Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

De ano a ano



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 21 DE FEBREIRO DE 2024 · (0)



En abril de 2023 Ponte Arnelas tivo que ser pechada ao tráfico porque a corrosión e oxidación na base das péndulas que sustentaban o arco provocou a rotura e afundimento de parte da calzada. O 20 de xullo autorizábase unha tramitación de emerxencia para a reconstrución da ponte que comunica Ribadumia e Vilanova de Arousa por 5,3 millóns. Hoxe, 21 de febreiro, foron izadas as estruturas para poder abrila ao tráfico de coches -e tamén a circulación peonil- o vindeiro abril, un ano despois do seu accidentado peche. 


As obras supoñen unha actuación importante sobre o tramo do río e cambios na ponte da PO-300 xa que perderá o seu arco e os seus tirantes pero gañará en estética. A solución adoptada: reforzar a cimentación coa disposición de pilas en ambas as marxes do río e unha nova estrutura metálica. Hoxe izáronse estas estruturas, manobra que ocupou toda a xornada porque son traballos complexos que precisan de dous guindastres, un en cada marxe do río.

As dúas estruturas izadas hoxe son en celosía, de 60 metros de longo e de 95 toneladas de peso cada unha que, unha vez situadas sobre as pilas, haberá que unir. As pezas preparáronse en taller e, por razóns de loxística e montaxe, cada unha dividiuse á súa vez en dúas pezas, e así foi como se transportaron.  

 Unha vez colocadas e asentadas sobre as pilas procederase á unión con perfís transversais mediante soldadura. Prevese que estes traballos prolónguense durante dúas semanas e media, aproximadamente, supeditados a condicións meteorolóxicas favorables que non semellan agora mesmo moi claras, vistas as predicións. Despois colocaranse as prelosas e procederase ao formigonado do taboleiro para, a continuación, colocar barreiras, executar o aglomerado e pintar. Finalmente, habilitaranse as ramplas de acceso da pasarela peonil que vai no nivel inferior, con varanda e pavimento.

Visitando esta mañá as obras desta importante infraestrutura para Vilanova de Arousa e Ribadumia e todo o interior da comarca, estiveron esta mañá o alcalde de Ribadumia, David Castro e o tenente de alcalde de Vilanova, Javier Tourís; xunto coa conselleira de Infraestruturas en funcións, Ethel Vázquez.

 

 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)