanda nestas datas.  A cooperativa Tres Fuciños achega un exquisito xamón cortado a coitelo de porco celta criado en liberdade curado lentamente durante 36 meses. E finamente  cesta inclué fariña de castaña da cooperativa Amarelante, elaborada integramente con castañas secas, sen aditivos nin conservantes; perfecta para pizzas, pan, biscoitos e purés.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)