Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Seguen as folgas e mobilizacións no sector financeiro



REDACCIÓN · PUBLICADO O 26 DE FEBREIRO DE 2024 · (0)



Nun 82% cifra o seguimento da folga de hoxe na banca galega o sindicato CC. OO., convocante do paro de dúas horas xunto con FINE e UGT. O xoves está prevista outra mobilización no bancos da AEB (Asociación Española de Banca). 


Nun momento de beneficios “estratosféricos” da banca, o aumento dos salarios é raquítico e suprímense dereitos. Iso é que denuncian tódolos sindicatos, que manteñen as mobilizacións no sector. 

Segundo a Federación de Servizos de CC. OO. o seguimento en Galicia da "histórica" folga do sector financeiro, á que estaban chamadas a participar hoxe 7.600 persoas, foi do 82 %. Oito de cada dez traballadoras e traballadores do sector secundaron o paro de dúas horas, entre as 8 e as 10 da mañá. Ademais, houbo tamén concentracións na Coruña e en Vigo. "Atrasamos dúas horas a nosa entrada ao traballo, mais avanzamos tres anos para o futuro", advertían desde o sindicato, que convocou a folga conxuntamente coa UGT e FINE.

Un paro histórico, pois nunca antes se mobilizaran, ao mesmo tempo, a banca, o aforro e as cooperativas de crédito, que empregan a 2.600, 4.800 e 200 persoas en Galicia, respectivamente. CC. OO. insta as cúpulas directivas dun sector que bateu todas as súas marcas de beneficios, a reverteren os seus aumentos de soldos e reparticións de dividendos para incrementar, de maneira xusta, os salarios do persoal, fixar un límite sectorial e por empresa do tipo de xuro dos empréstamos, reducir a carga laboral e a presión comercial, así como dotar os centros de traballo do persoal axeitado para dar un servizo de calidade.

Nova folga o xoves

Este 29 de febreiro, CIG, ELA, SEC (BBVA) e La Intersindical convocaron mobilizacións nos bancos da Asociación Española de Banca, en demanda de melloras no convenio colectivo. Estas centrais, que apoiaron os paros parciais convocados hoxe polos sindicatos estatais, piden unión ante o "deterioro" das condicións laborais e o “clima laboral tóxico”. 

Denuncian que os grandes bancos veñen de publicar uns beneficios históricos ante os que ”non podemos deixar pasar este momento para negociar e recuperar dereitos”. Reclaman a recuperación do poder adquisitivo, que se poña freo á presión comercial desmedida e que se remate coa precarización do traballo no sector bancario.

Aumentar a mobilidade

Actualmente as empresas poden mover o persoal ata 25 quilómetros, pero preténdese aumentar aos 50 km, o que supón graves prexuízos para as persoas traballadores. Desde a CIG aseguran que en Galicia “esa mobilidade é moito máis lesiva porque non hai transporte público como pode haber noutros territorios”, a orografía é moito máis complicada e engade redución salarial, porque “ao final os gastos da mobilidade sopórtaos a persoa que ten que desprazarse”.

A iso únese unha presión comercial “desproporcionada e brutal”. O persoal “non consigue desconectar, están absolutamente invadidos polos obxectivos comerciais que teñen que conseguir no seu día a día, a desconexión dixital non existe porque teñen que enviar reportes polas tardes[…]”. Rosa Conde, responsable do Sector Bancario da CIG-Banca asegura que o persoal está “moi queimado” e que se está "a xogar coa saúde da xente”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)