Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A firma galega Netex pecha un contrato de 3,5 millóns con PwC para un proxecto de formación en liña en Oriente Medio



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 23 DE FEBREIRO DE 2024 · (0)



A empresa, con sede en Oleiros, desenvolverá 340 horas de contido educativo co seu sistema “learning cloud” que, segundo explican, ofrece unha aprendizaxe que se axusta ás necesidades de cada organización. O contrato ten unha duración de tres anos nun momento no que están a abrirse a novos mercados. Netex, que ten de conselleiro delegado ao ferrolán Carlos Ezquerro, é a primeira empresa española do sector e-learning que cotiza en bolsa. 


“A colaboración con PwC Middle East supón un salto cualitativo, esta alianza establecerá novos estándares nas prácticas educativas de Oriente Medio”, valorou a empresa nun comunicado publicado no BME Growth. 

Nado en Ferrol en 1966 o CEO de Netex, Carlos Ezquerro (no centro da imaxe), estudou Económicas en Santiago. Entre 1994 e 1997 dirixe KH Business School que abandona para fundar Netex e-learning cando só 350.000 persoas en España tiñan internet.

Tras da fundación en 1998 de Netex en 2006 entra un fondo de investimento participado polas caixas de aforros, co 25% do capital, e en 2010 a empresa introdúcese con Santillana no mundo da educación o que lles permite dobrar a facturación.

Recentemente acumularon dous exercicios consecutivos con perdas netas pero medrando en facturación: 23,82 millóns de euros no curso 2022-2023, un 14,5% máis que os 20,81 millóns de euros ingresados no anterios. “Débese ao propio crecemento orgánico da compañía, que no exercicio anterior medrara xa un 70% como consecuencia da adquisición de Virtual College”, explica a empresa con sede central no concello coruñés pero oficinas en Madrid, Barcelona, Londres, Nova York, Ciudad de México e São Paulo. 

 Están presentes en máis de 40 países, directamente ou a través da canle de distribuidores e varias consultoras independentes referenciaron a firma como unha das empresas máis importantes pola innovación das propostas, de feito foron premiados varias veces.

 





Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)