Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Un adeus evitable



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 23 DE FEBREIRO DE 2024 · (0)



O espectacular ascensor-mirador Halo de Vigo acumula nuns días milleiros de visitantes e dous suicidios (tres contando un previo á inaguración). Aberto o debate sobre a seguridade dunha obra de enxeñaría que conecta o Centro Comercial Vialia corazón da cidade, o certo é que cando alguén decide rematar coa súa vida non hai muros físicos que valgan, a protección é previa e de tipo emocional. 40 psiquiatras, psicólogos e persoal de enfermería das Unidades de Prevención do Suicidio e da rede de saúde mental do Sergas, formáronse onte e hoxe para tentar previr un impulso sen volta atrás.


A cita tivo moi boa acollida por parte dos profesionais, houbo máis de 90 rexistrados, así que o curso, segundo os organizadores, terá unha segunda edición nos próximos meses.

A cira foi na sede da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) onde o psiquiatra do Servizo Vasco de Saúde Jon García Hormaza, e o profesor de psicoloxía da Universidade do País Vasco, Alexander Muela, explicaron en detalle o programa SUPERA de intervención cognitivo conductual. 

Trátase dun modelo de intervención breve (8 sesións) multidisciplinar (mestura psicoloxía, psiquiatría, enfermería), e inspirado en técnicas  como o modelo do profesor Craig J. Bryan da Universidade de Ohio, con quen colabora o profesor Muela. 

En Galicia fóronse abrindo novas Unidades de prevención de suicidio que establecen un tempo de atención non superior a sete días desde a derivación desde outros servizos sanitarios, polo que se reduce a 72 horas en caso de apreciarse alto risco. As unidades contan con psicologos, psiquiatras e enfermeiros especialistas en saúde mental. O Plan de saúde mental 2020-2024 conta cunha dotación orzamentaria de 83 millóns de euros para os catro anos, dos que 36 millóns están consignados a un aumento progresivo de persoal, ata crear 241 prazas. Sen embargo, e malia que cómpre medidas, a saúde mental é complexa, son moitos os factores de fondo que inflúen nela e moitas as preguntas, nun momento onde temos as necesidades básicas case sempre cubertas pero medran os problemas emocionais e psicolóxicos. 

Somos a segunda comunidade en taxa de suicidios en España, tras Asturias. En España o suicidio é a principal causa externa de mortalidade. En Galicia, no ano 2021, morreron 224 homes e 107 mulleres, unha taxa de 12,28 suicidios por cada 100.000 habitantes, fronte ao 7,79% nacional. En xeral, o confinamento reduciu o número de suicidios no ano 2020, pero a volta á normalidade en 2021 tivo un efecto rebote, cun incremento. En datos absolutos, A Coruña é a provincia que máis suicidios rexistra. Sen embargo en termos relativos, a taxa de incidencia mostra que o suicidio é máis relevante en Lugo, con 15,95 suicidios por cada 100.000 habitantes.





Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)