A Asociación Española Contra o Cancro entrega as axudas á investigación 2023
A Asociación Española Contra o Cancro presentou as axudas á investigación que a entidade concede na provincia da Coruña por valor de 715.000 euros, que se suman aos máis de 500.000 euros adxudicados en novembro pasado a investigadores predoutorais e estudantes en prácticas.
O acto tivo lugar esta mañá na sede do Colexio de Médicos da Coruña onde, admeais das persoas adxudicatarias, estiveron responsables dos centros aos que pertencen e a directiva provincial da AECC.

A axuda a Proxectos Xerais AECC, coa dotación máis importante, case 300.000 euros, foi para o Dr. Miguel López, director do grupo NeuroObesidade do Cimus, que empregará eses fondos nunha liña de investigación centrada no tratamento da caquexia asociada ao cancro (síndrome de deterioración progresiva que provoca a perda de tecido músculoesqueletico e graxa) empregando nanomedicina no cerebro.
O Dr. Roberto Piñeiro Cid, do grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), recibiu 200.000 euros da Axuda Investigador AECC para o desenvolvemento dunha investigación centrada en entender os mecanismos moleculares de adaptación do tumor aos tratamentos do cancro de mama luminal metastásico.
A Dra. Angélica Figueroa, líder do grupo de Plasticidade Epitelial e Metástase do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic), recibiu a Axuda AECC Innova, de 180.000 euros, para o desenvolvemento de novos compostos (xa identificados polo seu equipo) capaces de bloquear o desenvolvemento tumoral e as metástases en cancro de colon.
A Axuda Ideas Semente AECC, de 20.000 euros, foi para a Dra. Lara García, da Universidade de Santiago, que pretende mellorar o diagnóstico precoz de tumores cerebrais e a selección de tratamentos personalizados a través da imaxe molecular mediante unha técnica innovadora chamada ImmunoPET. Pola súa banda, Aurora Gómez, investigadora principal no MitoPhenomics Lab do Cimus e (adxudicataria doutra Axuda Ideas Semente AECC) explicou o seu traballo sobre o papel das variantes do ADN mitocondrial na formación de tumores e metástases mediante modelos animais.
E Sofía Silva, médica residente no servizo de Oncoloxía do CHUAC, recibiu a Axuda Clínico Formación AECC (dotada con 2.250 euros) para cursar un diploma de especialización en oncoloxía translacional durante 2024.
Tanto as persoas investigadores como as responsables dos distintos centros incidiron na importancia de apostar pola investigación e destacaron a "inestimable axuda" que presta a Asociación Española Contra o Cancro a través deste tipo de convocatorias. O presidente da entidade, Manuel Aguilar, asegurou que "a investigación oncolóxica non é só un desafío científico, tamén é una responsabilidade social compartida. Debemos continuar investigando e garantir que os avances chegan a aqueles que máis os precisan”.
Comentarios (0)