Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

"Os Bolechas falan das familias" na súa nova campaña coa asociación FAGAMOS



R.S · PUBLICADO O 27 DE NOVEMBRO DE 2023 · (0)



“Os Bolechas falan das familias” é a nova campaña divulgativa que a Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (FAGAMOS) puxo en marcha en colaboración cos Bolechas. O 27 de novembro visitaron o CEIP Casás de Lugo, en presenza da secretaria xeral de Igualdade, Sandra Vázquez e a presidenta da asociación FAGAMOS, Inmaculada Alonso.



A iniciativa está destinada as nenas e nenos en idade escolar e as súas familias, co fin de reforzar o concepto de diversidade familiar a partir do enfoque nas familias monoparentais, contribuíndo a normalizar a percepción das mesmas como un modelo máis dentro dos tipos de familias que existen.  O principal obxectivo é dar visibilidade a este modelo familiar, co fin de  educar aos cativos na diversidade e na corresponsabilidade, non só dentro da familia, senón tamén na corresponsabilidade social.

De forma lúdica e didáctica, os nenos e nenas poden aprender a través dos divertidos personaxes dos Bolechas sobre a aceptación e importancia da diversidade familiar, comparar as familias, comprender as principais ocupacións e dificultades das nais e pais e interiorizar a necesidade de colaborar nas tarefas da casa.

A través da proxección dun audiovisual, os Bolechas fixeron un repaso do seu novo libro - guía “Familias Monoparentais” mediante un teatriño cun Bolechas monicreque e un taller de xogo a modo de preguntas e desafíos entre a cativada. Ao finalizar a actuación, tivo lugar a entrega de materiais didácticos entre os asistentes, que recibiron un libro e un caderno de actividades.

Na web https://www.osbolechasfalandasfamilias.com/ poderase descargar o libro “Familias Monoparentais”, o audiolibro e uns cadernos de actividades, ademais de tarxetas para xogos grupais.

22 concellos

Esta nova actuación chega a 22 concellos de toda Galicia co fin de sensibilizar aos nenos e nenas no marco da diversidade familiar. O obxectivo principal é visibilizar o esforzo que exercen as nais e pais que crían sós aos seus fillos e fillas sen compartir esa responsabilidade familiar, así como as dificultades que atopan no seu día a día. A iniciativa enmárcase dentro do proxecto “Facemos corresponsabilidade 2023” no marco do Plan Corresponsables, co financiamento do Ministerio de Igualdade a través da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. 

Quen son FAGAMOS?

A Asociación de Familias Monomarentais de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro que contribúe ao becoñecemento da plena igualdade do modelo de familia monoparental, é dicir, aquelas familias nas que os pais e nais crían sós aos seus fillos e fillas sen axuda e sen compartir esa responsabilidade. A asociación loita polos seus dereitos e acolle todo tipo de familias monoparentais, tanto as que se conformaron así por decisión propia como nas que en orixe non o eran e por algunha circunstancia se atopan en situación de monoparentalidade.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)