O valor dun bo deseño
“Inspiran novas iniciativas no tecido empresarial”. O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Francisco Conde, entregou onte á noite os III Premios Galicia de Innovación e Deseño a gañadores e finalistas. Os premiados, ademais do recoñecemento, levan 15.000 euros.
Nesta terceira edición dos premios postos en marcha pola Axencia Galega de Innovación tamén distinguise a traxectoria de Catalina Fernández de Ana Portela (Pontevedra) Fundadora e Directora Xeral de Hifas da Terra (na imaxe). Bióloga, micóloga, doutoranda na USC e membro de Executivas de Galicia, creou unha unha biotech de investigación cun alto grao de especialización a partir de fungos medicinais.
No apartado de innovación a Compañía Española de Algas Mariñas Ceamsa (O Porriño), gañouna categoría gran empresa. Traballan materias extraídas de algas que transforman para industrias alimentaria, farmacéutica e cosmética. En 2021 cumpriu 55 anos no polígono de As Gándaras do Porriño esta empresa fundada polo químico vasco Ignacio Alzueta e que hoxe dirixe o seu fillo Íñigo. Alén Space (Nigrán) gañou na de pequena e mediana empresa polos seus avances no ámbito dos pequenos satélites. Tras o éxito da primeira edición de 2018, organizaron o segundo congreso New Space España os pasados 27 e 28 de outubro en Vigo. O CEO de Alén Space, Guillermo Lamelas, lidera a firma.
Xa no apartado de deseño propiamente dito, foi premiada a creatividade do pontevedrés Isaac Piñeiro na categoría de profesionais. Este creador nado en 1976 formouse na escola de artes Mestre Mateo de Santiago, en Valencia estudou Deseño de produto na EASD, e continuou na Scuola Politécnica dei Milano. Os seus elegantes proxectos e mobles están baseados na simplicidade formal ademais de na eficiencia na concepción e produción. En 2017 creou Isaac Piñeiro Design Studio.
A mobilidade sostible de Unvi Carroceros (San Cibrao das Viñas) conseguiu o premio polo traballo en incorporación do deseño á estratexia de empresa. Esta carroceira con plantas no polígono de San Cibrao e na cidade portuguesa de Porto ten a Eva Legido como directora de Enxeñería, responsable dos programas nos que participa a compañía cuxa produción destacada é a carrocería sobre chasis, eléctrico desde 2017. Finalmente, Sara Regal gañou na categoría de talento emerxente. Nada en Viveiro en 1989 (aínda que reside en Mallorca) investiga novos materiais para deseñar espazos e obxectos tras formarse en Suíza, Londres e Hong Kong, creando para galerías e firmas de todo o mundo.
En Galicia o Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade DIFERENZA busca consolidar este ecosistema galego e apoiar a formación, ademais de ofrecer as axudas do DeseñaPeme, a creación dun mapa de provedores e a celebración de eventos.
Comentarios (0)