Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A Oficina de Promoción Tecnolóxico-Industrial da Cámara coruñesa estará a comezos de 2023



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 27 DE DECEMBRO DE 2022 · (0)



Ante a progresiva perda de peso do sector secundario fronte a un sector terciario que foi gañando protagonismo, chega para captar investimento tecnolóxico e industrial, principalmente en Industria 4.0. O padroado da Fundación aprobou a Memoria de Actuación, os orzamentos e está a pecharse o proceso de selección do xerente.


Ademais a reforma das instalacións que acollerán a oficina -na propia sede da Cámara- “está tamén a piques de finalizar”, aseguran dende a entidade. Buscarase a implicación de todos os axentes vinculados á promoción e a colaboración das empresas industriais tractoras máis importantes do territorio.

Os membros do Padroado (na imaxe) son o Presidente da Cámara, Antonio Couceiro; os dous vicepresidentes, Patricio Erhardt e Luz Pardo; o presidente da Comisión de Industria, Juan Quiroga; o director xeral, Manuel Galdo; e o subdirector, Carlos Fernández.

Xa está feito o Plan de Promoción Tecnolóxico-Industrial da Coruña e Área de Influencia promovido pola Cámara, que partiu dunha profunda análise da economía na zona. “Aínda que é certo que un sector de servizos forte é unha importante fonte de emprego e riqueza e unha gran vantaxe competitiva”, o estudo sinala que “hoxe está aceptado que a capacidade de crecemento económico nonpode nin debe depender exclusivamente destas actividades cunha perspectiva a longo prazo, mentres que un sector industrial potente resulta crave para o desenvolvemento dunha economía moderna e para a xeración de emprego”.

Hai 3 grandes obxectivos marcados:

  1. Mellorar os factores básicos de localización industrial completando a dotación de infraestruturas básicas e mellorando a coordinación institucional en materia de planificación do territorio. Tamén minguar os trámites administrativos á implantación de novos proxectos industriais.
  2. Unha mellora competitiva da industria local que garanta supervivencia e localización na área metropolitana, o que pasa por adecuar a capacitación dos e das profesionais do sector, fomentar a innovación, favorecer a diferenciación sectorial e a capacidade de achegar máis valor engadido, impulsar a internacionalización e intensificar a cooperación.
  3. O terceiro gran obxectivo pasa por máis proactividade na atracción de investimentos industriais para a área cunha promoción coordinada e a proxección dunha imaxe conxunta da área metropolitana como potencial receptora de investimentos.  


Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)